Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de outubro de 2018

O Concello celebra o Día Mundial das Aves cunha saída con escolares para colocar caixas niño no parque de Bens

A actividade forma parte do programa de Educación ambiental municipal, que conciencia cada ano a máis de 6.000 escolares sobre a importancia da conservación da biodiversidade na cidade

O Concello da Coruña celebra hoxe o Día Mundial das Aves cunha xornada educativa e lúdica no parque de Bens na que participou esta mañá alumnado do CEIP San Pedro de Visma. Os rapaces e rapaces de 5º curso de Primaria iniciaron a xornada cunha charla educativa no centro, en torno á significación do Día Mundial das Aves e o importante rol destes animais na natureza. Tamén se abordou a tipoloxía de aves que alberga a cidade e como recoñecelas para axudar aos nenos e as nenas a reparar na biodiversidade que os rodea, así como tamén os problemas, tanto locais como globais, aos que se enfrontan os paxaros ante a súa conservación. Esta actividade forma parte do programa de Educación ambiental municipal, que cada ano atende a máis de 6.000 escolares e, entre outros obxectivos, busca sensibilizar aos e ás máis novas sobre a importancia da conservación da biodiversidade urbana.

A edil de Medio Ambiente, María García, salientou ao respecto que "A Coruña acolle na súa contorna inmediata unha sorprendente variedade de especies grazas aos diferentes hábitats, tanto mariños como terrestres, que temos na cidade e o outono é precisamente unha das mellores épocas para observalos, xa que é cando moitas aves pasan por aquí na súa marcha ao sur para pasar os meses máis fríos". García lembrou que o Goberno local realizou un estudo sobre a fauna e flora do entorno urbano para paliar a falta de información que había ao respecto e poder así establecer medidas de conservación. "Co mapa da biodiversidade sabemos agora que hai máis de 3.000 especies na cidade e tamén onde están localizadas, o que nos permite poñer en marcha actuacións concretas para a súa preservación", sinalou. Así, a concelleira citou lugares como o propio parque de Bens, os ENIL da Torre de Hércules e das Illas de San Pedro, a ría do Burgo, o encoro de Cecebre ou os parques e xardíns da cidade "onde se concentra a riqueza e variedade de especies de aves, entre outros animais, e que funcionan como salvagarda da biodiversidade da cidade".

A segunda parte da xornada consistiu nunha saída ao parque de Bens para a colocación de caixas niño para favorecer o aniñamento de ferreiriños, carrizos ou paporroibos na vindeira primavera. O persoal técnico explicou aos e as rapazas as diferentes tipoloxías de nidais, así como deben ser colocadas e mantidas para que resulten efectivas. O alumnado puido ver o proceso de colocación dos niños, entre os que destaca un de curuxa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión