Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de novembro de 2022

O Goberno de Inés Rey aposta con esta medida pola posta en valor das contornas naturais que existen na cidade

O Concello licita a conservación, mantemento e mellora de parques e xardíns por 23,6 millóns de euros

O novo contrato inclúe o control de calidade dos traballos que se leven a cabo e a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión

O Concello da Coruña aprobou hoxe a licitación do contrato de conservación, mantemento e mellora dos parques e xardíns da cidade. O Goberno de Inés Rey, a través da Concellaría de Medio Ambiente, busca con esta iniciativa a posta en valor dos diferentes espazos naturais que hai na cidade.

O novo contrato terá un orzamento récord de 7,4 millóns de euros anuais e unha duración inicial de tres anos, o que suporá un total de 23,6 millóns de euros de investimento. O contrato será prorrogable ata os cinco anos. A contratación deste servizo estará dividida en cinco lotes, reservando un deles para a concorrencia de centros especiais de emprego e empresas de inserción, e outro para instaurar un control de calidade e supervisión dos servizos realizados.

O obxectivo do Goberno de Inés Rey con este novo contrato é poder xestionar de maneira integral toda a contorna verde e azul da cidade, incluíndo parques, zonas forestais, ecohortas, xardíns ou parcelas e soares non edificados. Por primeira vez, este servizo contará cun soporte orientado ao control de calidade das tarefas realizadas, incluíndo ademais das zonas verdes os accesos a praias, a liña da costa, ríos e estanques naturalizados. Esixiranse informes periódicos para garantir o debido cumprimento dos traballos de conservación en mantemento, haberá revisións in-situ das incidencias e levarase a cabo unha vixilancia ambiental de cuestións como a calidade da auga do mar ou as alertas meteorolóxicas.

O servizo de conservación e mantemento das áreas verdes da cidade levará a cabo unha actualización do inventario do arboredo existente na Coruña, así como un seguimento do estado do mobiliario urbano e as zonas de paso en enclaves como a contorna da Torre de Hércules, así como nos circuítos interiores dos xardíns de Méndez Núñez, xardíns de San Carlos, monte de San Pedro, e os parques de Bens, Santa Margarida, Adolfo Suárez, Oza, Eirís, San Diego e parque Europa.

Ademais, a través do servizo de mantemento e conservación das áreas verdes da cidade, o Goberno municipal impulsará a inserción laboral grazas á licitación dun lote específico reservado a centros especiais de emprego ou empresas de inserción, promovendo a contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Melloras no cemiterio municipal de Feáns

Por outra banda, o Concello tamén aprobou o proceso de licitación do servizo de mantemento e uso das instalacións do forno crematorio do cemiterio municipal de Santa Cecilia, en Feáns. Esta actuación do Goberno de Inés Rey conta cun orzamento de 191.000 euros anuais e un tempo inicial de dous anos, prorrogables ata un máximo de cinco.

Neste cemiterio municipal leváronse a cabo recentemente traballos orientados a dotar dunha maior luminosidade a zona do tanatorio. As paredes e teitos sometéronse a tarefas de pintado en tonalidades máis claras e retiráronse tamén as antigas cortinas para abrir as estancias interiores á visión das áreas verdes do cemiterio. Ademais, e tamén no tanatorio, renovouse o sistema de iluminación.

Separación de residuos

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión