Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de setembro de 2018

O Concello aborda desde este sábado a segunda fase do proceso participativo para definir os usos e a xestión das Naves do Metrosidero, “un espazo público que debemos construír como unha referencia para a mocidade”

Nesta etapa do procedemento posto en marcha pola Concellería de Participación e que busca a implicación de toda a cidadanía, especialmente a moza, realizaranse catro encontros coa veciñanza que se iniciarán o día 22 de setembro, e rematarán o 15 de decembro

O goberno local abordará entre esta fin de semana e o mes de decembro a segunda fase do proceso participativo posto en marcha pola concellería que dirixe Claudia Delso para definir os usos e a xestión das Naves do Metrosidero, espazo onde o executivo municipal proxecta habilitar un equipamento público que responda ás necesidades da veciñanza e estea especialmente centrado na mocidade. En rolda de prensa, a responsable da área de Participación e Innovación Democrática indicou que o proceso posto en marcha polo Concello "está a desenvolverse nos tempos previstos, polo que esperamos ter un proxecto definido e conformado da man da propia cidadanía no momento no que rematen as obras de rehabilitación que o Ministerio de Fomento, propietario do espazo até a súa cesión ao Concello, está a acometer en tres das naves existentes". Desta forma, os vindeiros encontros participativos abertos a toda a cidadanía terán lugar lugar este sábado, 22 de setembro, así como os vindeiros sábados 6 de outubro, 10 de novembro e 15 de decembro no Centro Cívico da Cidade Vella, e en horario de 10.30 a 14.00 horas.

Delso recordou que este proceso se enmarca dentro de todas as políticas transversais para a mocidade que implementa o goberno local e servirá de base para a redacción do proxecto ampliado de usos e mecánicas de xestión das Naves do Metrosidero. "Nos últimos anos, ademais de poñer en marcha, con moi bos resultados, o Espazo Xuvenil da Sagrada Familia, impulsamos programas como a Revista Coruña Mutante, o Plan de Emprego Xuvenil ou os proxectos Educación na Rúa, que xa están implantados nos barrios de Labañou, Os Rosales e Cidade Vella. Agora, estamos inmersas nun traballo coa cidadanía para, entre todas, definir os usos e xestión dun novo equipamento público", recordou a concelleira.

O pasado abril, o departamento municipal de Participación comezou a abordar un proceso conformado por oito encontros abertos, e especialmente dirixidos á mocidade, de cara a que a veciñanza puidese deseñar en común o futuro deste equipamento público. A proposta inicial da que parte este procedemento baséase en que as distintas naves que están a ser rehabilitadas desenvolverán distintos usos con vontade de confluír en espazos comúns de convivencia e integración. "As naves teñen xa unhas especificacións construtivas determinadas no proxecto de rehabilitación que leva a cabo Fomento, así que o se trata é de explorar e contrastar as necesidades que xorden no marco deste proceso participativo", explicou a titular de Participación, que apuntou que este proceso coa veciñanza tamén incorpora  o debate sobre o aproveitamento dos espazos exteriores das Naves do Metrosidero.

Fases

A fase inicial deste proceso participativo comezou no mes de abril, no que se expuxeron os estudos previos realizados sobre o proxecto. O goberno local e, máis en concreto, a Concellería de Participación, púxose en contacto coas distintas entidades e colectivos potencialmente máis interesados en tomar parte nestes encontros. Posteriormente, entre maio e xullo, continuaron os encontros coa veciñanza. Nestas citas identificáronse os recursos e necesidades das persoas mozas da cidade, así como as distintas oportunidades e carencias existentes nos barrios. "Agora, nesta segunda fase, que se desenvolverá até decembro, e en base ao traballo realizado até o momento, analizaranse e debateranse as propostas que teñen que ver cos usos do equipamento e coa maneira de xestionalo", explicou a concelleira Delso, que apuntou a que esta fase, que contará con cartografías, maquetas e diagramas entre outras ferramentas, pecharase cun último encontro "de devolución ás persoas participantes" no que se exporán as conclusións e achegas xeradas durante todo o proceso participativo e se explicará de que maneira se incluirán as achegas no documento final, o proxecto ampliado de usos e mecánicas de xestión.

Ademais destes encontros, e tendo en conta a importancia deste equipamento como espazo de traballo aberto e colaborativo coa mocidade, a titular de Participación tamén mantivo até 25 xuntanzas con centros educativos da cidade, de cara a abrir un proceso de diálogo no que as comunidades escolares poidan presentar as súas achegas de cara a redacción final do proxecto de usos e xestión das Naves do Metrosidero.

A concelleira volveu a convidar a toda a cidadanía a participar deste proceso "que é unha auténtica oportunidade para, entre todas, definir o futuro dun novo equipamento pensado para e coa mocidade e onde se poderán explorar novos modelos de xestión".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión