Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xuño de 2018

A área canina conta con espazos para o coidado dos animais, árbores, fontes, bancos e unha cuberta para resgardarse da choiva nos seus 3.500 metros

O Concello estrea en Eirís un novo modelo de áreas caninas, "máis amplas, verdes e integradas", ao que se sumará a mediados de xullo un novo espazo no parque de Bens

O alcalde, Xulio Ferreiro, salienta que coa apertura de esta zona, un dos proxectos escollidos pola veciñanza nos orzamentos participativos, se fomenta a diversidade de usos e a convivencia nos parques

O Goberno local pon hoxe en funcionamento a área canina do parque de Eirís, deseñada para o esparexemento dos animais, no que poden estar ceibos e nos que contan con servizos para o seu benestar. A este espazo de 3.500 metros cadrados sumarase nas próximas semanas a área de Bens, que será a máis grande da cidade, con unha hectárea de extensión, como avanzou esta mañá o alcalde, Xulio Ferreiro, na apertura da zona para cans do parque de Eirís. "En pouco tempo imos incrementar exponencialmente o espazo de calidade para exercitar e pasear aos cans e o facemos abrindo unhas áreas amplas, verdes e moi coidadas, integradas na paisaxe, con servizos para as persoas responsables dos animais e zonas cubertas", salientou.

O alcalde, que estivo acompañado da concelleira de Medio Ambiente, María García, explicou que estas dúas áreas "veñen a fomentar a convivencia cos animais domésticos dentro dun espazo urbano con moita densidade urbanística e de poboación que carece de moitos parques e os que existen non teñen as dimensións máis adecuadas para favorecer unha diversidade de usos". García, pola súa banda, incidiu no modelo escollido para as novas áreas "que contrastan coas xa existentes, que son áridas, pequenas, con enreixados e con case ningunha vexetación". "Apostamos por un deseño integrado na contorna dos parques, con vexetación e mobiliario adecuado e zonas cubertas para os días de choiva porque non queremos que sexan áreas de exclusión, senón espazos amables e adecuados para socialización dos animais e das súas persoas responsables", explicou.  

A área canina de Eirís está situada na parque inferior do parque, ten un peche tubular de aceiro, que respecta a orografía e os camiños tradicionais, e na súa construción atendeuse ao coidado da paisaxe, polo que está rodeada de árbores. A vexetación tamén ten continuidade no interior, onde hai un espazo para o lavado e cepillado dos animais, fontes, bancos na zona de miradoiro e unha cuberta para os días de choiva. Este proxecto do Goberno local, que ten un orzamento de 200.000 euros, viuse referendado nos orzamentos participativos, que tamén propuxeron a creación desta área, polo que a súa apertura vén a cumprir tamén un dos compromisos adquiridos neste sistema de innovación democrática coa veciñanza. No caso da área canina de Bens, tal e como destacou a concelleira, os animais disporán dunha hectárea, pechada cun pequeno muro de pedra, cun estanque para o baño, tomas de auga e zonas cubertas, que se completará no futuro cun espazo para facer exercicios. O custo da súa posta a punto ascendeu a 280.000 euros.

García referendou a aposta do Goberno local por xerar espazos tanto propios para os animais domésticos como por zonas de convivencia, como a situada no parque Adolfo Suárez na que se establecen horas á mañá e á noite para o paseo dos cans para compatibilizar unha convivencia harmónica entre a cidadanía e os animais. "Ambos modelos intégranse nas políticas de benestar animal postas en marcha polo Goberno local como o sacrifico cero, a creación de colonias felinas ou as campañas de adopción postas en marcha", rematou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión