Concello da Coruña

Concello da Coruña

Aprobación inicial da modificación específica da Ordenanza municipal reguladora da tenencia e protección dos animais na Coruña

O texto aprobado polo Pleno do Concello someterase nos vindeiros días aos trámites de audiencia e información pública, para que os interesados poidan presentar as reclamacións ou suxestións que consideren necesarias

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

21/04/2023

Xa rematou

Actualmente e no ámbito do Estado estase a tramitar unha nova Lei de Benestar Animal que demandará unha nova ordenanza municipal axustada á normativa no seu momento vixente. Descoñecendo cando se producirá este cambio normativo estatal, considérase conveniente proceder agora a unha modificación puntual, parcial e moi limitada da actual ordenanza existente, co propósito de mellorar a convivencia dos animais coa veciñanza, con especial atención á salubridade e á demanda social de habilitar unha praia para o esparexemento libre dos cans, sempre baixo o directo control das persoas posuidoras. Ademáis, preténdese corrixir aqueles puntos da ordenanza que non seatopan actualmente adaptados á normativa vixente. 

Nese contexto, o Pleno do Concello de A Coruña aprobou na sesión ordinaria celebrada o 13 de abril de 2023 a modificación puntual da Ordenanza municipal para a protección e tenencia de  animais, que consistiu nun cambio na redacción dos artigos 5, 6, 7, 13, 15, 16, 22, 23, 28, 29, 33, 34, 37, 38 e 39.

Na mesma sesión, acordouse someter a dita aprobación aos trámites de información pública e audiencia ás persoas interesadas polo prazo de trinta días, que se contarán dende o día seguinte ao da publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. A publicación no BOP terá lugar nuns días. Durante ese prazo calquera persoa interesada poderá presentar as reclamacións ou suxestións que entenda procedentes.

A modificación aprobada afecta ao seguinte articulado que pasa a ter ésta redacción:

Artigo 5.4

"Aos animais salvaxes en catividade aplicaraselles as medidas sanitarias e hixiénicas previstas nesta Ordenanza, así coma as previstas na normativa vixente en materia de protección animal".

Artigo 6

"As leiteiras, cortes, cortellos e currais de gando e aves so poderanse establecer nas zonas rurais do Municipio. En todo caso, requirirase a tramitación dos expedientes esixidos pola normativa vixente na materia para garantir tanto o aspecto hixiénico-sanitario e adecuación das instalacións, como a ausencia de incomodidades, molestias ou perigosidade para a veciñanza ou outras persoas.

Prohíbese a cría doméstica de aves, coellos, pombas e outros animais análogos en vivendas particulares do núcleo urbano, xa sexa en terrazas, peches ou patios".

Artigo 7.3

"Prohíbese a circulación ou permanencia de cans e outros animais nas praias no período estival, entendéndose como entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.  Exceptúase da anterior prohibición a cala de Bens, que pasa a ter a consideración de "praia canina". A esta praia poderán acudir durante todo o ano as persoas usuarias acompañadas dos seus cans, debendo manter en todo momento un control permanente e directo dos animais, de forma que non produzan molestias a outras persoas usuarias. Quen acudan en compañía dos seus animais deberán recoller os seus excrementos inmediatamente despois de que se produzan.

Noutros areais do municipio, o Goberno local poderá, ademais, designar áreas de esparexemento canino temporais ou permanentes nas que os cans poderán permanecer sen correa, independentemente da época do ano, sempre baixo a vixilancia das persoas responsables dos cans".

Artigo 13

"1. O Concello recollerá os animais abandonados e conservaraos ata que sexan reclamados, acollidos ou adoptados.

2. Se o animal non está identificado e, non  ten propietario ou propietaria coñecido, considerarase animal abandonado. Se transcorridos dez días naturais desde a  entrada nas instalacións da canceira municipal non fose reclamado pola persoa propietaria, posuidora ou persoa  autorizada, previa acreditación de titularidade ou posesión, o centro queda facultado para darlle o destino que legalmente proceda.

3. Se o animal está identificado avisarase á persoa propietaria, quen disporá dun prazo de dez días naturais para recuperalo, unha vez pagados os gastos orixinados pola súa recollida e mantemento. Transcorrido este prazo sen que o animal fose retirado, este terá a consideración de animal abandonado, o que habilitará ao Concello para darlle o destino que legalmente proceda.

4. Os animais acollidos nas instalacións da canceira municipal non poderán ser  retirados dela polos seus propietarios sen satisfacer, se é o caso, os gastos xerados polo seu censo e identificación. Así mesmo, pagarán os gastos de recollida, mantemento e coidados, segundo o disposto nas Ordenanzas fiscais vixentes en cada momento, os de asistencia veterinaria, de precisala, e vacinación, se for o caso.

5. O Concello dispón de instalacións en condicións sanitarias adecuadas para o aloxamento dos animais recollidos, sempre que non sexan reclamados polas persoas propietarias ou posuidoras, nin se  manteñan en observación.

6. Os medios que se vaian utilizar na captura e transporte de animais vagabundos ou abandonados terán as condicións hixiénico-sanitarias e estarán adecuadamente atendidos por persoal cualificado".

Artigo 15.1

"O órgano competente da Xunta de Galicia, con base na competencia establecida na normativa vixente en materia de protección animal, poderá ordenar a vacinación ou o tratamento obrigatorio dos animais domésticos".

Artigo 16.3

"Queda absolutamente prohibido que as persoas propietarias ou posuidoras de cans permitan que os seus animais defequen en parques infantís ou xardíns de uso frecuente polos nenos. Así mesmo, están obrigadas a recoller, inmediatamente despois de que se produzan, as deposicións dos seus animais na vía pública e espazos privados  de uso público".

Artigo 16.4

"As deposicións que se produzan serán recollidas de xeito inmediato polas persoas propietarias ou posuidoras dos cans e colocaranse de forma hixienicamente aceptable nos colectores destinados á fracción orgánica e/ou nos lugares que a Entidade Municipal poida destinar expresamente para tal fin. Queda prohibido depositalos nas papeleiras públicas ou nas entradas dos sumidoiros".

Artigo 16.5

 "Toda persoa que pasee con cans pola vía pública ou espazos privados de uso  público deberá adoptar as medidas necesarias para evitar que os ensucien coas súas deposicións e miccións. Para este fin, deberá levar unha botella de auga mesturada con zume de limón ou bicarbonato de sodio para minimizar o impacto da micción. Este líquido debe ser vertido sobre a micción inmediatamente despois de que se produza".

Artigo 22

"Non está permitido alimentar animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas e en espazos privados de uso público sen contar coa correspondente autorización municipal, nos termos establecidos na lexislación vixente en materia de protección animal.

Para a alimentación e coidado de gatos ferais, o Concello impulsará a implantación de colonias felinas controladas mediante o método CER (Captura, Esterilización e Retorno), co obxectivo de manter controladas e en boas condicións sanitarias as poboacións de gatos ferais. A tal fin, o Concello desenvolverá protocolos para levar a cabo  con medios propios ou en colaboración con asociacións protectoras de animais as tarefas propias do método CER, xunto coa alimentación, desparasitación e coidado e hixiene da contorna da colonia felina".

Artigo 23

"1. Os cans vagabundos atopados no termo municipal da Coruña serán recollidos polo servizo de lacería municipal e trasladados ás instalacións da canceira municipal ou a aquelas outras  que a autoridade municipal determine, onde serán debidamente atendidos. ata que sexan recuperados, trasladados ou adoptados. Os servizos municipais actuarán por iniciativa e planificación propias ou por queixas dos cidadáns.

2.  De non estar identificado o can, seguirase o procedemento previsto no artigo 13.2 desta Ordenanza. En caso contrario, seguirase o procedemento do artigo 13.3.

3. Este Concello fomentará a adopción de  animais domésticos abandonados.

4. A retirada dos animais das instalacións da canceira municipal deberá realizarse en horario de servizo, logo do pago das taxas correspondentes.

5. Os gatos ferais poderán acollerse a este mesmo procedemento ou ben, de xeito preferente, á xestión dunha colonia felina controlada a través do método CER  descrito no artigo 22 desta ordenanza".

Artigo 28.5

"Abandonalos, tanto na vía pública como en espazos privados de uso público, así como en vivendas, espazos pechados ou lugares nos que estes animais eran atendidos polas persoas propietarias".

Artigo 28.6

"Utilizalos en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades se elo pode ocasionarlles sufrimentos ou  implican maltrato ou crueldade".

Artigo 29

"Os refuxios, criadeiros, establecementos de venda, recollida e experimentación e os adicados á exposición de animais salvaxes en catividade, sen prexuízo das condicións establecidas na normativa vixentes deberán reunir as seguintes  características:

Artigo 33

"1. Tipifícanse coma infracións leves:

a) A venda, doazón ou cesión de animais a menores de dezaseis anos ou a persoas con discapacidade sen a autorización da persoa titular da patria potestade, tutela ou garda.

b) O agasallo de animais de compañía como recompensa ou premio en eventos ou atraccións públicas.

c) A exhibición de animais de compañía destinados á venda en escaparates ou zonas expostas á vía pública ou como reclamo comercial.

d) Non manter os animais en condicións hixiénico-sanitarias adecuadas e/ou non someter os animais aos recoñecementos veterinarios necesarios.

e) Manter os animais en instalacións que non cumpran os requisitos establecidos na normativa vixente en materia de protección animal.

f) Non proporcionar aos animais alimentos e bebidas suficientes e adecuados ás súas necesidades, salvo prescrición veterinaria, a menos que o prexuízo ao animal fose grave ou moi grave.

g) Exercer a venda de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados.

h) Transportar animais en condicións inadecuadas ou en maleteiros non especialmente adaptados, incumprindo así as obrigas establecidas na normativa vixente en materia de protección animal, sempre que os animais non sufran danos.

i) Non recoller inmediatamente os excrementos evacuados por un animal de compañía. en vías públicas ou en espazos privados de uso público.

j) Alimentar os animais vagabundos ou perdidos na vía pública sen a correspondente autorización municipal, salvo en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais.

k) Non adoptar as medidas necesarias para impedir que o animal acceda libremente a vías ou espazos públicos ou privados, así como non impedir o libre acceso do animal a outros animais ou o contacto sen autorización con persoas ou cousas, e así mesmo non impedir a entrada do animal en recintos ou lugares non autorizados.

l) Manter nun mesmo recinto ou en vivendas particulares máis de cinco animais, ou dos que a Entidade Municipal, tendo en conta o caso concreto, puidese establecer, incumprindo o disposto na normativa vixente en materia de protección animal.

m) Non manter actualizados os datos comunicados aos rexistros preceptivos previstos na normativa vixente en materia de protección animal.

n) Non contar coa formación necesaria para o manexo e atención dos animais aloxados en centros de cría, venda e importación de animais.

ñ) As molestias ocasionadas á veciñanza polo incumprimento do disposto no artigo 4 desta Ordenanza

o) Incumprir as persoas propietarias ou posuidoras dos animais a obriga de levar unha botella con auga mesturada con zume de limón ou bicarbonato sódico, en cantidade suficiente para eliminar a micción dos animais na vía pública ou en espazos privados de uso público inmediatamente despois de producirse.

p) Incumprir as persoas propietarias ou posuidoras dos animais a obriga de eliminar a micción dos animais na vía  pública ou en espazos privados de uso  público inmediatamente despois de que  se produza botando sobre elas unha  cantidade suficiente de auga, mesturada con zume de limón ou bicarbonato sódico.

q) Calquera outra actuación que supoña o incumprimento das obrigas establecidas nesta Ordenanza ou a infración das prohibicións nela establecidas e que non estean tipificadas como infración grave ou moi grave.

2. Son infracións graves:

a) O maltrato aos animais que lles causen dor, sufrimento, lesións ou danos non incapacitantes ou irreversibles.

b) Non proporcionar aos animais os tratamentos necesarios para previr o seu sufrimento.

c) A non identificación dos animais, cando sexa obrigatoria segundo o disposto na normativa vixente en materia de protección animal.

d) A utilización de calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou impedir a mobilidade dos animais, lles  cause dor, dano, sufrimento, deterioro ou estrés innecesario, especialmente aqueles que lles impidan manter a cabeza na posición natural, agás prescrición veterinaria, ou manter os animais da especie canina atados de forma permanente ou limitarlles os movementos que sexan necesarios durante a maior parte do día, e o uso de instrumentos ou métodos prexudiciais de suxeición, retención ou adestramento, como colares eléctricos que producen descargas.

e) Levar animais atados a vehículos a motor en movemento.

f) Non adoptar as medidas necesarias para evitar a reprodución incontrolada dos animais, nos termos previstos na normativa vixente en materia de protección animal.

g) O abandono de animais de compañía, nos termos previstos nesta Ordenanza e na normativa vixente en materia de protección animal.

h) A reiterada venda de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados, nos termos previstos na normativa vixente en materia de protección animal.

i) A venda de animais salvaxes mantidos en catividade fóra dos establecementos autorizados.

j) O incumprimento das obrigas establecidas na normativa vixente en  materia de protección animal para establecementos e eventos con animais de  compañía, salvo que constitúa infración moi grave, e o transporte inadecuado de animais de compañía incumprindo as obrigas establecidas na normativa vixente en materia de animais de compañía.

k) A utilización de animais en traballos que os inmobilicen provocando dor.

l) A venda de animais enfermos ou con defectos coñecidos pola parte vendedora, salvo o previsto na normativa vixente en materia de protección animal.

m) A cría con fins comerciais ou a comercialización de animais sen cumprir os requisitos establecidos na normativa vixente en materia de protección animal.

n) A recollida de animais extraviados ou perdidos sen a correspondente autorización, salvo nos supostos previstos  na normativa vixente en materia de protección animal.

ñ) A cesión en adopción de animais abandonados sen reunir os requisitos establecidos nesta Ordenanza e na normativa vixente en materia de protección animal.

o) Ser titular dun establecemento ou recinto de núcleo zoolóxico sen estar en posesión das autorización administrativas previstas na normativa vixente en materia de protección animal.

p) Non ter subscrito un seguro de responsabilidade civil ou non telo renovado, no caso de tenza de cans clasificados como potencialmente perigosos.

q) A negativa ou resistencia a facilitar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes, ou os seus axentes, para o cumprimento das función establecidas nesta Ordenanza e demais normativa aplicable en materia de protección animal, así como a subministración de información inexacta ou documentación falsa.

r) Utilizar animais para a realización de traballos que poñan en risco a súa saúde, utilizándoos como reclamo na mendicidade ou en calquera outra actividade ambulante, ou o seu uso en atraccións de feira e outras análogas, salvo autorización da autoridade  competente.

s) A comisión dunha infración administrativa leve cando no prazo dun ano o suxeito fose sancionado por unha ou máis infracións leves e a resolución ou resolucións sancionadoras fosen firme en vía administrativa.

Son infracións moi graves:

a) O maltrato aos animais que lles causen a morte ou lles provoquen lesións ou danos incapacitantes ou irreversibles.

b) A manipulación da identificación dos animais de compañía en todo caso.

c) A organización e celebración de pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade que implique maltrato,  crueldade ou sufrimento.

d) A venda de animais cunha enfermidade infecto contaxiosa coñecida pola parte vendedora.

e) A mutilación de animais sen prescrición e control veterinario, así como a esterilización e intervención cirúrxica de animais non realizadas por un profesional veterinario.

f) A subministración de estimulantes non autorizados ou substancias que poidan ameazar a saúde dos animais de compañía, salvo prescrición veterinaria.

g) O incumprimento da orde de inmobilización dos animais acordada polas autoridades competentes.

h) Obstaculizar o cumprimento das medidas provisionais.

i) Educar aos animais de forma agresiva, estresante ou violenta, así como  instigalos ou preparalos para pelexas ou ataques nos termos previstos na  normativa vixente en materia de protección animal.

j) Non adoptar as medidas necesarias para evitar que os animais causen danos á saúde pública ou animal ou á seguridade pública.

k) Disparar intencionadamente aos animais, salvo nos supostos previstos na normativa vixente en materia de protección animal para a eutanasia.

l) A práctica da eutanasia de animais incumprindo o disposto na normativa vixente en materia de protección animal.

m) O uso e tenencia de animais de especies silvestres nos circos.

n) A comisión dunha infración  administrativa grave cando no prazo dun ano o mesmo suxeito fose sancionado pola comisión dunha ou máis infracións graves e a resolución ou resolucións sancionadoras fosen firmes en vía administrativa.

Artigo 34

"As infracións sinaladas no artigo anterior sancionaranse con multas de:

a) As leves, de 100€ a 500€

b) As graves, de 501€ a 5.000€

c) As moi graves, de 5.001€ a 30.000€

O importe destas sancións poderá ser actualizado nos termos previstos na lexislación vixente en materia de protección animal".

Artigo 37

"O exercicio da potestade sancionadora prevista nesta Ordenanza requirirá a incoación e instrución do correspondente expediente administrativo de  conformidade co disposto na normativa  reguladora do procedemento administrativo común das administración públicas,con observancia dos principios recollidos na Lei do réxime xurídico do sector público".

Artigo 38

"As infracións previstas nesta Ordenanza serán sancionadas polas persoas que teñan atribuída esta competencia de acordo coa lexislación vixente en materia de protección animal. En todo caso, correspóndelle a incoación e tramitación dos procedementos incoados para a comisión das infraccións tipificadas nas letras c), i), j), ñ), o), p) e q) do artigo 33.1. á persoa titular da Alcaldía a resolución do correspondente expediente sancionador".

Artigo 39

"1. As infracións previstas nesta Ordenanza prescribirán ao ano as leves, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.

O   prazo   de   prescrición   comezará   a contarse desde o día en que se cometese a infración. No caso de infracións continuadas ou permanentes, o prazo  comezará a contar desde a finalización da conduta infractora.

2. As sancións administrativas impostas por infracións leves prescribirán aos dous anos, ás graves aos tres anos e ás moi graves aos catro anos, contados a partir do día seguinte a aquel en que a aquel en que  fose executiva a resolución pola que se impón a sanción, ou teña transcorrido o prazo para recorrela. No suposto de  desestimación presunta do recurso de reposición interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo legalmente establecido para a resolución do dito recurso".

No caso de que non se presenten reclamacións nin suxestións, entenderase definitivamente aprobada a modificación da Ordenanza municipal de protección e tenencia de animais do Concello da Coruña.

A aprobación definitiva e o texto final será publicados no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, sen que entren en vigor ata que se leve a cabo a citada publicación e transcorra o prazo de 15 días hábiles referido no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local.

A Ordenanza municipal de protección e tenencia de animais sobre a que agora se efectúa esta modificación aprobouse o 9 de xuño de 1997. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión