Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Consulta pública previa á modificación da Ordenanza de xestión de residuos e limpeza viaria

4 de octubre de 2022

Ata o 4 de outubro a cidadanía, as organizacións e as asociacións que así o consideren poderán remitir as súas opinións sobre a futura norma

Consonte co artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, co obxectivo de mellorar a participación da cidadanía no procedemento de elaboración de normas, con carácter previo á elaboración do proxecto de modificación da ordenanza, lévase a cabo unha consulta pública, a través do portal web do Concello de A Coruña, coa finalidade de recoller a opinión da nosa veciñanza, organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma sobre:

a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.

b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación.

c) Os obxectivos da norma.

d) As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.

No ano 2018 apróbase a Directiva (UE) 2018/851, do Parlamento Europeo e do Consello, de 30 de maio, pola que se modifica a Directiva 2008/98/CE sobre residuos (en diante, Directiva (UE) 2018/851). Esta directiva revisa algúns artigos da Directiva Marco de residuos co obxectivo de avanzar na economía circular, harmonizar, mellorar a información e trazabilidade dos residuos e reforzar a gobernanza neste ámbito.

O 5 de xuño de 2019 aprobouse a Directiva (UE) 2019/904, do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á redución do impacto de determinados produtos de plástico no medio ambiente (en diante, Directiva sobre plásticos dun só uso). Esta directiva constitúe un dos instrumentos que a Comisión Europea puxo en marcha para avanzar cara a un sector do plástico máis circular, e para loitar contra a contaminación mariña causada polos plásticos, principalmente por artigos de plástico dun só uso e dos artes de pesca que conteñen plástico.

Partindo do anterior, e centrándonos en España, podemos sinalar a aprobación polo Consello de Ministros no mes de xuño do 2020 da l Estratexia Española de Economía Circular (EEEC) ―"España Circular 2030"―, que senta as bases para superar a economía lineal e impulsar un novo modelo de produción e consumo no que o valor de produtos, materiais e recursos se manteñan na economía durante o maior tempo posible; no que se minimice a xeración de residuos e se aproveiten ao máximo aqueles cuxa xeración non se puider evitar.

Máis recentemente, en data 9 de abril do 2022 publícase no BOE número 85 a Lei estatal 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para una economía circular, entrando en vigor -agás o seu Título VII, que entrará en vigor o 1 de xaneiro do 2023- ao día seguinte da publicación no BOE (En diante, LRSCEC). Esta Lei, que supón a transposición ao noso ordenamento xurídico das Directivas anteriores, ten carácter de lexislación básica en materia de protección do medio ambiente, sen prexuízo da competencias das Comunidades Autónomas para establecer normas adicionais sobre protección do Medio Ambiente.

Neste sentido, e no ámbito da nosa Comunidade Autónoma, en exercicio das competencias asumidas polo noso Estatuto de Autonomía dentro do marco recollido na Constitución, aprobouse en data 12 de decembro do 2019 a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030 e, posteriormente, traspuxéronse as Directivas anteditas mediante a Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, se ben esta norma deberá adaptarse no que resulte procedente á normativa básica, constituída pola LRSCEC.

Por outra banda, convén facer mención aos actuais plans de residuos, tanto estatais coma autonómicos, que se atopan en fase de revisión para adaptalos á nova normativa estatal. Nesta situación están o Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (PEMAR) 2016-2022 ou o Programa Estatal de Prevención de Residuos 2014-2020 a nivel estatal, ou o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 e o Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia (PXRUG), a nivel autonómico.

b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación.

Esbozado xa o marco xurídico actual na materia, é imperativo concluír que tamén os Concellos estamos obrigados a adaptar a nosa normativa á lexislación citada, e neste sentido, a Disposición Final Oitava da LRSCEC establece a obriga das Entidades Locais de aprobar as ordenanzas previstas no artigo 12.5 do dito texto legal a partir da súa entrada en vigor, especificando a Disposición Final Sexta que a dita adecuación normativa debe realizarse no prazo de catro anos, de xeito que se garanta o cumprimento das novas obrigas relativas á recollida e xestión dos residuos da súa competencia nos prazos fixados, particularmente, no tocante á obriga das persoas produtoras ou posuidoras de residuos perigosos ou daqueles cuxas características dificultan á súa xestión de adoptaren medidas para eliminar ou reducir as ditas características, ou a depositárenos na forma e lugar axeitados.

Concretamente, polo que fai á xestión de residuos municipais e limpeza viaria, a actual ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria do Concello da Coruña foi aprobada o 5 de setembro do 2005. Posteriormente á súa entrada en vigor aprobáronse, ademais das normas citadas, especialmente a LRSCEC e a LRSCG, unha serie de normas que teñen unha incidencia directa nos residuos:

  • Real Decreto 646/2020, de 7 de xullo, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro.
  • Real Decreto 506/2013 sobre produtos fertilizantes.
  • Real Decreto 865/2010 sobre substratos de cultivo.
  • Real Decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso.
  • Real Decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.
  • Real Decreto 110/2015, do 20 de febreiro, sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.
  • Real Decreto 106/2008, do 1 de febreiro, sobre pilas e acumuladores e a xestión ambiental dos seus residuos.
  • Decreto 38/2015, de 26 de febreiro, de residuos sanitarios de Galicia.

Tamén está vixente en materia de residuos o Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos 2016-2022 (PEMAR), o Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020, prorrogado ata o ano 2022 (PXRUG) ou o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 (Priga), xa citados e en proceso de revisión.

O anterior, sen esquecer que foi aprobada lexislación nos últimos anos que, sen corresponder estritamente ao ámbito dos residuos, teñen incidencia na nosa normativa municipal ao respecto, como pode ser a Lei 39/2015, de 1 do outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas ou a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Polo tanto, faise necesario proceder a actualizar a Ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria do Concello da Coruña, tendo en conta a LRSCEC e toda a normativa citada.

Cabe mencionar que o Plan de Residuos implantado no Concello da Coruña basease nun modelo de xestión de residuos denominado húmido-seco, no cal se separan como mínimo as fraccións orgánica e inorgánica, ademais do papel e cartón e vidro. Do mesmo xeito, tamén existe recollida selectiva de fraccións tales como o aceite de cociña, os residuos voluminosos, as pilas ou o téxtil.

É intención do Concello da Coruña seguir apostando polo modelo húmido-seco, baixo o amparo do artigo 25.6 da LRSCEC, no cal ten cabida a recollida selectiva de envases e outras fraccións nun único contedor (caso da fracción inorgánica) sempre que cumpra algunha das condicións que se especifican no citado artigo.

c) Os obxectivos da norma.

As principais novidades que se deben atender na nova Ordenanza municipal, de acordo á LRSCEC e á LRSCG, son as seguintes:

  1. Actualización da cor e volume dos contedores empregados na cidade, así como da definición de mediano e grande produtor de residuos.
  1. Actualización das infraccións e sancións que contempla a actual ordenanza, incluídas as contías.
  1. Actualización de certas definicións de interese, como o caso da diferenciación entre residuos domésticos, residuos municipais e residuos de competencia local.
  1. Artigo 26.4 da LRSCG: Os suxeitos produtores ou outros suxeitos posuidores iniciais de residuos comerciais non perigosos e os suxeitos produtores de residuos domésticos xerados nas industrias deberán informar ao concello correspondente e ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das cantidades de residuos xeradas e acreditar a súa xestión, con carácter anual, antes do 1 de marzo do ano seguinte.
  1. Artigo 37.2 da LRSCG (Puntos limpos de recollida separada de residuos de competencia local): As entidades locais poderán prestar o servizo de recollida separada doutros residuos non perigosos xerados nos comercios e dos residuos domésticos xerados nas industrias, se así se establece nas súas respectivas ordenanzas, prevendo o sistema de financiamento correspondente.
  1. Artigo 12.5 da LRSCEC, apartado b: Aprobar programas de xestión de residuos para as entidades locais cunha poboación de dereito superior a 5.000 habitantes, de conformidade cos plans autonómicos e estatais de xestión de residuos.
  1. Artigo 18.1 da LRSCEC, apartado l: Frear a xeración de lixo disperso no medio mariño como contribución ao obxectivo de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas consistente en previr e reducir considerablemente a contaminación mariña de todo tipo. Con este fin, a partir da entrada en vigor desta norma, os Concellos poderán regular as limitacións de liberar globos de forma intencionada e de fumar nas praias, que se poderán sancionar nas Ordenanzas Municipais con arranxo ao réxime de infraccións e sancións da presente lei.
  1. Artigo 18.3 da LRSCEC: Ao obxecto de reducir o consumo de envases dun só uso, as administracións públicas fomentarán o consumo de auga potable nas súas dependencias e outros espazos públicos, mediante o uso de fontes en condicións que garantan a hixiene e a seguridade alimentaria ou o uso de envases reutilizables, entre outros, sen prexuízo de que nos centros sanitarios permítase a comercialización en envases dun só uso.

Con ese mesmo obxecto, nos establecementos do sector da hostalería e restauración terase que ofrecer sempre aos consumidores, clientes ou usuarios dos seus servizos, a posibilidade de consumo de auga non envasada de maneira gratuíta e complementaria á oferta do mesmo establecemento.

  1. Artigo 19.1 da LRSCEC: (...)As entidades locais poderán establecer tamén medidas para favorecer a redución dos residuos alimentarios, no seu caso, en colaboración cos establecementos de restauración e distribución de alimentos, e tendo en conta o establecido nos programas estatal e autonómico .
  1. Artigo 19.4 da LRSCEC: No que respecta á redución do residuo alimentario nas empresas de distribución alimentaria e de restauración, as entidades locais poderán establecer nas correspondentes ordenanzas sobre o financiamento dos servizos de recollida de residuos, bonificacións nas taxas ou, no seu caso, nas prestacións patrimoniais de carácter público non tributario que graven a prestación destes servizos de recollida, nos termos previstos na disposición final primeira.
  1. Artigo 20.3 da LRSCEC: O produtor inicial ou outro posuidor de residuos domésticos deberá separar en orixe os seus residuos e entregalos nos termos que se establezan nas ordenanzas das entidades locais, de acordo con o establecido no artigo 25.

O produtor inicial ou outro posuidor de residuos comerciais non perigosos deberá separar en orixe e xestionar os residuos de conformidade coas obrigacións establecidas no artigo 25, e acreditar documentalmente a correcta xestión ante a entidade local, ou ben poderá acollerse ao sistema público de xestión dos mesmos, cando exista, nos termos que establezan as ordenanzas das entidades locais.

  1. Artigo 22.1 da LRSCEC: Ás fraccións separadas de residuos domésticos perigosos non lles serán de aplicación as obrigacións derivadas da súa consideración como residuos perigosos contidas nos artigos 21, 31 e no título VIN, ata que non sexan entregadas para o seu tratamento nos puntos de recollida establecidos polas entidades locais segundo o disposto nas súas ordenanzas en aplicación da obrigación establecida no artigo 25.2.
  1. Artigo 25.2 da LRSCEC: Para facilitar a preparación para a reutilización e a reciclaxe de alta calidade, de conformidade cos artigos 24.2 e 24.3, as entidades locais establecerán a recollida separada de, polo menos, as seguintes fraccións de residuos de competencia local:

a) O papel, os metais, o plástico e o vidro,

b) os biorresiduos de orixe doméstica antes do 30 de xuño de 2022 para as entidades locais con poboación de dereito superior a cinco mil habitantes, e antes do 31 de decembro de 2023 para o resto. Entenderase tamén como recollida separada de biorresiduos a separación e reciclado en orixe mediante compostaxe doméstica ou comunitaria,

c) os residuos téxtiles antes do 31 de decembro de 2024,

d) os aceites de cociña usados antes do 31 de decembro de 2024,

e)os residuos domésticos perigosos antes do 31 de decembro de 2024, para garantir que non contaminen outros fluxos de residuos de competencia local,

f) os residuos voluminosos (residuos de mobles e aveños) antes do 31 de decembro de 2024, e

g) outras fraccións de residuos determinadas regulamentariamente.

Entre os modelos de recollida das fraccións anteriores que establezan as entidades locais deberanse priorizar os modelos de recollida máis eficientes, como a porta a porta ou o uso de colectores cerrados ou intelixentes que garantan cocientes de recollida similares.

  1. Artigo 25.4 da LRSCEC: Para os efectos do cumprimento dos apartados 2 e 3, poderase establecer regulamentariamente a porcentaxe máxima de impropios presente en cada unha das fraccións anteriores para a súa consideración como recollida separada. No caso dos biorresiduos, a porcentaxe máxima de impropios permitido será do 20% desde 2022 e do 15% desde 2027. Esta porcentaxe poderá ser reducido mediante orde ministerial.

A superación da este porcentaxe terá o carácter de infracción administrativa e será sancionable polas comunidades autónomas de conformidade co previsto no artigo 108. As entidades locais deberán establecer mecanismos de control, mediante caracterizacións periódicas, e redución de impropios para cada fluxo de recollida separada.

  1. Artigo 28.1 da LRSCEC: (...) As entidades locais, cando así o establezan as súas respectivas ordenanzas, poderán recoller conxuntamente cos biorresiduos, os residuos de envases e outros residuos de plástico compostable que cumpran cos requisitos da norma europea EN 13432:2000 «Envases e embalaxes. Requisitos dos envases e embalaxes valorizables mediante compostaxe e biodegradación. Programa de ensaio e criterios de avaliación para a aceptación final do envase ou embalaxe», así como outros estándares europeos e nacionais sobre compostabilidad de plásticos, e nas súas sucesivas actualizacións, a condición de que as entidades locais poidan asegurar que a instalación de tratamento biolóxico onde son tratados estes residuos cumpre coas condicións sinaladas nas normas anteriores para lograr o seu tratamento adecuado. Neses casos, manterán informados os produtores dos residuos para que poidan realizar a correcta separación dos mesmos.
  1. Artigo 106.6 da LRSCEC: Os produtores de residuos domésticos e comerciais estarán suxeitos ás inspeccións por parte das entidades locais, para os efectos de comprobar o cumprimento do establecido nas respectivas ordenanzas e nesta lei e os seus regulamentos de desenvolvemento no que sexa da súa competencia.
  1. Disposición adicional undécima (Contratos en vigor das entidades locais) da LRSCEC: As entidades locais adaptarán os contratos de prestación de servizos, concesión de obras, concesión de obra e servizo ou doutro tipo, para os servizos de recollida e tratamento de residuos de competencia local ao obxecto de dar cumprimento ás novas obrigacións de recollida e tratamento establecidas nesta lei nos prazos fixados, sempre que iso resulte posible en virtude da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público.
  1. Disposición adicional décimo cuarta (Instalacións e emprazamentos con amianto) da LRSCEC: No prazo dun ano desde a entrada en vigor da lei, os concellos elaborarán un censo de instalacións e emprazamentos con amianto incluíndo un calendario que planifique a súa retirada. Tanto o censo como o calendario, que terán carácter público, serán remitidos ás autoridades sanitarias, ambientais e laborais competentes das comunidades autónomas, as cales deberán inspeccionar para verificar, respectivamente, que se retiraron e enviaron a un xestor autorizado. Esa retirada priorizará as instalacións e emprazamentos atendendo ao seu grao de perigo e exposición á poboación máis vulnerable. En todo caso as instalacións ou emprazamentos de carácter público con maior risco deberán estar xestionadas antes de 2028.
  1. Disposición final primeira da LRSCEC: (...) «6. As entidades locais poderán establecer mediante ordenanza unha bonificación de ata un 95% da cota íntegra das taxas ou no seu caso, das prestacións patrimoniais de carácter público non tributario, que se esixan pola prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos para aquelas empresas de distribución alimentaria e de restauración que teñan establecidos, con carácter prioritario, en colaboración con entidades de economía social carentes de ánimo de lucro, sistemas de xestión que reduzan de forma significativa e verificable os residuos alimentarios, sempre que o funcionamento destes sistemas sexa previamente verificado pola entidade local. As ordenanzas especificarán os aspectos substantivos e formais da bonificación regulada neste apartado.»
  1. Aínda que non é obxecto da Ordenanza sobre xestión de residuos municipais e limpeza viaria, a LRSCEC establece no artigo 11.3 que ls entidades locais establecerán no prazo de tres anos a contar desde a entrada en vigor desta lei, unha taxa ou, no seu caso, unha prestación patrimonial de carácter público non tributaria, específica, diferenciada e non deficitaria, que permita implantar sistemas de pago por xeración e que reflicta o custo real, directo ou indirecto, das operacións de recollida, transporte e tratamento dos residuos, incluídos a vixilancia destas operacións e o mantemento e vixilancia posterior ao peche das entulleiras, as campañas de concienciación e comunicación, así como os ingresos derivados da aplicación da responsabilidade ampliada do produtor, da venda de materiais e de enerxía.

d) As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

Non hai alternativas non regulatorias que permitan atender á necesidade apuntada. 

En consecuencia, a cidadanía, organizacións e asociacións que así o consideren, poderán remitir as súas opinións sobre os aspectos formulados neste documento ata o día 4 de outubro do 2022 a través do seguinte correo electrónico: medioambiente@coruna.gal

Enlace a formulario de participacin

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión