Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de novembro de 2018

O Faro de Oza recibiu dende a súa apertura á cidadanía máis de 30 solicitudes de uso por parte da veciñanza da Coruña

A concelleira de Participación, Claudia Delso, salienta que estas peticións se traducen en que “máis de 700 persoas fixeron xa ou van facer uso deste simbólico lugar”, á vez que recorda que o goberno local “traballa para a apertura de máis espazos de uso cidadán”, os denominados TEU

Un mes logo da súa apertura á veciñanza, o Faro de Oza recibiu 34 solicitudes para o seu uso. Á vista dos datos, a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, destaca a boa acollida que está a ter a iniciativa posta en marcha polo goberno local para abrir á veciñanza, de forma gratuíta, espazos e equipamentos municipais que favorezan un maior uso por parte da cidadanía dos recursos públicos, os denominados TEU (Espazo Aberto de Uso Cidadán da Coruña). "Do total de solicitudes recibidas, seis proceden de entidades da cidade, mentres que o resto son demandas de persoas individuais", subliña a responsable municipal, que recorda que un dos obxectivos deste programa está baseado, precisamente, en dar ferramentas tanto á cidadanía organizada como á que non o está. "A maioría das peticións de uso son para a fin de semana e teñen como obxecto tanto a celebración de reunións familiares como a organización de actividades de carácter sociocultural", indica a titular de Participación, que apunta que, oito das solicitudes non foron admitidas, ben por non cumprir coas condicións de uso estipuladas ou ben por estar xa ocupada a data proposta. "Non obstante, estimamos que unhas 700 persoas se van beneficiar do espazo en base a estas primeiras peticións de uso", subliña.

"Os espazos TEU teñen como obxectivo que máis persoas se beneficien dos recursos públicos mediante un modelo de xestión diferencial, facilitador, accesible e simple. O primeiro destes espazos que puxemos en marcha foi o do Faro de Oza, especialmente simbólico xa que forma parte deses lugares que forman parte do bordo litoral e que a cidadanía reclama, non obstante, iremos abrindo outros", di Delso, quen pon en valor que a fin de semana de inauguración (6 e 7 de outubro), máis de 700 persoas visitaron o lugar e participaron nas actividades programadas. "Unha das grandes demandas na cidade é poñer a disposición da xente espazos para uso cidadá público, libre, gratuíto, inclusivo e accesible. Trátase dunha demanda transversal e presente en case todos os barrios da cidade", apunta a concelleira. "Os espazos TEU son unha nova porta aberta por este goberno local para ensanchar a democracia e continuar establecendo políticas irreversibles, de proximidade e transformadoras para a vida social e comunitaria da nosa cidade", insiste Delso.

Tanto o caso do Faro de Oza como os futuros espazos TEU que se vaian poñendo a disposición da cidadanía poderán solicitarse a través do rexistro municipal de forma presencial, ou a través da Sede Electrónica. O espazo adxudicarase por orde de entrada das solicitudes no rexistro. As chaves entregaranse á persoa que asinou a solicitude de uso e recolleranse no propio Faro de Oza, ao inicio e ao finalizar cada actividade. Para facilitar aínda máis o fluxo de información, o Faro conta cun espazo de información na web municipal de Participación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión