Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de setembro de 2022

O Concello da Coruña reforza a seguridade viaria na contorna do colexio Labaca coa disposición dunha nova sinalización en cores orientada a calmar o tráfico

Os traballos, postos en marcha no contexto da Semana Europea da Mobilidade, comezarán esta noite, coa previsión de inicio ás 23.00 horas

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, acometerá esta noite unha intervención para a mellora da sinalización horizontal na calzada no tramo da rúa Juan Flórez que discorre por diante do acceso principal ao colexio Labaca.

Os traballos, promovidos no contexto da Semana Europea da Mobilidade que se está a celebrar na cidade desde o pasado venres, consisten na disposición e pintado, con pintura antideslizante, de elementos esféricos nas cores azul e amarelo, distinguíndose da cor negra do pavimento. Ademais, tamén se executará un repintado da sinalización viaria horizontal xa disposta fronte ao centro educativo.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, sinalou que "esta medida ten como principal obxectivo facilitar o calmado do tráfico nas proximidades dos centros escolares, reforzando a seguridade peonil. A idea, ademais de que a contorna sexa máis agradable visualmente para as rapazas e rapaces, é axudar aos conductores a fixar a súa atención na calzada, brindándolles unha nova ferramenta para reducir a velocidade ao seu paso por diante do colexio". 

Neste sentido, esta intervención dá continuidade ao plan de melloras da mobilidade posto en marcha polo Goberno de Inés Rey na contorna e accesos das escolas infantís, colexios e institutos, que tamén abrangue a disposición de pasos de peóns en elevación para garantir a redución da velocidade dos vehículos motorizados.

No caso desta nova sinalización horizontal sobre a calzada, os traballos levaranse a cabo nos dous carrís da rúa Juan Flórez situados diante do CEIP Labaca, tanto no carril 30 posto en marcha durante o vixente mandato como no carril exterior, con limitación de velocidade a 50 quilómetros por hora.

O pintado desta sinalización executarase nesta noite de martes a mércores, desde as 23.00 horas, e coa previsión de que a intervención remate ás seis da mañá.

III Foro da Mesa de Mobilidade 'Protagonistas da mobilidade coruñesa'

A programación de actividades pola Semana Europea da Mobilidade continúa esta tarde, coa posta en marcha do III Foro da Mesa de Mobilidade 'Protagonistas da mobilidade coruñesa'. A sala Leonardo da Vinci, na Domus, acolle desde as 16.30 horas esta mesa de debate, na que intervén o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, que achegará ás persoas asistentes a evolución experimentada pola cidade da Coruña, en materia de mobilidade, nas últimas décadas, así como as iniciativas promovidas polo Goberno de Inés Rey desde o comezo do vixente mandato para transformar A Coruña nunha referencia da mobilidade sostible nas paisaxes urbanas, cos peóns e os vehículos respectuosos co medio ambiente como principais protagonistas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión