Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de maio de 2020

O Concello dará luz verde á normativa para o uso de vehículos de mobilidade persoal

A nova instrución será aprobada a próxima semana a través dunha resolución da Concellería de Urbanismo e Mobilidade

O Concello da Coruña conta xa cunha instrución que regula o uso de patinetes e monopatins eléctricos na cidade, e que será aprobada a próxima semana. A nova normativa, que elaborou a Concellería de Urbanismo e  Mobilidade, prohibe aos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), tamén coñecidos como Vehículos de Mobilidade Urbana (VMU), circular pola beirarrúa e obrígaos a circular por vías cuxa velocidade máxima permitida non supere os 30 km/h, polo carril bici e polas sendas ciclables.

A instrución municipal autorizalles as persoas propietarias dos VMP a circular a unha velocidade máxima de 25 km/h pola calzada, mentres que polos carrís bici terán que facelo no sentido sinalizado e sen superar o 20 km/h. Polas sendas ciclables onde comparten espazo cos peóns, os VMP poderán transitar sen superar o 10 km/h. En todas elas, terán que respectar a sinalización xeral e a normativa sobre tráfico, circulación e seguridade viaria, sempre dando preferencia ás peoas e aos peóns.

No que se refire á circulación pola calzada, permítese o uso de VMP en zonas declaradas como "Zona 30", "Zona 20" ou "Zona 10", así como nas vías cun único carril de circulación cuxa velocidade máxima permitida estea limitada a 30 km/h, sempre que nas mesmas non exista vía ciclista e a circulación prodúzase polo centro da calzada. Excepcionalmente, en ausencia de zonas habilitadas para a circulación de  VMP, poderán circular naquelas vías de único sentido e dun só carril de circulación a unha velocidade máxima de 25 km/h. Non se autoriza a circulación de VMP pola calzada do resto de vías.

A idade mínima permitida para circular é de 15 anos (de maneira excepcional permitirase utilizar os patinetes a persoas menores de 15 anos por vías ciclistas acompañados dunha persoa adulta). As e os menores deberán levar sempre casco.

Do mesmo xeito que outros vehículos non se poderá transitar baixo os efectos do alcol e as drogas nin utilizar auriculares con aparellos reprodutores de son, nin teléfono móbil. As persoas usuarias deberán levar pezas reflectoras cando circulen pola noite ou en condicións de baixa visibilidade. E só autorízase o uso unipersoal do vehículo.

Canto á documentación, as usuarias e os usuarios deberán levar consigo a documentación técnica do vehículo. Os patinetes privados non comerciais poderán estacionarse en espazos destinados ás bicicletas. Prohíbese o seu estacionamento en beirarrúas e zona peonís e non poden suxeitarse a mobiliario urbano ou árbores.

Quedan excluídos desta regulación os vehículos utilizados por persoas con mobilidade reducida e os ciclos de máis de dúas rodas con ou sen motor,

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz  Villoslada, aclarou que non se trata dunha ordenanza, senón dunha instrución que regula o uso na cidade destes patinetes eléctricos á espera de que o Goberno aprobe unha normativa de carácter xeral. "O  concello, ante a recente aparición e proliferación de novos medios de mobilidade e transporte no ámbito urbano, considerou conveniente a elaboración dunha instrución municipal que regule as condicións de utilización e circulación dos mesmos", sinalou.

Trátase, insistiu, de favorecer a seguridade viaria e garantir que o uso destes vehículos se realice dunha forma regulada e segura, facéndoa compatible cos diferentes usos da vía pública, especialmente no ámbito das beirarrúas e zonas peonís. Para o concelleiro esta normativa faise agora máis necesaria que nunca para faciltarlle a cidadanía o uso de estos vehículos "que nesta etapa da desescalada debemos fomentar de cara a unha mobilidade máis sostible".

A instrución é resultado do traballo realizado pola comisión técnica de regulación normativa da Mesa pola Mobilidade Sostible da Coruña, que tamén abordou a declaración da Coruña como "Cidade 30".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión