Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de xaneiro de 2018

O Concello amplía o programa de educación ambiental como ferramenta para formar "unha cidadanía concienciada e crítica"

A responsable de Medio Ambiente, María García, fixo balance das actividades levadas a cabo en 2017 e presentou as novidades para este ano na véspera do Día Internacional da Educación Ambiental

O programa de educación ambiental do goberno local continúa este ano ampliando a súa oferta en actividades para chegar a toda a cidadanía. A responsable da Concellería de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá, na véspera do Día Internacional da Educación Ambiental, a oferta estable de actividades municipais para 2018, que responde á visión do goberno local de manter unha xestión ambiental vinculada a programas de divulgación destinados a todos os actores sociais con continuidade ao longo do ano, seguindo así o camiño que se iniciou en 2015. "A educación ambiental foi un sector abatido durante a crise económica, na que se nos fixo pensar erroneamente que a cidadanía se pode desvincular da saúde dos recursos ambientais", indicou García. En contrapunto a esta crenza, a responsable de Medio Ambiente apostou por ofrecer actividades municipais que reforcen a consecución dunha "cidadanía concienciada e crítica". "Cremos nunha educación ambiental que aporte coñecemento sobre os ciclos naturais; cremos nunha educación transformadora que nos axude a cambiar hábitos individuais e colectivos pero tamén políticas; nunha educación aplicada ás cuestións de relevancia no cotián máis directo, e tamén nunha educación empoderadora, que lle amose á cidadanía o seu importante rol e a capacidade que ten de modificar o entorno común. Debe ser tamén crítica onde a sociedade de consumo e o marketing nos quere facer crer medias verdades", destacou a concelleira.

As actividades de educación ambiental están dirixidas a un público amplo e dispar con "enorme diversidade temática e de formatos" e se desenvolven en varios puntos da cidade. O programa Sae do niño. Achégate á natureza celebrará unha nova edición con visitas a dous dos espazos para os que o Concello ten solicitada ante a Xunta a declaración de Espazo Natural de Interés Local (ENIL), as contornas das illas de San Pedro -que está xa aprobada de forma provisional e conta xa co Plan de Conservación do Concello, necesario para o recoñecemento definitivo por parte da Xunta- e da Torre de Hércules. Calquera persoa interesada en coñecer máis sobre as especies naturais destes dous entornos pode facelo, sen necesidade de solicitar unha cita previa, a partir do 2 de febreiro. As visitas á area das illas de San Pedro celebraranse os primeiros, terceiros e quintos venres do mes, de 17.00 a 18.30 horas, mentres que as da Torre de Hércules terán lugar os segundos e cuartos venres do mes, no mesmo horario. "Temos moito interese en que a cidadanía poida coñecer a riqueza natural inmensa da nosa cidade nun espazo densamente urbanizado e que, aínda así, mantén auténticos tesouros", apuntou.

A concellería vai ampliar tamén este ano o programa de visitas a instalacións medioambientais e zonas verdes da cidade, que se organizan baixo demanda de grupos de como mínimo cinco persoas. Esta iniciativa, que busca, como medida de transparencia, que a veciñanza estea informada do funcionamento dos equipamentos de carácter ambiental cos que conta o Concello, foi implementada en 2015 e, dende entón, creceu nun 300%. Como destacou García, das 25 visitas que se realizaron na súa primeira edición pasouse a máis de 100 no pasado ano. As novas zonas que se poden coñecer de maneira guiada serán os xardíns de Mendez Núñez, para coñecer as súas árbores, e o parque de Santa Margarida, como refuxio da biodiversidade. Súmanse aos que xa estaban dispoñibles o pasado ano: o encoro de Cecebre, o parque de San Pedro, Punta Herminia, a lagoa de Eirís, o parque de Bens, a planta de potabilización da Telva, a depuradora, a planta de tratamento de residuos de Nostián ou o Centro de Protección Animal.

Outros dos proxectos previstos pola Concellería de Medio Ambiente é unha campaña de sensibilización para reducir o uso de bolsas de plástico nos mercados municipais, que se levará a cabo a partir do mes de marzo, para previr sobre a "proliferación masiva de plásticos no uso cotián". En canto ás exposicións itinerantes, estarán dispoñibles para asociacións, colectivos, centros cívicos, bibliotecas ou centros escolares, entre outros. Tratarán sobre "temas que chaman moito o interese da cidadanía", como son as especies exóticas invasoras, tanto animais como vexetais, e sobre os Espazos Natural de Interés Local.

A oferta nas actividades de charlas e visitas para asociacións, centros cívicos, bibliotecas ou outros colectivos renova as súas temáticas. Das especies protexidas aos animais domésticos incluirá unha visita ao Centro Municipal de Acollemento Animal do Concello da Coruña e servirá como introdución ao novo regulamento de Protección e Benestar dos Animais de Compañía da Xunta que entrou en vigor este ano. Con Plantas que te coidan, as persoas asistentes poderán coñecer as especies vexetais que se poden utilizar "para terapias naturais e usos antrópicos" nunha visita ao futuro ENIL da Torre de Hércules. A charla e posterior ao obradoiro  Favorecendo as comunidades de insectos incide na importancia que ten este grupo animal para a vida, debido ao seu labor polinizador. Finalmente, con As aves na nosa contorna poderanse descubrir os paxaros da cidade. O programa para colectivos complétase con novedades nas conferencias, centradas desta volta no papel da natureza na literatura e nas guías de campo como ferramentas para descubrir a contorna ambiental máis próxima, e con novas propostas para obradoiros interxeracionais, que tratarán sobre rastros e pegadas e comedeiros de aves.

A responsable de Medio Ambiente fixo fincapé en que os programas de educación ambiental municipais están dirixidos a un público moi amplo. "Tentamos chegar a escolares como aposta de futuro, pero tentamos chegar tamén á xente que está tomando as decisións agora porque non temos tanto tempo para esperar", apuntou. Este programa estable, que se desenvolve durante todo o ano, compleméntase con outras campañas como Móllate polo San Xoán, campañas de residuos dirixidas a, entre outros sectores, hostelería e comercio, plantacións colectivas de arborados, voluntariados ambientais ou charlas da patrulla verde sobre tenza responsable de animais. "Queda evidenciado o compromiso deste Concello co medio ambiente", afirmou García.

A concelleira fixo tamén balance das iniciativas de educación ambiental desenvolvidas durante o pasado ano. Destacou que a participación nos programas escolares aumentou nun 12,12% desde o curso 2014-2015. O ano pasado realizáronse 726 actividades nas que tomaron parte 6.049 escolares. Para este curso está previsto que a cifra se eleve até os e as 7.288 participantes. O programa de actividades nas praias, que teñen lugar en verán, elevouse nun 90% nos tres últimos exercicios, acadando o pasado ano as 528 actividades realizadas. Os cursos, xornadas e talleres pasaron dos 15 celebrados no primeiro ano de mandato muncipal a 22 en 2017. O programa de festas de barrios que comenzou en 2016 coa realización de 16 obradoiros reforzouse no pasado 2017 ata os 26 talleres que se celebraron en nove dos barrios da cidade.

Árbores no Carril Bici metropolitano

García refeiuse tamén, ante preguntas dos medios que acudiron á convocatoria de prensa, ás árbores situadas no tramo comprendido entre A Palloza e o viaduto da Vedra, un dos tramos polos que discorrerá o futuro carril bici metropolitano. A concelleira garantizou que este tramo será arborado e que Medio Ambiente está pendente da decisión que tome a Concellería de Rexeneración Urbana. O departamento está estudando a viabilidade técnica e económica de distintas alternativas para este proxecto, o que permitiría conservar as árbores da avenida, garantindo a seguridade dos e das usuarias de bicicleta, así como peóns. Esta información xa foi trasladada por parte do concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, ao colectivo ciclista.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión