Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de setembro de 2016

O Mapa da Biodiversidade da Coruña amplíase coa incorporación de novas especies animais e vexetais catalogadas durante os meses de verán

O proxecto, encamiñado a documentar a flora, fauna e hábitats naturais do concello ao longo de todo o ano, recolle entre maio e agosto ata 771 especies, nas que destaca o avistamento de vacalouras, crías de andoriña dáurica e un cuco grallo, ave “moi escasa na maior parte de Galicia”

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe María García, salienta o avance do proxecto que o Concello  desenvolve desde principio de ano para a elaboración dun Mapa da Diversidade Biolóxica do municipio da Coruña, un proxecto que, ao longo do ano, pretende documentar a riqueza de flora, fauna e hábitats naturais do municipio para conformar o primeiro catálogo da biodiversidade coruñesa, unha ferramenta de traballo "completa, útil e novidosa" de cara a outras accións nesta materia, tanto de xestión como de sensibilización. Entre maio e agosto, o proxecto vén de ampliarse coa incorporación de 771 especies distintas, das que destacan, pola súa diversidade, o grupo das plantas autóctonas vasculares (con 215 especies), as plantas exóticas (201, incluíndo plantas invasoras e cultivos), os insectos nativos (106) e as aves autóctonas (67 especies). É neste apartado onde o mapa pon de relevo algún dos avistamentos máis salientables dos documentados neste período, como é a aparición dun cuco grallo no monte de San Pedro, unha especie que destaca por estar catalogada como "rara" na maior parte de Galicia, ou a primeira cría de andoriña dáurica, preto de Feáns. A actualización correspondente aos últimos catro meses tamén salienta como notable a aparición de exemplares de vacalouras no extremo sur do concello, unha variedade de insecto elixida  este ano como 'especie do ano' na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

"Este catálogo dá conta da enorme riqueza que temos no municipio, un patrimonio valiosísimo que desde as administracións temos a obriga de conservar e poñer en valor, e un bo indicativo tamén a nivel ambiental, da calidade do aire e, en resumo, da calidade urbana", advirte a concelleira de Medio Ambiente, María García, quen subliña que estudos como este mapa amosan a relevancia dos espazos naturais da Coruña, unha cidade cunha alta calidade en canto a diversidade biolóxica nos seus espazos verdes pese a ser a de maior densidade de poboación de Galicia. Tamén, a responsable municipal salienta a capacidade deste proxecto para  divulgar o valor ambiental do municipio entre a cidadanía, ademais do seu potencial á hora de deseñar accións para reforzar a diversidade biolóxica, e recorda que a cidadanía ten aquí unha boa oportunidade para "ter un contacto directo de calidade coa natureza moi preto da casa".

Os útimos datos do Mapa da Biodiversidade recollen, dentro do termo municipal, as zonas de Feáns e rego de Campos, Castro de Elviña e a costa da Zabela, polo número de rexitros realizados durante estes últimos meses. No cómputo global, os espazos con maior variedade repártense entre o Castro de Elviña, o Parque de Santa Margarita e Cidade Xardín, e a zona do campus da Zapateira e Peñarredonda. O documento inclúe, ao longo do ano, un total de 1.143 especies diferenciadas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión