Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de novembro de 2018

O concurso de ideas sobre o futuro do bordo litoral recibe 17 propostas “que dan mostra do valor que ten este espazo para a cidadanía da Coruña”

Os proxectos serán analizados por un xurado plural, con representación institucional e de profesionais expertos que se constituirá de forma oficial esta semana, e un comité asesor, cunha ampla mostra da sociedade civil coruñesa

O concelleiro de Rexeneración Urbana e a titular de Participación e Innovación Democrática, Xiao Varela e Claudia Delso, deron conta nesta xornada das 17 propostas recibidas dentro do concurso de ideas sobre o futuro do bordo litoral posto en marcha polo goberno local, cuxo prazo de presentación rematou o pasado día 8, proxectos que dan mostra "do valor que ten este espazo para a cidadanía da Coruña, que o entende como un patrimonio que debe ser coidado e conservado, ademais de como unha oportunidade". Os distintos proxectos, que contribuirán á creación dun banco de ideas que servirá de base para encamiñar o futuro desenvolvemento da fronte portuaria, así como para concretar as fórmulas e documentos estratéxicos que haberá que poñer en marcha para garantir a protección, o uso e a titularidade destes espazos, serán valoradas por un xurado, no que estarán representadas as principais entidades implicadas no futuro deste espazo e profesionais de recoñecido prestixio, ademais de por un comité asesor, conformado por representantes da sociedade civil e expertos e expertas na materia.

"Estamos satisfeitas coa participación rexistrada nun concurso de ideas que non era sinxelo. Esperamos calidade e proxectos de equipos multidisciplinares aínda que non poderemos avaliar as propostas até que as coñezamos", avanzou o concelleiro Varela, quen salientou "a complexidade que supón ter que deseñar un proxecto para un ámbito tan extenso, que vai dende a praia de Oza até o dique de abrigo". "Estamos a falar de proxectos moi ambiciosos que, dende logo, non se poden avaliar, nin moito menos, nun día", comentou, a respecto do traballo tanto do xurado, que quedará constituído esta semana de forma oficial, como do comité asesor.

A día de hoxe, o Concello ten xa confirmada a presenza na sesión constitutiva do xurado do concurso de ideas, ademais do propio alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro Varela, de representantes do resto de formacións da Corporación municipal, así como do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC (en representación do reitor, Julio Abalde) e de representantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA), o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Escola Galega de Paisaxe, Escola de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos e profesionais de recoñecido prestixio, como o profesor da ETSA Xosé Lois Martínez e o enxeñeiro Carlos Nárdiz.

Pola súa banda, o goberno local propuxo que o comité asesor estea formado, na súa maioría, por representantes da sociedade civil da cidade como é o caso dos tres sindicatos maioritarios na cidade, a Confederación de Empresarios da Coruña, a Lonxa, a Cámara de Comercio, a Federación de Entidades Veciñais, asociacións de accesibilidade universal, Confraría de Pescadores, Academia de Belas Artes, Campus da Sustentabilidade da UDC e Comisión Aberta en Defensa do Común.

Tal e como está recollido nos propios pregos do concurso de ideas, o xurado seleccionará as cinco mellores propostas e as dotará cun premio de 25.000 euros. Posteriormente, o proceso continuará coa posta en marcha dunha fase de votación cidadá, na que se empregará o portal habitual do Concello para estes procesos, www.aportaaberta.coruna.es, "no que se abrirá un espazo de debate sobre as propostas e sobre os criterios" empregados. "Desta forma, a cidadanía poderá seguir participando, de xeito directo, na definición dos usos e o futuro do noso bordo litoral", recordou a concelleira de Participación, Claudia Delso. "O goberno local está a cumprir coa demanda de participación da cidadanía no proceso de deseño do futuro do bordo litoral. Por agora xa levamos a cabo un foro público Tecendo Litoral aberto á participación de toda a cidadanía. Agora, estamos dando forma a un concurso de ideas baseado nos principios reitores consensuados coa veciñanza no foro e que pasan por un xurado plural, un comité asesor con voces da cidadanía e unha última fase de votación cidadá directa", engadiu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión