Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de xuño de 2022

Inés Rey: “As novas bicis eléctricas serán a base dunha mobilidade moderna e sostible para A Coruña”

A alcaldesa presentou a mellora do servizo e os novos vehículos de BiciCoruña, que comezará a operar antes do mes de xullo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes a renovación e ampliación do servizo público de préstamo de bicicletas BiciCoruña. As novas bicicletas eléctricas e mecánicas estarán dispoñibles para a cidadanía nas próximas semanas, unha vez remate a instalacións das 23 primeiras estacións de carga e préstamo.

Ata o de agora, o sistema de BiciCoruña contaba con 23 estacións distribuídas pola cidade con 356 postos e 180 bicicletas en rotación. Tras 12 anos de funcionamento e un crecemento continuo de persoas usuarias e uso do sistema, o Goberno municipal de Inés Rey decidiu proceder á súa mellora e ampliación dentro da estratexia Eidus Coruña, que ten como obxectivo transformar a área urbana da Coruña nun espazo de maior calidade urbana, equilibrado económica e socialmente, inclusivo e integrador. "As novas bicis eléctricas serán a base dunha mobilidade moderna e sostible para A Coruña", apuntou Rey.

A renovación do sistema de BiciCoruña supón a incorporación de 514 bicicletas novas, das que 172 son eléctricas e 342, mecánicas. Ademais, haberá un total de 990 puntos de estacionamento, con base de carga, repartidos en 55 estacións cunha capacidade mínima de 15 postos. O sistema complementarase con novos sistemas TIC, como unha nova páxina web e unha aplicación móbil, ademais do programa de xestión que permitirá o funcionamento do novo sistema. O orzamento total da renovación de BiciCoruña ascende a 1.792.030 euros, segundo explicou Inés Rey hoxe no Obelisco durante a presentación dos novos modelos de vehículos.

"O obxectivo desta mellora é dotar á cidade dun sistema de préstamo de bicicletas moderno, seguro e na liña do resto de grandes cidades europeas", dixo a alcaldesa. Rey indicou que o obxectivo é fomentar unha mobilidade que encaixe no modelo de cidade que se está a instaurar neste mandato. Esta renovación supón tamén que o servizo chegue a novos puntos da cidade, fomentando esa mobilidade sostible en todos os barrios da cidade. Este investimento busca tamén satisfacer as demandas da cidadanía nos distintos procesos de Orzamentos Participativos.

Próximos pasos do servizo

A día de hoxe están instaladas xa 13 das 23 estacións previstas na primeira fase da renovación do servizo, na que se substitúen as antigas. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou esta mañá, xunto ao concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Vivenda e Infraestruturas, Francisco Díaz Gallego, que para poder instalar as dez estruturas restantes será necesario suspender o servizo durante 12 días. Estes labores de mantemento comezarán o 13 de xuño, procedéndose á desmontaxe do sistema actual e a instalación do novo sistema para que entre en funcionamento antes do mes de xullo.

As persoas usuarias de BiciCoruña que teñan un abono activo poderán acceder ao novos servizo tramitando a súa activación nas novas aplicacións. Respectarase o tempo de abono que lle quedaba por consumir a cada usuario e se lles engadirán 15 días extras como compensación polos días sen servizo.

O novo sistema iniciarase coas 23 estacións que substitúen ás antigas e iranse engadindo as novas localizacións ata completar as 55 estacións. Os lugares onde se atopan os puntos de ancoraxe tiveron que reaxustarse buscando unha maior seguridade para a cidadanía, para as persoas usuarias e para o servizo de mantemento. Ademais, é necesario situar a estrutura nun lugar que permita a instalación da acometida eléctrica necesaria para cargar as bicicletas eléctricas.

Estacións de última xeración

A presentación das novas bicicletas tivo lugar no Obelisco, onde quedou instalada hai unhas semanas a primeira das novas estacións de ancoraxe do sistema de BiciCoruña. Trátase de estacións modulares robustas e cun sistema antivandalismo. A estrutura non require obra civil, polo que son moi versátiles e permiten unha rápida instalación ou traslado.

Todos os puntos de depósito dispoñen de opción de carga e identifica o tipo de bicicleta que se coloca, facilitando a súa entrega ás persoas usuarias. Unha luz LED indicará que a colocación da bicicleta estación é correcta e cada posto conta cun botón de avaría que conecta co servizo de mantemento.

Características das bicicletas

As novas bicicletas son de última xeración en versión eléctrica (EFIT) e mecánica (Hybrid Fit). Priorizouse a seguridade da persoa usuaria mediante unha combinación de ergonomía, comodidade e facilidade de condución. A eléctrica ten un peso aproximado de 27,5 quilos e a mecánica, de 21,5 quilos. Dispoñen de portaequipaxes para levar obxectos persoais, tres marchas Shimano Nexus, asento axustable ata 25 centímetros, cadea protexida e un sistema de freado nas dúas rodas de tambor evolucionado de Shimano.

A bicicleta eléctrica conta co motor no eixe do pedalier, o que ofrece unha experiencia de arranque suave, sendo a asistencia proporcional á forza aplicada, adaptándose ao ritmo de pedaleo. Contan cun sistema GPS que permite coñecer a través do sistema de xestión as rutas máis usuais e identificar novas necesidades de planificación urbana.

Representantes de diferentes asociacións ciclistas, como Mobi-liza e Vanenbikke, así como o concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Vivenda e Infraestruturas e a propia alcaldesa probaron hoxe as novas bicicletas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión