Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de outubro de 2018

Ferreiro salienta a aplicación “real, útil, verde e circular” do proxecto de innovación posto en marcha na EDAR de Bens, que produce gas renovable destinado ao transporte para avanzar nunha mobilidade máis sostible

A nova unidade mixta permitirá impulsar un autobús na área metropolitana, o transporte da propia planta de depuración de augas e os vehículos das asociación de Mulleres Colleiteiras

O alcalde, Xulio Ferreiro, celebrou hoxe a posta en marcha dun proxecto de innovación relacionado co desenvolvemento sostible durante a inauguración da unidade mixta de gas renovable da EDAR de Bens, unha iniciativa piloto en todo o Estado para o aproveitamento enerxético. "A súa posta en marcha hoxe ratifica que é posible realizar investigación dende unha entidade pública e que esta ten que servir para cumprir obxectivos de desenvolvemento sostible, de economía circular e de valorización de enerxía", resaltou. Uns propósitos que, como destacou o rexedor, están implementados en moitos dos proxectos e liñas estratéxicas de actuación do Goberno local. "Esta unidade recupera biogás de maneira limpa e inesgotable, o que redunda nun proceso de recuperación enerxética que se vai destinar a proxectos de mobilidade sostible. É un exemplo real, útil, verde e circular de como unha liña estratéxica da economía da cidade entrelaza coa loita contra o cambio climático, pero tamén con outros dos grandes proxectos do Goberno local: a área metropolitana e o impulso á mobilidade sostible", explicou.

A produción da unidade mixta de gas renovable empregarase para facer circular un autobús da empresa Calpita polos concellos de Cambre, Culleredo, Oleiros e A Coruña, pero tamén para impulsar os vehículos da propia estación depuradora e os da asociación Mulleres Colleiteiras, que realizan a recollida de aceites usados na cidade. "Está lonxe de ser proxecto inconexo, senón que conta cunha aplicación real en proxectos que fan avanzar á cidade e a súa área", indicou Ferreiro, quen resaltou a aplicación práctica da unidade e enmarcou a iniciativa no compromiso da cidade da Coruña pola loita contra o cambio climático e o estímulo á economía circular e á innovación tecnolóxica, "tanto con sociais, ambientais ou como fórmula de desenvolvemento económico e como aposta de futuro".

Neste proxecto piloto vaise aproveitar o biogás que se produce de xeito natural nos procesos de dixestión anaerobia da materia orgánica na planta depuradora de augas residuais para producir 60 metros cúbicos de biometano por hora. Porén, a capacidade teórica de produción da planta é de 450 metros cúbicos por hora. A iniciativa púxose en marcha a través da colaboración da empresa pública EDAR Bens --da que forman parte os concellos de A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros-- coas empresas Naturgy S.D.G., Naturgy Engineering e o centro tecnolóxico EnergyLab, contando cun investimento de 2,2 millóns de euros financiamento da Axencia Galega de Innovación. "Hoxe tamén escenificamos a relevancia de chegar a acordos en proxectos clave para o avance na protección do medio e do impulso a unha economía verde e responsable", declarou  Ferreiro, que desexou que os próximos meses confirmen o éxito da experiencia piloto e "que moitas outras plantas de tratamento de augas e moitas outras cidade poidan reproducir o exemplo da Coruña".

Alcoa

O alcalde insistiu esta mañá, a preguntas dos medios, en que o Goberno local "non vai cesar no empeño" e continuará na defensa dos postos de traballo da planta de Alcoa e contra o peche da fábrica. Ferreiro incidiu en que é preciso un primeiro paso previo a calquera negociación, que é a retirada do ERE por parte da empresa. "O principal é parar o ERE, e, a partir de aí, empezar a negociar sobre cuestións como o mercado enerxético e as tarifas para a industria... pero temos que falalo sen esa ameaza enriba da mesa", remarcou. Neste sentido, o rexedor salientou a necesidade de que o Concello, a Xunta e o Goberno do Estado "manteñan a unión" das administracións xunto coas e cos traballadoras da planta de Alcoa na cidade. "Temos que deixar as discusións partidarias e centrarnos no importante, que é manter a actividade industrial na fábrica, conservar os postos de traballo e atopar unha saída para a planta de Alcoa na Coruña e en Avilés", afirmou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión