Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de maio de 2018

Medio Ambiente amplía o programa de xestión das colonias felinas da cidade ao incorporar a colaboración de novas entidades animalistas, "o que favorece a aposta polo benestar animal e a aplicación de políticas de sacrificio cero"

A concelleira María García asinou esta semana dous acordos coa Asociación Felinos Felices para a xestión das colonias dos barrios da Falperra e de Santa Margarita

A concelleira de Medio Ambiente, María García, asinou esta semana, no Pazo de María Pita, dous convenios coa representante da Asociación Felinos Felices, Covadonga Fernández, co obxectivo de establecer o marco de colaboración para a xestión das colonias felinas na zona da Falperra e de Santa Margarita. A incorporación da entidade animalista dá continuidade ao proceso iniciado no 2016 polo goberno local a través dun proxecto piloto no Barrio das Flores, e que se renovou e ampliou o pasado mes de febreiro a través da sinatura de convenios con Gatuchinhos, CoruñaGatuna, Micos e Nós e Gatocán para a xestión das colonias que se atopan tanto no Barrio das Flores como en Oza, Cidade Escolar, Os Rosales-Visma e Monte Alto.

A responsable municipal saudou a incorporación dunha nova entidade colaboradora a un proxecto "que aposta tanto polo benestar animal como pola salubridade pública", xa que o plan de acción propón o "saneamento, esterilización e devolución" dos animais pertencentes ás colonias de Falperra e Santa Margarita, así como a distribución controlada da súa alimentación, co obxectivo de reducir o número de exemplares e minimizar os riscos sanitarios tanto dos animais como da veciñanza. "O desenvolvemento deste tipo de colonias CES --captura, esterilización e solta-- constitúe, a medio e longo prazo, un método menos custoso para a administración local que incide na aposta polas políticas do sacrificio cero na Coruña, á vez que se controla a salubridade dos exemplares e a limpeza da zona, o que redunda, igualmente, na mellora da saúde pública", apunta García.

A proposta de colaboración, ao igual que nos convenios asinados para as colonias do Barrio das Flores, contempla obrigas por parte tanto da administración local como da entidade animalista. Así, o Concello dota de ferramentas e recursos á asociación, como gaiolas de captura e recuperación, casetas-comedor coa súa sinalización e útiles de limpeza para as mesmas, ademais de asumir os gastos dos tratamentos sanitarios dos animais,  á vez que achega ás persoas membro unha certificación ou acreditación para levar a cabo o labor. Pola súa banda, a entidade comprométese a designar ao persoal voluntario que se responsabilizará do control da colonia, procurando a axeitada xestión da mesma. As obrigas contemplan a realización dun censo que inclúa os exemplares, novas incorporacións e o estado xeral dos animais, ademais da captura dos mesmos e traslado ao centro veterinario para a súa esterilización e saneamento. As persoas voluntarias tamén serán responsables de devolver os exemplares á colonia e desparasitalos periodicamente, á vez de coidar do estado das casetas-comedor e asegurarse que non se distribúe alimentación fóra dos espazos ou horarios habilitados para a mesma.

"O obxectivo deste tipo de iniciativas para tamén por fomentar o coidado do espazo público e da fauna urbana desde a corresponsabilidade. Traballar en común coas entidades animalistas da cidade favorece o seu empoderamento ao dotalas de recursos necesarios para desenvolver un labor que levan anos desenvolvendo", explica a concelleira de Medio Ambiente, quen engade que, ao xerar normativa en canto aos horarios e zonas da distribución alimentaria, "favorece tamén o coidado e limpeza viaria".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión