Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xullo de 2022

O novo BiciCoruña bate o récord de usos diarios desde a posta en marcha do servizo

A incorporación das bicicletas eléctricas segue a atraer numerosas altas. Na actualidade, BiciCoruña conta con 2.673 usuarios activos, dos que case un milleiro son novos usuarios

O servizo municipal de bicicletas BiciCoruña, renovado e que volveu a estar operativo o pasado día 12 de xullo, bateu esta semana o seu récord de usos na mesma xornada. 

Foi este mércores, día 27, con 1.253 usos durante o horario de dispoñibilidade, superando a cifra que marcaba anteriormente a marca máis alta de usos diarios, 1.135, con data do 26 de setembro do 2018. Por outra banda, e desde a reapertura do servizo de BiciCoruña, o sistema de seguimento contabilizou un total de 14.578 usos.

O novo servizo de BiciCoruña recibiu, nos últimos días, numerosas altas, atraídas pola incorporación das bicicletas eléctricas ao cómputo total de vehículos. Neste sentido, e desde a renovación do servizo impulsada polo Goberno de Inés Rey, BiciCoruña conta con 2.673 usuarios activos, dos que 1.676 se corresponden a usuarios migrados desde o antigo servizo, 729 novos usuarios que se subscribiron ao bono anual e, por outra banda, 268 novos usuarios que optaron por subscribirse a un bono ocasional.

A este respecto, Mobilidade recalcou que continuan traballando para resolver posibles incidencias co novo sistema e tamén no referente á migración de datos de persoas xa anteriormente usuarias. Ademais, desde o servizo lembraron que as persoas con tarxeta Millenium e xa dadas de alta en BiciCoruña teñen que rexistrarse en bicicoruna.gal para migrar os seus datos e poder retirar as bicicletas das estacións coa propia tarxeta. Os novos usuarios tamén terán que acceder primeiro a ese enderezo web para rexistrarse e escoller unha das súas tarifas.

O novo BiciCoruña

A renovación do sistema de BiciCoruña supón a incorporación de 514 bicicletas novas, das que 172 son eléctricas e 342, mecánicas. As novas bicicletas eléctricas superan en cifras o total que había en circulación ata o de agora. Ademais, haberá un total de 990 puntos de estacionamento, con base de carga, repartidos en 55 estacións cunha capacidade mínima de 15 postos. Trátase de estacións modulares robustas e cun sistema antivandalismo. A estrutura non require obra civil, polo que son moi versátiles e permiten unha rápida instalación ou traslado.

Hai dúas modalidades de pago: unha anual e outra ocasional. A anual ten un custo de 40 euros (3,33 euros ao mes). Non hai pago por minuto nas bicicletas mecánicas, mentres que nas eléctricas o seu uso é gratuíto ata os 20 minutos, sempre e cando se teña posesión do abono anual, mais este cargo non se fará efectivo ata 2024. A partir desa franxa, o seu custo será dun céntimo por minuto (desde o ano 2024), en tramos de dez minutos, ata chegar aos sesenta, tempo límite de uso continuado do servizo. A partir dese momento, cobrarase unha recarga de 5 euros por hora para evitar un uso indebido de BiciCoruña. Cabe destacar que con este plan as persoas usuarias poderán volver retirar unha bicicleta dez minutos despois de usala, sen recargas adicionais.

Por outra banda, creouse unha modalidade ocasional ou turística, que serve para dar resposta á demanda das persoas que están de paso na cidade. O seu prezo é de 10 euros e permite usar a bicicleta durante un mes. Nesta modalidade, as bicicletas mecánicas teñen un custo por minuto de 0,015 euros, mentres que o das eléctricas é de 0,03 euros por minuto. O uso máximo nesta modalidade é de dúas horas, pero non permite volver retirar a bicicleta da estación unha vez depositada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión