Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xaneiro de 2019

Ferreiro reclama aos gobernos do Estado e da Xunta que acorden un investimento suficiente para abordar un dragado da ría do Burgo, “polo que a cidadanía non pode esperar máis”

O alcalde manifestou, tras participar esta mañá nunha reunión dos concellos da área coas administracións central e autonómica, que é preciso o compromiso de ambos executivos para ter un acordo “no tempo máis breve posible”

O alcalde, Xulio Ferreiro, reclamou este martes ao Goberno do Estado que "estea á altura" das demandas e comprometa ou acorde coa Xunta de Galicia fondos suficientes para abordar a rexeneración da ría do Burgo. "O Goberno do Estado ten que facer un esforzo importante na ría do Burgo. É de xustiza despois de tantos anos de abandono e de tantos anos que levamos agardando por promesas de sucesivos gobernos sobre esta cuestión", afirmou o alcalde, que participou esta mañá, xunto á concelleira de Medio Ambiente, María García, nunha reunión entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia e os municipios que bordean a ría do Burgo para tratar a súa recuperación ambiental. Na mesma, Ferreiro trasladou tanto á Xunta de Galicia como ao ministerio que "é preciso o seu compromiso" e o seu entendemento para "sacar un acordo no tempo máis breve posible" que permita restaurar a ría, "porque a cidadanía non pode esperar máis".   

O rexedor salientou que tanto A Coruña como os concellos da ría levan "dez anos agardando por esta actuación" mentres non deixan de acometer a parte de traballo que lles corresponde para atallar a problemática. No caso da Coruña, a edil citou, nunha intervención radiofónica, actuacións como o Plan de Hábitat Digno na Pasaxe, o de Infraestrutura Verde, outros que promoven unha mobilidade máis sostible como o carril bici metropolitano ou a consecución do obxectivo de vertido cero. "Nos últimos tres anos dende o Concello da Coruña conseguiuse rematar coas emisións contaminantes á ría do Burgo, un logro importante. Dende a Xunta tamén se fixo un esforzo en saneamento en colaboración con outros concellos da ribeira e agora é o momento de que o Estado estea á altura da demanda", manifestou o alcalde. Ferreiro referiuse así á dotación orzamentaria que, para esta fin, recolle o proxecto de presupostos xerais do Estado, "que non está á altura do que necesita a cidade da Coruña e a súa área metropolitana e no que,  curiosamente, o único investimento importante, o da ría do Burgo, é insuficiente, só contempla a metade do custo, igual que o ano pasado" para realizar o dragado.

Tras o encontro, o alcalde indicou que o acordo, tras o rexeitamento por parte da Xunta de co-financiar ao 50% os traballos, consistiu no compromiso do Ministerio para a Transición Ecolóxica de consultar con Bruxelas a posibilidade de reasignar para esta fin fondos europeos xa concedidos á Xunta. A respecto da posibilidade de que a UE non admita este investimento, o rexedor demandou ás administracións central e autonómica "que se poñan de acordo dunha vez, que fagan un esforzo para achegar posturas e que non continúen escudándose nas competencias de cada quen". "Neste momento é fundamental que se liciten xa as obras e que haxa un acordo orzamentario entre a Xunta e Goberno do Estado", remarcou. Neste sentido, a concelleira manifestou esta mesma mañá que "é o momento de actuar, porque a capacidade e a produtividade da ría están ao límite". A edil lembrou, así mesmo, que hai unha apertura de expediente, de novo, por parte da Unión Europea sobre a situación do espazo e que hai que iniciar os traballos durante a vixencia da autorización ambiental integrada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión