Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de abril de 2022

Este organismo estará formado por persoal técnico e de todos os grupos políticos da Corporación, con apoio das universidades da Coruña e Santiago de Compostela

O Concello da Coruña bota a andar este martes a comisión técnica que deseñará a nova empresa eléctrica municipal

Froito do acordo entre a Marea Atlántica e o Goberno local, o operador enerxético utilizará fontes de enerxía 100% renovables para loitar contra a pobreza enerxética e o cambio climático

A creación dun operador enerxético municipal na Coruña, que empregue fontes de enerxía 100% renovables, que poida ofrecer unha alternativa ás grandes empresas eléctricas, dará o vindeiro martes 12 de abril un novo paso coa posta en marcha da comisión político-técnica que se encargará de perfilar a forma legal deste proxecto de eficiencia, sostibilidade enerxética e loita contra o cambio climático.

Esta comisión estará formada por persoal técnico municipal, e terá representación de Emalcsa (a empresa que asumirá a xestión do operador) e de todos os grupos políticos da Corporación, contando co apoio de persoal investigador das universidades da Coruña e Santiago de Compostela. 

Dotar ao Concello da Coruña dun operador enerxético forma parte dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE para a investidura de Inés Rey como alcaldesa, e foi renovado no marco da aprobación dos Orzamentos 2022. 

O concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, representante do Goberno local na comisión, destacou que coa posta en marcha deste organismo "damos un paso máis na aposta do Concello da Coruña pola sostibilidade e a loita contra o cambio climático, como xa fixemos co proxecto de renovación de toda a iluminación pública da cidade, para o que conseguimos 12 millóns de euros en fondos europeos, e co proxecto de obtención de gas da EDAR de Bens, entre outros". 

A voceira da Marea Atlántica, María García, que tamén formará parte da comisión político-técnica, sinala que "paga a pena percorrer o camiño que nos levará a ter unha empresa eléctrica municipal, para dotar á Coruña dunha ferramenta que nos permita non estar ao capricho das grandes multinacionais. O Concello poderá autoabastecerse de electricidade, desde fontes renovables e non contaminantes, e darlle servizo tamén aos fogares vulnerables, loitando contra a pobreza enerxética".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión