Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de agosto de 2022

O Concello da Coruña restaurará a capela de San Amaro e mellorará os espazos axardinados do cemiterio, que hoxe cumpre 210 anos

Nos vindeiros días finalizará a renovación da nova conserxería, situada na antiga sala de autopsias do recinto, remodelada para acoller este servizo

O cemiterio de San Amaro, inaugurado no ano 1812, cumpre hoxe 210 anos. Desde entón foi obxecto de sucesivas ampliacións ao longo do  tempo. O Goberno de Inés Rey traballa actualmente no proxecto de restauración e mellora dun recinto polo que pasan centos de persoas a diario e cunha identidade que transcende o funerario, co obxectivo de transformalo nun espazo que tamén poña en valor o seu patrimonio histórico e cultural.

Este proxecto, posto en marcha pola Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade, comezou cunha serie de obras, con cargo aos fondos europeos, para a mellora das cubertas, entre outros servizos. Por outra banda, nos vindeiros días abrirá o novo espazo de conserxería situado na antiga sala de autopsias do cemiterio, remodelada para acoller este servizo, que presentará unha estética máis coidada e acorde coa contorna ao permitir o axardinamento do emprazamento anterior.

Ademais, co gallo do 210º aniversario da apertura do cemiterio de San Amaro, o Goberno de Inés Rey traballa no plan de recuperación do cemiterio, que abrangue tres ámbitos de actuación. O primeiro, a comunicación interior dos tres recintos existentes en San Amaro: o cemiterio relixioso, o civil e o inglés, erixido despois de que a embaixada británica adquirise, no ano 1867, o terreo que actualmente ocupa. Desta forma, tanto a cidadanía en xeral como quen participe nas visitas guiadas ao cemiterio terán a oportunidade de levar a cabo un percorrido máis completo pola historia da cidade.

En segundo lugar, segundo este plan, tamén se mellorarán os espazos axardinados de todo o recinto, así como o portón principal de acceso e a contorna das oficinas do servizo municipal de Cemiterios.

E, por último, o Goberno municipal prevé acometer a recuperación da capela, co obxectivo de transformala nun centro de interpretación do propio cemiterio. Entre os traballos que se realizarán está a retirada do peche de forxa no acceso principal, datado no último cuarto do século XX e que non forma parte da construción orixinal. Ademais, retirarase a madeira que reviste as paredes interiores, deteriorada polo paso do tempo; restauraranse as portas da torre de ventilación e o confesionario; retirarase a lámpada central que dificulta a visibilidade da bóveda da capela; sanearanse os muros e a sacristía, abrindo unha das portas cegas; e, finalmente, embelecerase a fachada da capela coa retirada das lámpadas con cableado exterior que están dispostas actualmente.

Esther Fontán, concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, sinalou que "a xuízo do persoal técnico e de arquitectura, este plan de melloras non fará outra cousa que recuperar o modelo orixinal dun cemiterio histórico, así como o seu esplendor".

A historia do cemiterio de San Amaro

O cemiterio de San Amaro naceu dun anteproxecto do ano 1805, que finalmente viu a luz coa súa apertura á cidadanía no 1812. É no ano 1834 cando se constrúe a capela situada no seu exterior, que, se ben non presentaba orixinariamente o seu aspecto actual, é un perfecto exemplo do clasicismo romántico da época na que foi custeada por Fernando Queipo de Llano.

O recinto, que pertence ademais á Asociación Europea de Cemiterios Singulares, integra tumbas e criptas de gran valor histórico e artístico. Grandes figuras da cultura coruñesa e, en extensión, a galega, repousan neste camposanto: Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Luís Seoane, Luisa Villalta, María Barbeito, Wenceslao Fernández Flórez e Francisca Herrera, entre moitos outros persoeiros de interese.

Econsellos Sustentabilidade

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión