Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de xullo de 2018

O Concello presenta o concurso de ideas para os terreos portuarios, un proceso aberto que busca “xerar un debate público e un banco de propostas” para o futuro do bordo litoral da cidade

O edil Xiao Varela avanza que a convocatoria abrirase a finais de mes para calquera persoa ou entidade, que terá catro meses para elaborar unha proposta de ámbito local e metropolitano, sobre solo público e respecte o medio ambiente. Un xurado institucional, apoiado nunha comisión asesora, elixirá cinco proxectos sobre os que se abrirá un debate cidadán e un proceso de votación por criterios. “Non se trata de repetir erros do pasado e pensar dende unha oficina como ten que ser a Coruña do futuro, senón de pór enriba da mesa ideas que poidan ser debatidas, confrontadas e enriquecidas”, afirma Varela.

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereiro á Vivenda, Xiao Varela, presentou esta mañá a configuración do concurso de ideas que o Goberno local promove para axudar a definir de xeito colectivo os futuros usos dos terreos portuarios, dende o dique de abrigo ata o peirao de Oza. O edil expuxo o sistema de participación do concurso, que pretende "xerar debate público" en torno ao destino das 160,2 hectáreas de terreos no centro da cidade que poderían cambiar de uso co traslado dunha parte das actividades portuarias a Punta Langosteira e que configurarán unha nova fachada litoral para a urbe. "Queremos abrir xogo á participación da  cidadanía da Coruña, nun plano técnico pero tamén nun plano cívico, para que poidan seguir sumando na definición do futuro borde litoral da Coruña", indicou. Así, o edil apuntou que se trata dun "concurso para aportar ideas a un futuro plan director dos terreos, máis que un concurso dirixido a deseñar edificios máis ou menos afortunados".

Ademais de acadar o obxectivo da participación da cidadanía, o proceso busca a apertura dun "espazo de colaboración entre administracións que teñen competencias para o debate técnico" e xerar "un banco de propostas que continúe a senda do foro Tecendo Litoral e sirva como base a un futuro dun plan estratéxico de transformación" desta área. O concurso, que ten como base as conclusións do propio foro, abrirase a finais de xullo á participación de calquera persoa ou colectivo que poida facturar ao Concello e entregar unha documentación técnica concreta, rexida polas bases do mesmo, nun período de catro meses que remata en novembro. O ámbito dos proxectos incluirá "a totalidade dos espazos libres, equipamentos e viarios a carón dos terreos portuarios actuais", dende o dique de abrigo ata o peirao de Oza.

Un xurado institucional será o encargado de valorar e premiar as cinco propostas que consideren mellores, atendendo aos criterios de valoración que marcan as súas bases e que aseguran a integración urbana entre o porto e a cidade --usos, posta en valor do patrimonio, esquemas de ordenación e solucións de conectividade e integración--, a mobilidade e accesibilidade,  a sustentabilidade, o modelo económico innovador e a participación cidadá. O edil explicou que o Goberno local está a convidar a institucións e ás administracións con competencias sobre o futuro dos terreos, e xa se informou ao respecto á Delegación do Goberno, aos grupos municipais, á Universidade da Coruña --cuxo reitor xa confirmou a súa participación-- e á Autoridade Portuaria, mentres que se estenderá o convite á Xunta de Galicia nos próximos días. "É un xurado que responde á vontade municipal de xerar un espazo de colaboración e debate institucional", apuntou. Ademais deste xurado, no que tamén estará o alcalde e os e as concelleiras con competencias, haberá unha comisión asesora do presidente, que será o rexedor, formada por representantes da sociedade civil, entidades de referencia para o porto e de técnicos reputados.

Tras un mes de deliberación, as cinco propostas que sinale o xurado como mellores recibirán un premio de 25.000 euros cada unha e serán presentadas de maneira pública para poder iniciar a fase de valoración cidadá, que comezará en febreiro. "A cidadanía poderá opinar sobre as mesmas para finalmente votar e decidir cales son as máis interesantes en cada un dos criterios que rexen o concurso", indicou. Os resultados do debate e da votación, que se celebrará en marzo, serán incorporados ao futuro documento estratéxico do porto "que será sometido a referendo da cidadanía". "Non se trata de repetir erros do pasado, de pensar dende unha oficina como ten que ser a Coruña das próximas décadas, senón de poñer enriba da mesa ideas que podan ser debatidas, confrontadas e enriquecidas", explicou Varela.

Os principios de actuación que marcará o concurso de ideas virán definidas polas conclusións tiradas do foro Tecendo Litoral, tras o que se redactou un "informe exhaustivo" que recolle tanto as conclusións como unha análise histórica e patrimonial dos terreos e referencias a transformacións realizadas por outras cidades portuarias. Varela avanzou algúns dos criterios que recolle o documento, que será presentado antes da convocatoria do concurso, e que se basearán nun enfoque a varias escalas, tanto local como metropolitana sobre un solo "cen por cen público" e de uso portuario que pode admitir novos usos "que actúen como motor económico dinamizador", como a "investigación ou biotecnoloxía, pero sempre vencellados á economía azul, con especial atención ao sector pesqueiro". As ideas aportadas deberán ter en conta tamén que o proceso de transformación non sexa irreversible porque "intervencións como a do Palexco exemplifican o que non debería repetirse"; que respecte ao ambiente, que sexa sustentable e que a transformación se sustente na participación cidadá e na colaboración institucional. Como indicou Varela, a concelleira responsable de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, afondará no proceso de participación cidadá nos próximos días.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión