Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xullo de 2018

O alcalde intervén esta tarde nunha conferencia sobre democracia co gobernador de Nariño e a ex directora xeral de Igualdade de Guipuzkoa na primeira xornada do Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos

As sesións plenarias das xornadas, nas que participan representantes de institucións de todo o Estado e Portugal, así como de Colombia, Bolivia, Costa Rica e Arxentina, poderán seguirse por streaming a través da dirección www.coruna.gal/encontro-iberico

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, intervén esta tarde (ás 18.30 horas) nunha conferencia titulada Democracia, Como e para Que? xunto ao gobernador de Nariño (Colombia), Camilo Romero, a ex directora xeral de Igualdade da Deputación Foral de Guipuzkoa, Laura Gómez, e a concelleira de Participación, Claudia Delso. Faino no marco da primeira xornada do IV Encontro Ibérico de Democracia e Orzamentos Participativos, que se celebra no centro municipal Ágora até o sábado e que ten como obxectivo abrir espazos para as novas prácticas de innovación democrática. "Imos falar de novas formas de facer política que poñen á cidadanía no centro, de novos programa como, por exemplo, o dos orzamentos participativos que na Coruña desenvolvemos dende hai tres edicións e para os que temos reservados tres millóns de euros dos presupostos municipais. Fórmulas que interpelan á cidadanía activa e que buscan garantir que gobernamos seguindo o mandato cidadán", comentou Delso no almorzo informativo que esta mañá mantivo con medios de comunicación para dar conta tanto do programa como doutras cuestións de interese relativas ás xornadas.

No mesmo, a concelleira recordou que este Encontro Ibérico está organizado polo Concello da Coruña coa colaboración da Deputación da Coruña, a Rede de Cidades Participativas e a Rede de Autarquías Participativas, así como o apoio técnico do Observatorio Internacional de Democracia Participativa, a Unión de Cidades Capitais Iberoamericanas e as asociacións In Loco e Coglobal. A titular de Participación declarou a súa satisfacción porque A Coruña acolla este encontro ibérico, que conta eminentemente con representación de distintas administracións de España e Portugal, pero tamén coa participación de diversas relatoras internacionais, xa que é un "referendo á decidida aposta deste goberno local pola democracia participativa, o que se pode ver, precisamente, no feito de que teñamos unha concellería integramente adicada a desenvolver estas políticas".

Se ben esta primeira xornada é de carácter eminentemente técnico, tanto ao longo de mañá, xoves, coma do venres, sucederanse distintas mesas de traballo e conversas a respecto das formulas de traballo democráticas e participativas con máis de 40 persoas relatoras. A meirande parte das mesmas representarán a municipios e outros niveis da Administración que xa están a desenvolver programas de orzamentos participativos. Así, no Ágora daranse a coñecer as experiencias de grandes capitais, como Lisboa ou Madrid, até as de pequenos municipios, como Lourinhã (Portugal), incluíndo tamén aqueles programas estatais, como a posta en marcha polo Goberno de Portugal, ou a da comunidade autónoma de Murcia. Un dos casos convidados tamén é singular no mundo, como o programa de orzamentos participativos transfronteirizos que está a levarse a cabo nos concellos de Tomiño e Vila Nova da Cerveira, na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Tamén participarán profesionais do ámbito da investigación, como Janina Welp, Directora Rexional para América Latina no Centro de Estudos de  Democracia Directa (C2D) da Universidade de Zurich, quen ofrecerá a conferencia inaugural A democracia e os orzamentos participativos para un novo modelo de cidade: co-xestión das cidades sustentables.

O encontro buscará o intercambio de experiencias de España e Portugal, pero tamén permitirá coñecer o desenvolvemento da democracia participativa en cidades como La Paz (Bolivia), Quito (Ecuador), San José (Costa Rica), Buenos Aires ou Rosario (Arxentina), da man dos seus e as súas protagonistas.

De cara a facilitar, precisamente, a participación, as sesións plenarias do encontro ibérico serán retransmitidas por streaming na web municipal (para máis información www.coruna.gal/encontro-iberico).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión