Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de abril de 2018

O goberno local salienta actuacións de mellora de equipamentos, accesibilidade e seguridade, na contorna de Zalaeta, San Andrés e a Torre

O alcalde, Xulio Ferreiro, anunciou, nun novo encontro veciñal ‘Dillo Ti’, que o executivo coruñés abrirá a Oficina Municipal de Atención ás Vítimas do Franquismo na Casa Museo Casares Quiroga

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o goberno municipal participaron esta mañá nun novo encontro coa cidadanía 'Dillo ti', no que deron conta das actuacións de mellora que se están a levar a cabo no barrio de Zalaeta e arredores, nos que, no que vai de mandato municipal, se acometeron numerosas obras sobre a pavimentación, urbanización e accesibilidade en varias rúas da contorna. Ferreiro lembrou que o executivo local ten en marcha obras na rúa da Torre, unha "actuación importante e necesaria polo seu estado, que vai permitir mellorar a comunicación" entre o barrio de Monte Alto e o Campo da Leña e que "estaba nun estado que merecía unha renovación completa". A intervención, na que o Concello da Coruña inviste arredor de 250.000 euros, consistirá na renovación do pavimento da calzada e das beirarrúas, ampliando o ancho destas para que este treito da rúa estea acorde ao papel que desenvolve como corredor no barrio. Ferreiro avanzou tamén que o barrio acollerá a Oficina de Atención ás Vítimas da represión franquista, unha iniciativa máis do Goberno local para a reparación da memoria histórica, que se instalará na Casa Museo Casares Quiroga.

O rexedor profundizou tamén en actuacións que se levaron a cabo nas rúas San Andrés, Orillamar, Veramar ou San Agustín, que inciden na mellora do espazo público grazas á renovación dos pavimentos, sistema de recollida de pluviais e saneamento, así como facilitar o tránsito peonil coa mellora das beirarrúas e facilitar, no caso de Entrexardíns, o espazo no reservado para os e as usuarias do transporte metropolitano. Ferreiro destacacou tamén o proxecto de dinamización e revitalización da zona do mercado de San Agustín. Entre as accións xa implementadas destaca a reurbanización da rúa Xoán XXIII, que permite que "o tránsito sexa agora máis seguro", unha actuación que se completará coa reurbanización do frontal do mercado, dende a praza do Humor ata Marqués de Pontejos. O rexedor avanzou tamén que o Goberno local está en negociacións para mercar un edificio do Arzobispado de Oviedo, que permitirá facer un acceso entre San Agustín e a rúa Panadeiras, "unha actuación que leva anos prevista e moi demandada polos praceiros e praceiras do mercado municipal", xa que mellorará a accesibilidade da instalación municipal. Entre os plans previstos para a zona, Ferreiro recordou tamén que o Concello ten adquirido un solar en San Nicolás con Marqués de Pontejos destinada "a construción de vivendas municipais", nun paso máis para a conformación dun parque público de vivenda que permita acceso aos colectivos con especial dificultade e, ao tempo, contribuír a rexenerar os barrios da cidade.

Os representantes do Goberno local indicaron que, entre os proxectos previstos para o barrio, está pendente unha actuación procedente dos Orzamentos Participativos, para a instalación de beirarrúas na zona das Atochas, que "se porá en marcha durante este ano". Ferreiro lembrou que están en marcha xa os Orzamentos Participativos para este ano e animou á veciñanza a achegarse ao punto de información que se instalará esta tarde no Obelisco. Na carteira de actuacións previstas, está tamén a peonalización da rúa Victoria Fernández España, situada xunto ao IES Ramón Menéndez Pidal, que tamén favorecerá a seguridade peonil da comunidade educativa. A actuación, na que o goberno local investirá 241.644 euros, dará lugar á creación dun novo espazo público nocsges polígono de Zalaeta, conformado por unha praza, paseo e xardín que ocupará unha superficie total de 2.560 metros cadrados.

O acto finalizou co convite á veciñanza, expresado polo alcalde, para participar no Foro Cidadán Tecendo Litoral, un debate aberto con diferentes axentes da cidade no que se abordarán propostas para o futuro do espazo no que se sitúan os peiraos interiores da cidade, e que terá lugar o días 27 e 28 de abril no Palexco.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión