Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de febreiro de 2019

O Goberno local rematará esta primavera o plan para incrementar nun 10% o arborado da cidade e fixa un novo obxectivo de 4.000 novos exemplares ata 2022

A concelleira de Medio Ambiente avanzou que as vindeiras plantacións terán lugar no polígono de Agrela, que contará con 100 novas árbores, Monte Alto, Paseo Marítimo e Maestranza. Os proxectos de Bosques da Coruña e o desenvolvemento de barrios como o Ofimático concentrarán nos vindeiros anos o aumento de árbores na cidade.

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá a nova fase de expansión de arborado na cidade, a través do que o Concello se marca o obxectivo de incrementar ata o 25% o número de exemplares do municipio antes de 2022, con 4.000 máis. Antes de iniciar esta etapa no 2019, o departamento municipal aborda nos vindeiros meses as últimas plantacións de árbores que veñen a completar a primeira das metas que se marcou o executivo local a inicios de mandato: a de aumentar nun 10% o arborado preexistente na cidade, estimado en 15.000 exemplares, e que, como lembrou a edil, non abondan para cumprir coa ratio que recomenda a OMS de tres árbores por habitante. "A Coruña parte cun déficit de arborado moi importante, e non é un espazo fácil para plantar porque é unha cidade densa. Pero precisamente por iso, as árbores son máis necesarias", explicou a edil. Así, a Concellería de Medio Ambiente abordar nestes meses as últimas plantacións para acadar o obxectivo do 10% de incremento. "Este logro é moi importante porque a expansión do arborado é unha das primeiras medidas na mitigación e na adaptación das cidades ao cambio climático. E non é o único beneficio que as árbores traen á cidade, xa que son un elemento fundamental na mellora da biodiversidade e contribúen a manter a calidade do aire e a acústica, xa que filtran partículas contaminantes ao tempo que fan de barreira para o ruído", contextualizou a edil.

O plan de expansión do arborado desenvolveuse en diferentes fases e a primeira delas iniciouse en marzo de 2017, coa plantación de 70 exemplares en barrios. Tras deixar pasar ese verán, a Concellería de Medio Ambiente retomou en decembro de 2017 e ata abril de 2018 a segunda fase, que rematou con 1.300 árbores botando raíces en lugares como os parques de Oza, Catro Ventos, Bens, Adolfo Suárez ou San Diego e en 85 rúas e áreas verdes de barrios como Novo Mesoiro, Cidade Vella ou Monte Alto. Dende finais de 2018 e ata a vindeira primavera, os servizos municipais están a realizar as derradeiras plantacións, nunha terceira fase, que culminarán co obxectivo do incrementar o número de árbores nun 10%, ata acadar as 16.500. Así, García avanzou que a principal plantación terá lugar no polígono de  Agrela, con arredor de 100 árbores, que solicitou a asociación de empresarios. O barrio de Monte Alto contará tamén con 60 novas árbores que se distribuirán entre o parque Carlos Casares, a rúa Tui e a rúa Sirena. Ademais, plantaranse outros 30 exemplares no Paseo Marítimo e dez na Maestranza, así como outros vinculados a proxectos aprobados nos Orzamentos Participativos que terán lugar no Ventorrillo e na Fábrica de Tabacos e que, como indicou García, "constatan que é unha demanda veciñal cada vez máis crecente". A Concellería de Medio Ambiente investiu neste proxecto que chegou a case 100 rúas da cidade máis de 700.000 euros para a plantación de 1.500 árbores adultas "cun porte crecido, que non sufran tantos cos avatares da cidade, e que tiveron varios transplantes para o crecemento das raíces".

Novo reto

"A plantación de 1.500 novas árbores é un motivo para celebrar pero non para descansar, polo que xa estamos a fixar a seguinte meta", avanzou a concelleira, antes de presentar a seguinte edición do plan de expansión de arborado que aumenta o obxectivo de sumar máis árbores no municipio ata o 25%. A Concellería de Medio Ambiente prevé a plantación de 4.000 novos exemplares entre 2019 e 2022, e que se centrarán en proxectos como a creación dos Bosques da Coruña, nos xa presentados das Cinco Illas nos Rosales e de Breogán en Feáns, ou barrios en crecemento como a contorna do Ofimático, ademais doutras novas iniciativas e das peticións cidadás que se aproben a través dos Orzamentos Participativos.  "Queremos seguir dando pasos firmes na naturalización urbana e nas estratexias de mitigación e adaptación do cambio climático. Queremos que A Coruña siga sendo unha cidade natural, saudable, comprometida e cada vez máis verde", concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión