Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de maio de 2020

A Coruña participa no encontro internacional dos proxectos europeos RU:RBAN e International Urban Cooperation (IUC)

O pasado mes de maio, o Concello da Coruña, a través do Proxecto Europeo RU:RBAN, participou na reunión internacional promovida pola cidade de Roma, para discutir e intercambiar ideas sobre a creación de hortos urbanos coa cidade de Barranquilla (Colombia).

Esta reunión prodúcese no contexto do impulso á colaboración entre cidades auspiciado polo Programa Europeo International Urban Cooperation (IUC) e Proxecto Europeo RU:RBAN - URBACT NETWORK que lidera Roma e do que é socio A Coruña.

A situación social provocada pola pandemia COVID-19 impulsou a xa existente motivación de ámbito mundial de promover iniciativas destinadas á creación de recursos relacionados cunha alimentación sustentable baseada en produtos saudables e accesibles. Neste sentido, a cidade de Barranquilla quere crear hortos urbanos para a súa cidadanía para o que solicitou o asesoramento de Roma.

Roma ten unha ampla traxectoria e coñecemento acumulado na creación de hortos urbanos. O 65% do seu territorio está formado por áreas verdes, das cales a metade se utilizan para actividades agrícolas. É por iso que Roma é o municipio agrícola máis grande de Europa, actualmente con máis de 200 hortos comunitarios diseminados por todo o seu territorio. As características da boa xestión dos hortos urbanos residen nos "hortos comunitarios" e na "cidadanía activa" de Roma, formada por asociacións de cidadáns e cidadás ás que o Concello de Roma asigna a xestión dos hortos.

Todo isto fixo posible o recoñecemento de Roma como "cidade de boas prácticas na xestión de hortos urbanos" pola Secretaría Conxunta Europea de URBACT e a consecuente posta en marcha do proxecto europeo RU:RBAN, cuxo obxectivo é a transferencia destas boas prácticas.

Na reunión discutíronse e intercambiáronse ideas sobre as accións necesarias para implementar hortos urbanos, a metodoloxía de traballo no seu deseño tendo en conta os aspectos sociais e técnicos así como os pasos para seguir para crealos e mantelos.

Neste sentido, A Coruña achegou o documento "Vademecum para a creación de hortos urbanos", elaborado polo equipo municipal do proxecto RU:RBAN, que resultou de grande utilidade para enfocar o proceso de creación de hortos urbanos desde a súa formulación inicial e que parte da concepción do horto como un ecosistema propio, formado polo solo, o clima, a vexetación temporal (cultivos de estación), a vexetación permanente ao longo do ano (cultivos perennes e plantas aromáticas) e a fauna, que se xestiona de maneira comunitaria e responsable polo colectivo de persoas usuarias en colaboración coa autoridade municipal.

No documento detállanse os pasos para seguir na fase inicial, as áreas de goberno municipal ás que afecta, a importancia do modelo de xestión do horto urbano e da normativa que rexe o seu funcionamento, o papel da figura do "Dinamizador de Hortos (Gardeniser)", a inclusión dos hortos escolares e os aspectos técnicos de carácter agrícolas que é necesario ter en conta.

Vademecum para implementar hortos urbanos (211 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión