Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de marzo de 2022

O Concello impulsa ‘Circularízate’, unha campaña de sensibilización e formación ideada para achegar á cidadanía os principios da economía circular

O Centro Sociocultural Ágora, o Fórum Metropolitano e os centros cívicos de Mesoiro e Os Mallos acollerán un total de cinco sesións entre os días 31 de marzo e 8 de abril

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade, porá en marcha a vindeira semana Circularízate, unha campaña formativa e de sensibilización ideada para achegar os principios da economía circular á cidadanía para que, posteriormente, sexan postos en práctica no fogar e tamén nos nosos hábitos diarios.

Circularízate desenvolverase entre os días 31 de marzo e 8 de abril entre o Centro Sociocultural Ágora, o Fórum Metropolitano e os centros cívicos de Mesoiro e Os Mallos. A iniciativa abrangue un total de cinco sesións e cada unha consta de dous módulos: o primeiro, unha aula formativa, de 45 minutos de duración, na que as persoas asistentes poderán aprender a aplicar os principios de sostibilidade, recuperación e reutilización da economía circular que son susceptibles de aplicarse na vida cotiá; e, a continuación, poderán participar nun obradoiro demostrativo con técnicos e artesáns que amosarán múltiples xeitos de reparar mobles ou recuperar roupa en desuso.

As sesións levaranse a cabo os seguintes días:

  • Xoves 31 de marzo (17.30 horas), no Fórum Metropolitano: Aula formativa e obradoiro téxtil.

  • Venres 1 de abril (17.30 horas), no Centro Sociocultural Ágora: Aula formativa, obradoiro téxtil e obradoiro de mobles.

  • Martes 5 de abril (17.30 horas), no Centro Cívico dos Mallos: Aula formativa e obradoiro téxtil.

  • Xoves 7 de abril (17.30 horas), no Centro Cívico de Mesoiro: Aula formativa e obradoiro de mobles.

  • Venres 8 de abril (17.30 horas), no Centro Sociocultural Ágora: Aula formativa, obradoiro téxtil e obradoiro de mobles.

A Concellaría de Medio Ambiente ofrece un mínimo de 15 prazas por obradoiro e un máximo de 30. As actividades están abertas a todo o público, sempre con inscrición previa a través desta ligazón e atendendo ás normativa sanitaria vixente.

Circularízate é unha iniciativa recollida dentro da campaña propulsada polo Concello da Coruña co gallo da Semana Europea para a Prevención de Residuos, que impulsa a creación de actividades de sensibilización desde as Administracións públicas para fomentar hábitos como a reciclaxe e a reutilización de produtos.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión