Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de decembro de 2018

O Concello reforzará os equipamentos dos barrios de Matogrande e o Ofimático cunha escola infantil e un centro cívico

O alcalde e o resto do goberno local participaron no colexio Liceo La Paz no derradeiro encontro Dillo Ti deste ano coa veciñanza, no que tamén se falou do avance das obras do carril bici que conectan Matogrande coa Palloza ou as próximas obras para reparar o firme na rúa Enrique Mariñas e na rotonda de Juan Díaz Porlier

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiras e concelleiras do goberno local participaron este sábado nun novo encontro Dillo Ti celebrado no Colexio Liceo-La Paz, o derradeiro que se celebrará neste ano 2018, un espazo de participación que ten lugar cada mes nun barrio da cidade, neste caso, coa veciñanza de Matogrande. Nel deuse conta dalgunhas das actuación realizadas desde o Concello, como a recente renovación  total do alumeado no barrio, por un importe de 210.000 euros, ou o avance da execución do carril bici, no seu tramo A Palloza-Matogrande, que como sinalou o primeiro edil conecta o barrio co resto da cidade e co carril bici metropolitano ata A Pasaxe, dándolle continuidade para ter unha rede ciclable "útil en termos de conectividade e que sirva para unir os barrios, dentro dun modelo de mobilidade máis blanda a onde temos camiñar todas as cidades". "Pero somos conscientes de que a este barrio aínda lle faltan equipamentos", indicou o alcalde, que avanzou que o goberno local está en conversas coa asociación veciñal de Matogrande para buscar ubicacións para algunhas elas, como son un centro cívico e unha escola infantil, que poidan ser útiles tanto para esta zona como para o Ofimático, dado que ambos están chamados a ser, co avance da urbanización do novo barrio e a concesión das licenzas que permitirán á súa veciñanza entrar a vivir nas súas casas, unha unidade urbana única.

"Na última xuntanza co presidente da Xunta de Galicia xa anunciei a intención do Concello de dotar a cidade de dúas escolas infantís, a primeira delas no Ofimático. Este goberno quere facelo  e por iso pediu á Xunta que lle ceda as competencias nesta materia, pero, en caso de que isto non suceda, cederemos unha parcela para que sexa a Xunta quen a execute" fixo notar Ferreiro. No mesmo sentido, e en resposta ás intervención de varias persoas participantes no encontro, o alcalde indicou que o goberno local xa iniciou as xestións para buscar a mellor ubicación para un centro cívico que poida dar servizo ao Ofimático e Matogrande, "dado que no Ofimático existen parcelas dotacionais que poderían ser usadas para este fin". Para abordar este tema, o goberno local promoverá unha xuntanza coa entidade veciñal desta zona a principios do ano vindeiro para elixir cal desas parcelas é a máis apropiada e poder iniciar o proxecto. Preguntado por unha parcela municipal en desuso detectada pola asociación veciñal en Matogrande, e que previamente era empregada para almacenamento, o alcalde advertiu de que a súa condición urbanística permite iniciar unha pequena intervención para situar alí un lugar de estancia para persoas maiores, "se ben a construción dunha infraestrutura nese terreo requiriría cambios urbanísticos que alongarían moito o proceso". Neste sentido, en resposta a unha petición dunha veciña, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, advertiu das limitacións de ocupación dese soar, "no que si pode instalarse mobiliario urbano, elementos biosaudables e algunha zona cuberta que poidan dar servizo ás persoas maiores do barrio".

No curso do encontro, o goberno local deu conta tamén doutras intervencións realizadas no barrio, como a renovación da área infantil de Matogrande, na que o Concello investiu 47.000 euros, e outras que se acometerán proximamente, como as melloras de accesibilidade que se realizarán na contorna do colexio Liceo, "unha demanda recorrente do centro", ou en algúns pasos peonís do barrio para mellorar a visibilidade. Tamén, o Concello iniciará no primeiro trimestre de 2019 traballos para a reparación do firme a rúa Enrique Mariñas e na glorieta Juan Díaz Porlier, unha intervención de 75.000 euros, e igualmente acometerá melloras no pavimento de tres rúas do Barrio das Flores, como son a rúa Violetas, Hortensias e Xirasoles. Da mesma maneira, o alcalde quixo facer mención durante o Dillo ti á negociación do goberno local co Ministerio de Fomento en relación á remodelación de Lavedra. "Fomos moi pesados ata conseguir manter o espazo verde que fai de cinto de seguridade para Matogrande, e para que a remodelación puidese mellorar a comunicación, permeabilidade e conexión deste barrio coa outra beira da avenida e coa cidade", recordou Ferreiro, que sinalou que o Concello seguirá traballando arreo para que Fomento comece a obra canto antes.

Noutras áreas, como a de Emprego, o alcalde tamén puxo de relevo a axuda de 4,4 millóns de euros que o Concello vén de obter do Fondo Social Europeo para o desenvolvemento do programa Coruña Suma, que permitirá dotar o ámbito de Matogrande, Barrio das Flores e Monelos dun dos tres equipos que traballará para favorecer a inserción laboral a través da formación.

No encontro, as veciñas e veciños participantes abordaron outras necesidades e cuestións relativas ao barrio, desde a necesidade dunha conexión de bus co barrio de Monte Alto ao control dos locais de hostalería e as terrazas no barrio ou a seguridade das paradas de bus, ou a situación das persoas que eran propietarias de solo no Ofimático, e que, como advertiu o concelleiro de Rexeneración Urbana, "foron convertidas en promotoras forzosas". O equipo de goberno agradeceu, ademais, a cesión do colexio Liceo para a celebración deste Dillo Ti e avanzou que o vindeiro encontro terá lugar, o 12 de xaneiro, nos Rosales.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión