Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xuño de 2020

Villoslada: “Este certificado achéganos unha mensaxe de recuperación da confianza no servizo público de transporte”

AENOR certifica o protocolo de medidas de seguridade e hixiene aplicado pola Compañía de Tranvías fronte ao coronavirus

O concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, felicitou á Compañía de Tranvías pola recente certificación AENOR fronte á Covid-19 e a súa eficacia á hora de implantar as medidas de protección para viaxeiros e condutores viuse referendado. Segundo Villoslada,  "O esforzo realizado tanto na escalada como na desescalada pola compañía deixanos unha mensaxe fundamental á veciñanza: a recuperación da confianza no servizo público de transporte". O edil sinalou que "desde o concello apelamos á responsabilidade no cumprimento das normas e tamén a esa mensaxe de confianza da cidadanía, necesaria para recuperar o transporte público".

Este selo avala así as medidas de hixiene e prevención implementadas pola Compañía de Tranvías, no seu compromiso coa saúde e seguridade tanto dos seus traballadores como dos usuarios do transporte público, desde a implantación do estado de alarma. Entre elas figura a colocación de biombos de seguridade na cabina do condutor ou as medidas especiais de limpeza e desinfección dos vehículos, incluíndo a instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico ao dispor das persoas usuarias. Deste xeito, e unha vez que se reinstaurou o 100% do servizo, o certificado pon de manifesto a seguridade do transporte público coruñés e outorga a confianza necesaria para ir recuperando o modelo de mobilidade sostible que promoveu sempre a compañía, apostando polo transporte colectivo como o medio máis eficiente e ecolóxico para desprazarse na cidade da Coruña.

Pola súa banda, o director da Compañía de Tranvías, Ignacio Prada, asegurou que "temos o 100% do servizo funcionando de novo e con todas as garantías de protección, tal como confirma AENOR. A súa certificación fronte ao  COVID-19 é o aval que necesitabamos para transmitirvos a nosa mensaxe de confianza, de modo que poidades estar absolutamente seguros de que a Compañía de Tranvías puxo e seguirá poñendo o seu máximo esforzo en garantir a vosa seguridade. A mobilidade sostible sufriu unha alteración que hoxe é fundamental ir recuperando. O transporte colectivo é o modo máis eficiente e ecolóxico de desprazarse e estamos nun momento crucial para recuperar eses valores, para volver viaxar en autobús, sabendo que este nos ofrece a máxima seguridade. É hora de volver ao noso vello lema: Vaia onde vaia, vaia en autobús".

O selo especial de AENOR para protocolos fronte á Covid-19 avala a adecuada implantación e despregamento de medidas de seguridade e hixiene de maneira que as empresas e institucións poidan referendar ante os seus usuarios e usuarias, os seu cadro de persoal e os seus clientes/as que nas súas instalacións están a desenvolverse prácticas eficaces para a xestión dos riscos derivados do coronavirus. Desta forma, apóiase ás empresas na volta aos centros de traballo e ás actividades nos comercios e instalacións de todo tipo.

A avaliación que realiza AENOR valora aspectos como a xestión de riscos, a xestión da saúde no traballo, a formación, información e comunicacións desenvolvidas; as medidas organizativas e de protección, así como as boas prácticas de limpeza e hixiene, entre outros. Para a obtención desta certificación foi necesario realizar unha exhaustiva auditoría, tanto presencial como documental, co obxectivo de contrastar os protocolos que aplica a compañía e asegurar que se fan coa metodoloxía desenvolvida por  AENOR.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión