Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de maio de 2018

A Concellería de Medio Ambiente conclúe a consulta previa á licitación da recollida de residuos, "un proceso pioneiro, que mellora a transparencia e a participación", ao que contribuíron 27 entidades con 170 achegas

A concelleira María García salienta a “extraordinaria utilidade” deste trámite, no que participaron empresas, asociacións profesionais, sociais e ecoloxistas e representantes laborais, e que dará paso á fiscalización do prego por parte da Asesoría Xurídica e a Intervención municipal

A concelleira de Medio Ambiente, María García, mantivo este venres á mañá unha reunión con representantes do comité de empresa de Ferrovial-Cespa, empresa que realiza a recollida de residuos, limpeza viaria e contenerización, unha xuntanza que serve para pechar a mesa paritaria de traballo creada entre ambas partes dentro do proceso de consulta pública do borrador do prego que rexerá o vindeiro contrato do servizo. Con ela culmínase, en palabras da responsable municipal, este trámite de consulta pública previa, "o primeiro que se realiza para un prego destas características,  tanto en Galicia como a nivel estatal e unha práctica innovadora, que afonda na transparencia da contratación pública, especialmente naqueles contratos de maior envergadura e peso, como ocorre co de recollida de residuos, e favorece a participación". Nel, a concellería recolleu un total de 170 achegas de 27 fontes, tanto a través da consulta formal, por escrito e dentro do prazo habilitado entre febreiro e marzo, a través do formulario na web de Medio Ambiente, como por canles informais, derivadas das 11 entrevistas mantidas con diversos axentes nas últimas semanas.

Nese sentido, García valora como "extraordinariamente produtivo" este procedemento, no que tomaron parte 27 entidades, entre empresas, asociacións de hostalería, comercio e veciñais, ademais das federacións veciñais e de comercio e asociacións ecoloxistas, e representantes dos traballadores, ademais de persoas a título particular. No que ten que ver coas empresas, a consulta foi, segundo aprecia a responsable municipal, "moi positiva, polas achegas sobre elementos técnicos e de innovación", e polas precisións que, segundo subliña a edil, servirán para mellorar o control de calidade que presidirá o servizo. En canto ás achegas procedentes de entidades profesionais e sociais, García destaca que as incorporacións introducen "parámetros relevantes para o coidado do espazo público, como o que ten que ver co tamaño, tipoloxía e características dos contedores para adaptalos ás necesidades dos diferentes colectivos", e tamén incide en cuestións como os horarios das rutas de recollida. Como salienta a concelleira, o traballo co cadro de persoal fíxose a través da mesa específica que hoxe finalizou, ao que se sumaron encontros cos sindicatos que así o solicitaron, "de cara a favorecer, a través das cláusulas do prego, o emprego de calidade para o cadro de persoal, garantindo as súas condicións laborais".

Para abundar na transparencia deste procedemento innovador que hoxe conclúe, o contido das aportacións, unha vez fiscalizadas, farase público no momento de licitación do prego, que entra agora en fase de preparación co trámite de fiscalización dos pregos -unha vez incorporadas as consultas- por parte da Asesoría Xurídica e a Intervención municipal. Tan pronto como estea rematado este paso, abrirase o proceso de licitación, coa publicación das ofertas no perfil do contratante.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión