Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de abril de 2019

O Punto Limpo Móbil do Concello pasará este mes de abril por nove barrios da cidade

O servizo de reciclaxe da área de Medio Ambiente estará dispoñible de martes a sábado polas mañás, agás nos días festivos da Semana Santa

A Concellería de Medio Ambiente informa de que este mes de abril o Punto Limpo Móbil visitará nove localizacións distintas da cidade. Así, desde mañá e até o xoves 4, o servizo de reciclaxe estará dispoñible na praza Pablo Iglesias, e os días 5 e 6 situarase nos Castros, na avenida da Pasaxe, á altura dos números 25-33. De cara á semana que vén, o Punto Limpo situarase do 9 ao 11 na praza Luís Seoane, fronte a Novos Ministerios, mentres que os días 12 e 13 situarase xunto ao parque infantil da avenida de Cádiz, en Lonzas. Durante a Semana Santa o servizo manterase activo, agás nos festivos. Así, o martes 16 e o mércores 17 atoparase na zona peonil da Gaiteira, xunto ao número 31, mentres que o sábado 20 estará no barrio de Durmideiras, na rúa Regata Cutty Sark. Á seguinte semana, do 23 ao 25, o punto estará dispoñible para a veciñanza dos Mallos, ao situarse na rúa Capitán Juan Varela, xunto á Audiencia Provincial; e os días 26 e 27 o camión estacionará na praza Elíptica dos Rosales. Finalmente, o día 30, as veciñas e veciños de Mesoiro poderán depositar os seus residuos na rúa Illas Sisargas.

O Punto Limpo Móbil estará dispoñible, como é habitual, de martes a sábado en horario de 09.00 horas a 14.15 horas. O servizo, que depende da área de Medio Ambiente, facilita a xestión de residuos grazas a súa separación en orixe e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva. As persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas de vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cunha persoa operaria para axudar á veciñanza a depositar cada residuo no contedor correspondente. Para máis información sobre este servizo, pódese visitar o web www.coruna.gal/puntolimpomobil  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión