Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de marzo de 2020

Recomendacións para o colectivo de taxistas durante o Estado de Alarma

A Concellería de Mobilidade comunícalles ás asociacións deste transporte público que operan no termo municipal da Coruña unha serie de instrucións de limpeza e sobre as características dos servizos que van ofrecer neste período, co fin de garantir a saúde e seguridade das persoas usuarias

Co fin de garantir a saúde e seguridade das persoas usuarias e das/os profesionais que prestan o servizo do transporte público de taxi e no ámbito das competencias municipais no que se refire a transporte e a mobilidade, segundo o artigo 25.2.g) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, a Concellería de Mobilidade recomenda durante o período de Estado de Alarma:

1.Segundo a orde do Ministerio publicada onte no BOE (Boletín Oficial do Estado), os desprazamentos deberán realizarse individualmente, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores ou por outra causa xustificada.

2.Todos os vehículos deberán ter colocados carteis informativos no seu interior, en que se avise da situación de urxencia sanitaria e declaración do estado de alarma pola pandemia do COVID-19, e nos que se informe das medidas de prevención ditadas polas autoridades sanitarias.

3.Ademais, tanto as páxinas web como as aplicacións para teléfonos móbiles das asociacións e empresas do sector deberán incluír todas as mensaxes oficiais que se refiran a esta situación excepcional.

4.Cómpre extremar a limpeza e desinfección do vehículo, sobre todo, as zonas e elementos máis comúns ao tacto, como son os tiradores das portas, cintos de seguridade e os elementos de apertura e de peche, mandos de control, repousabrazos e asas. Tamén se deberá aumentar a frecuencia da limpeza e desinfección para que, polo menos, se realice unha vez ao día, con produtos recomendados polas autoridades sanitarias pola súa maior capacidade de desinfección. Recoméndase que durante estas tarefas de limpeza se utilicen os elementos de seguridade que indiquen os produtos empregados e que se eliminen de forma axeitada os refugallos da limpeza.

5.Respecto da protección persoal, recoméndaselles ás e aos profesionais do sector do taxi que cumpran coas regras básicas de hixiene persoal que determinen as autoridades sanitarias, como o lavado regular das mans, o uso de toallas de papel dun só uso, esbirrar e tusir en panos dos de tirar; ou no seu defecto, no cóbado, e evitar tocar o nariz, os ollos e a boca.

6.No interior dos vehículos, deberase renovar o aire abrindo as ventás de forma periódica e evitar empregar os medios de climatización. Convén pór ao dispor das persoas usuarias toalliñas ou xeles desinfectantes de uso persoal.

7.Recoméndase utilizar medios electrónicos para o pagamento e a través de aplicacións móbiles e limitar ao máximo o pago en efectivo, para minimizar o contacto entre o/a condutor/a e as persoas usuarias.

8.Se as e os profesionais que prestan estes servizos presentan síntomas compatibles co coronavirus, como son febre, tose seca, dor de gorxa, dor muscular ou dificultade respiratoria, deberán seguir as pautas indicadas polas autoridades sanitarias e interromper de xeito automático a prestación do servizo.

9.Estas recomendacións complementaranse coas instrucións e medidas preventivas que se poidan emitir desde as diferentes autoridades sanitarias do Estado e da Xunta de Galicia e actualizaranse en función das súas indicacións. Estarán vixentes mentres dure a alerta sanitaria.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión