Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de abril de 2020

O concello repartirá esta semana novo material de protección na rede de mercados municipais

A alcaldesa, Inés Rey, explicou que ata agora se repartiron nas prazas 200 pantallas protectoras, 3.200 máscaras cirúrxicas e 2.500 luvas para a seguridade das vendedoras e dos vendedores Iniciou hoxe unha rolda de visitas por todos os mercados, que seguen funcionando a pleno rendemento, para coñecer de primeira man a aplicación das medidas de hixiene e saúde e comprobar o ritmo de traballo nos establecementos

O concello entregaralles esta semana novo material de protección ás traballadoras e aos traballadores das prazas de abastos municipais para garantir a súa saúde e a seguridade alimentaria. Así llelo comunicou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, ás vendedoras e aos vendedores do mercado Eusebio da Garda e San Agustín, durante unha visita en que a rexedora puido comprobar que "se segue a traballar a pleno rendemento e que están abastecidos con todo tipo de alimentos". O novo material sumarase ás 200 pantallas, 3.200 máscaras e 2.500 luvas que o concello xa repartira en días pasados.  

Acompañada polo concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, a alcaldesa, que iniciou hoxe unha rolda de visitas a todos os establecementos da rede municipal, explicou que os mercados "resisten bastante ben nesta situación de crise sanitaria, manteñen as súas vendas e incrementaron os seus servizos de venda en liña e repartimento a domicilio". Estas últimas medidas, que xa funcionaban nalgunhas prazas antes da pandemia do coronavirus, sérvenlles en certa medida para mitigar o descenso de afluencia da clientela.  A visita da alcaldesa permitiulle tamén coñecer como viven as vendedoras e os vendedores esta situación e que novas iniciativas se poden adoptar.   

Doutra banda, a alcaldesa sinalou que no caso do Concello da Coruña "estanse a estudar todas as medidas de choque necesarias para reactivar a economía e que se poidan adoptar canto antes co fin de evitar que a situación de crise se faga crónica e teña consecuencias máis graves das que xa ten".  

O Goberno local, dixo, implantará actuacións complementarias ás formuladas por outras administracións para limitar o impacto do coronavirus na economía da cidade. A intención do Executivo, insistiu, é axudarlles aos sectores produtivos a sortear a crise.  

E farano, sinalou a rexedora, a través dun modificativo de crédito que se acordará con todas as forzas políticas. Os cambios nas partidas "non se basearán en decisións unilaterais do Goberno local senón que buscarán o maior consenso posible".  

"Trátase dun labor de cidade, en que debemos traballar unidos", resaltou Inés Rey, quen anunciou que o Executivo xa está a analizar as partidas que poden darse de baixa para dotar outras de maior crédito e que se debaterán na Comisión de Facenda que se realizará a finais desta semana, onde o resto de partidos políticos terán a oportunidade de presentar a súas achegas. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión