Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xuño de 2018

A concelleira María García destaca a implicación e o traballo do dispositivo de seguridade e sanitario nunha noite na que 120.000 persoas se achegaron ás praias da cidade e 50.000 aos barrios

A edil de Medio Ambiente salienta o éxito do dispositivo de San Xoán, "no que as praias de Matadoiro, San Amaro, Oza e As Lapas acadaron practicamente o residuo cero"

A responsable municipal salienta “a considerable redución de lixo, que axilizou tamén o traballo do servizo de limpeza e permitiu a pronta apertura de praias”. Ás 11.00 horas da mañá os servizos municipais recolleran un total de 61 toneladas de residuos, “case a metade que no 2017 á mesma hora”

A concelleira de Medio Ambiente, María García, fixo esta mañá un primeiro balance da noite de San Xoán na Coruña, "unha celebración que transcorreu tranquila, na que a cidadanía fixo un alarde de civismo", e á que asistiron unhas 170.000 persoas. "Este ano contamos cunha grande afluencia de visitantes na festa, con 120.000 persoas nos areais da cidade, e unhas 50.000 nos barrios. Sen dúbida foi un San Xoán popular, da cultura local e da sensibilidade ambiental", valorou a concelleira, quen se referiu ao descenso de residuos até acadar, nalgúns areais, espazos sen lixo. "O balance é positivo. O cambio avanza e o volume de residuos é moitísimo menor, en especial nas praias. No Matadoiro, San Amaro, Oza e As Lapas, así como na contorna natural do espazo protexido da Torre de Hércules, deuse practicamente o residuo cero, o que supón un cambio espectacular para a cidade", fixo notar a concelleira, quen salientou tamén "o importante descenso" dos mesmos en Riazor, así como no Orzán, "areais nos que se incrementou o depósito de residuos nas illas de reciclaxe", e nas que se desenvolveron con éxito as iniciativas das Praias Vivas. "Cómpre tamén agradecer a corresponsabilidade cidadá, así como aos distintos colectivos, asociacións veciñais e grandes áreas de distribución de supermercados implicados no desenvolvemento desta festa. Sen a súa colaboración, nun ano cunha maior afluencia de público as praias, non sería posible a redución do volume de lixo", apuntou a responsable municipal.

"Aínda queda moio traballo por facer, pero en xeral podemos falar de resultados satisfactorios e dunha considerable redución dos residuos. Se ben no 2017 nos felicitabamos polo descenso dun 37% no volume dos residuos, nesta ocasión estamos máis contentas. O ano pasado, ás once da mañá recolléranse tanto nas praias como nos contedores 112 toneladas. Este ano, á mesma hora, os servizos municipais contaron un total de 61 toneladas cos labores de limpeza, un descenso moi importante e que permitiu tamén abrir ás praias antes á cidadanía", explicou a concelleira. Así, ás doce da mañá, o areal de Riazor "xa presentaba un importante número de bañistas, xa que leva moito tempo aberta", tal e como puxo de relevo a edil durante a súa comparecencia, á vez que lembrou que o resto de praias, agás a de Orzán, "xa estaban abertas desde primeira hora, moito máis cedo do habitual tras o paso do equipo de limpeza, que este ano puido traballar con moita máis axilidade dando que a cantidade de lixo era moito menor".

"A considerable redución de residuos referenda a aposta decidida do goberno local por avanzar nas medidas de xestión ambiental", explicou a edil, quen lembrou que a proposta municipal inclúe tamén a formación tanto dos corpos de seguridade como de todo o persoal que forma parte do dispositivo especial do San Xoán, do que participaron 598 persoas. "As e os efectivos destacaron pola súa implicación. O seu traballo fundamental para evitar, por exemplo, a baixada de palés e voluminosos aos areais, que supón que contemos tamén con menos puntas", sinalou García. Así, o dispositivo ambiental despregado polo goberno local impediu a aparición de 5,5 toneladas destes materiais nas praias. A aposta polas Illas de Reciclaxe tamén favoreceu a recollida de 3.180 kg de vidro nos contedores de recollida selectiva.

Dispositivo de seguridadeA concelleira de Medio Ambiente tamén salientou "o excelente traballo dos servizos de seguridade municipais e doutras administracións, así como dos sanitarios" durante o dispositivo despregado a pasada noite, do que destacou, en concreto, "a súa efectividade e rapidez". Durante a xornada, realizáronse de 242 intervencións nas praias do Orzán, Riazor e Matadoiro e a súa contorna --ámbito que reuniu a 120.000 das e dos asistentes--. Destas, 50 correspóndense a queimaduras, 45 a intoxicación etílicas e 31 a feridas e laceracións, ademais de limpezas oculares (10) e distintos traumatismos (22). A meirande parte das actuacións sanitarias sobre tiveron lugar nos postos de salvamento e hospitais de campaña, "o que dá conta do bo traballo do dispositivo sanitario in situ", expuxo a edil, mentres que se produciron 18 traslados a centros hospitalarios. "Foron tres máis que no 2017, un dato para ter presente sabendo que, nesta ocasión, citáronse 20.000 persoas máis nos areais", apuntou García. Un destes casos produciuse pola caída dunha persoa nas rochas da zona de San Roque. O home --consciente, orientado e con mobilidade-- foi trasladado ao CHUAC.

Ao longo desta xornada, o corpo municipal de bombeiros atendeu até sete pequenos conatos de incendio en distintos puntos da cidade, como Oza, Pocomaco ou Labañou, "que tiveron rápida solución grazas ao contar con equipos espallados por todo o termo municipal". Estes lumes tiveron a súa orixe, na meirande parte dos casos, na realización de cacharelas nas proximidades das árbores ou en monte baixo, a pesares da prohibición municipal, así como pola presenza de brasas quentes en contedores. Pola súa banda, a sala do 092 atendeu 117 chamadas da cidadanía ao longo da tarde e da noite, das que 27 foron para informar da localización errónea de cacharelas ou para advertir do uso de acelerantes en fogueiras ou sardiñadas, "o que mostra tamén o grado de implicación e conciencia cidadá respecto á necesidade de coidar e respectar o medio ambiente", aseverou a concelleira.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión