Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Participación e Innovación Democrática

Faro de Oza

O Faro de Oza

Espazo TEU aberto de uso cidadán.

Os espazos TEU son unha rede de espazos abertos que o Concello da Coruña pon a disposición da cidadanía para o seu uso público, aberto e múltiple, e o Faro de Oza é o primeiro en formar parte deste novo modelo de uso.

Podes solicitalo para facer unha xuntanza, celebración, reunión familiar, actividade formativa, social ou cultural.

Tes que ser maior de idade e estar empadroado/a na Coruña e podes solicitalo con carácter privado ou en representación dunha entidade/asociación/colectivo informal con sede dentro do termo municipal da Coruña.

O tempo de uso vai dende un día ata un máximo de dous días consecutivos, de 09:00 a 22:00 horas.

Terás acceso a dúas salas comunicadas por un vestíbulo e a dous aseos, cun equipamento de dúas mesas pregables de 140x70cm, 40 cadeiras amoreables, un taboleiro de cortiza, un percheiro, dous radiadores eléctricos, un armario con utensilios e produtos de limpeza e unha caixa de primeiros auxilios.

A capacidade máxima é de 50 persoas.

A historia do Faro

Imagen compuesta por dos imágenes mostrando un antes y un después del Faro de Oza

A necesidade de protección fixo que se comezase a construír a Batería de Oza xusto no lugar do ataque, como unha batería complementaria de San Diego para a defensa do litoral. É das máis antigas de costa construídas na Coruña, mencionada documentalmente en 1639. Constaba dun fortín con traza estrelada, simétrica e regular, co espazo organizado en diferentes niveis que acollían edificios auxiliares para a tropa (almacéns, oficinas, habitacións...) e un foxo defensivo. Completaba o conxunto un parapeto con troneiras, ramplas, unha bóveda de paso con porta levadiza e unha muralla defensiva cara á zona de terra. Desta muralla aínda se pode ver o extremo xunto á facultade de Fisioterapia, o resto permanece soterrado.

A principios do século XX, os únicos faros que guiaban o acceso ao porto da Coruña eran a Torre de Hércules e o faro de Cabo Prioriño e o ángulo das súas luces non garantían a posición correcta dos barcos durante a manobra de entrada. Por este motivo, en 1904, a Comisión de Faros decidiu instalar outro na punta de Oza, que serviría para guiar os buques que entrasen pola ría do Burgo.

O proxecto foille asignado ao enxeñeiro Salvador López Miño e a obra foille adxudicada a Juan Mosquera Morano, quen a rematou en 1915 por case 30.000 pesetas. Está formado por dous pavillóns de 11x 5m aos dous lados do vestíbulo e dunha escaleira de servizo que leva a unha terraza. No seu centro érguese unha torre de dous corpos de muro que remata nun torreón coroado por unha lanterna cilíndrica metálica e unha pequena cúpula.

O 20 de agosto de 1917 o faro comezou a prestar servizo. En 1955, tras a construción do dique de abrigo, deixou de actuar como sistema de enfilación dos barcos e pasou a funcionar só como luz de referencia, ata 1963, ano no que pechou.

Imagen en la que se aprecia el Sanatorio Marítimo de Oza

O faro foi abandonado durante décadas, ata que o lugar do antigo Sanatorio Marítimo de Oza foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1992 e a Autoridade Portuaria decidiu rehabilitalo en 1996. Aínda así, ao non ter un uso continuado, volveu sufrir abandono e vandalismo e diversas asociacións e a propia veciñanza demandaron en moitas ocasións a súa recuperación e o seu uso para a cidadanía. Finalmente, a Autoridade Portuaria cedeulle o uso do Faro de Oza ao Concello da Coruña e este aprobou nun Pleno de 2016 o cambio de uso de sanitario a cidadán.

Agora, en 2018, o Faro de Oza ábrese á cidadanía como un espazo de uso puntual, no que persoas físicas, asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e colectivos informais que o desexen poden solicitar o seu uso para actividades como unha celebración, reunión familiar, charla, xuntanza de traballo, actividade de formación ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade.

Como solicitar o Faro de Oza

O PRAZO PARA SOLICITAR O USO DO FARO DE OZA COMEZA O LUNS 8 DE OUTUBRO DE 2018

  • Se es unha persoa maior de idade, estás empadroado/a na Coruña e precisas un lugar onde poder realizar unha reunión, celebración, charla, xuntanza de traballo, actividade de formación ou calquera outra social ou cultural, para ti ou en representación dunha asociación, entidade ou colectivo informal, podes solicitar o uso puntual do Faro de Oza.
  • Podes solicitar o seu uso para un día ou dous días consecutivos como máximo, de 09:00 a 22:00 h.
  • Terás acceso a dúas salas de 40 e 30m2, comunicadas por un vestíbulo, equipadas con catro mesas de 140x70cm, 40 cadeiras amoreables, un taboleiro de cortiza, un percheiro, dous radiadores eléctricos, un armario con utensilios e produtos de limpeza e unha caixa de primeiros auxilios.
  • A autorización de uso é gratuíta.

Interésache?

  • Só tes que solicitalo por rexistro, como mínimo 7 días naturais antes da data desexada e como máximo, dentro do mes en curso e os dous meses posteriores.
  • As autorizacións outorgaranse por estrita orde de entrada no rexistro.

Toda a información para solicitar o Faro de Oza está aquí .

Podes descargar o modelo de solicitude e presentala nun rexistro presencial ou facelo a través da sede electrónica con certificado dixital en https://sede.coruna.gob.es/opensiac/action/tramitesinfo?method=enter&id=822 

Condicions de uso

O 12 de decembro de 2016, o Pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade o cambio de uso do Faro de Oza de sanitario a cidadán. Este cambio responde a unha antiga demanda e á intención do Concello de que os locais municipais poidan ser desfrutados pola cidadanía.

As demandas da sociedade e a necesidade de aproveitar os recursos públicos fan que se vaia tendendo a promover usos compartidos dos espazos municipais, tanto para as asociacións, que en moitos casos poden compartir espazos, como para a veciñanza, que demanda o uso puntual dos espazos públicos, coa intención de que moitas máis persoas se vexan beneficiadas dos recursos que son de todas e de todos.

Estas novas demandas fan que busquemos novos xeitos de posta a disposición que poidan satisfacer as necesidades da meirande parte da veciñanza, e un destes novos xeitos é a autorización de uso puntual.

Este documento recolle as condicións para a utilización do Faro de Oza por parte da cidadanía.

Natureza da autorización de uso

Para facilitar o uso do Faro de Oza adoptarase a forma de AUTORIZACIÓN DE USO PUNTUAL, que consiste en destinar un local municipal para atender as demandas de persoas físicas e de asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e colectivos informais que desexen o uso puntual dun espazo para actividades como unha celebración, reunión familiar, charla, xuntanza de traballo, actividade de formación ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade.

A quen vai dirixida

  • Cidadás e cidadáns que precisan un lugar onde  poder realizar una reunión de ámbito privado.
  • Asociacións, entidades sen ánimo de lucro ou colectivos informais que, ben por non ter local, ou por telo pero non ter a capacidade e os recursos precisos, desexan desenvolver unha actividade social ou cultural (asamblea de persoas socias, actividades de formación, difusión do seu labor á cidadanía...).

Espazos de uso puntual

A autorización de uso puntual do Faro de Oza inclúe as dúas salas da planta baixa (unha de 40m2 e outra de 30m2) e os aseos. Non se poderán usar nin o acceso á lanterna nin á terraza. 

O equipamento destas salas é o seguinte: catro mesas pregables tamaño 140x70 cm, 40 cadeiras amoreables, un taboleiro, un percheiro, dous radiadores eléctricos, un armario con utensilios e produtos de limpeza e unha caixa de primeiros auxilios.

Condicións de uso

En todos os casos a autorización de uso será GRATUÍTA.

A persoa solicitante debe ser maior de idade e estar empadroada no Concello da Coruña. Ademais, se actúa en representación dunha asociación ou entidade, esta debe ter a súa sede social dentro do termo municipal da Coruña.

A persoa solicitante asinará o compromiso de cumprimento das condicións de uso que se expoñen a continuación. Para tal efecto, presentarase no Faro de Oza o día solicitado á hora que se acorde previamente por SMS ou correo electrónico, identificarase co DNI e a copia da súa solicitude, e recibirá no mesmo acto de comparecencia as chaves de acceso ao faro e a notificación da autorización co compromiso de cumprimento das condicións de uso, que deberá asinar. Con esa sinatura, a persoa solicitante asume, baixo a súa responsabilidade, velar polo coidado e respecto ás instalacións e faise responsable da limpeza e dos danos que se poidan ocasionar.

CONDICIÓNS DE USO:

  • A persoa solicitante, e responsable do uso, deberá estar presente durante todo o tempo que dure a utilización do espazo.
  • Poden colocarse elementos de decoración e ornamentais sempre que non leven ningún tipo de ancoraxe ás paredes, ao chan ou ao teito das estancias.
  • Non se poderá sobrepasar a capacidade máxima do recinto (50 persoas) nin o horario máximo permitido (22:00 h).
  • Non se poderá facer ruído que moleste as persoas dos edificios da contorna, nin utilizar os exteriores do recinto cedido de xeito que as poida perturbar.
  • Non se permitirá ningunha actividade con ánimo de lucro nin a venda de produtos ou o cobro de entrada ás persoas asistentes a calquera actividade.
  • Non está permitido o consumo de bebidas alcohólicas nin o consumo de drogas en ningún caso.
  • Non está permitido utilizar fornelos nin facer lumes nin barbacoas, no interior e no exterior. Tampouco está permitido o uso de petardos nin ningún tipo de artigos de pirotecnia.
  • A persoa responsable do uso debe encargarse de recoller o lixo produto da actividade realizada e levalo aos correspondentes colectores.
  • Notificaráselle á Concellaría de Participación e Innovación Democrática, a través do correo participacion@coruna.es, cunha antelación mínima de 48 h, no caso de non poder facer uso do local que se lle adxudicou.

CONDICIÓNS XERAIS:

  • O Faro de Oza non estará dispoñible para o seu uso os días 24, 25 e 31 de decembro nin os días 1 e 6 de xaneiro.
  • A persoa solicitante especificará o uso concreto para o que pide o recinto e só poderá destinalo a ese fin, segundo se recollerá no documento de autorización de uso puntual.
  • O Concello da Coruña non se responsabiliza das actividades que se realicen dentro do local cedido cando os compromisos asumidos pola persoa ou entidade solicitante sexan incumpridos, e corresponderanlle exclusivamente a esta as consecuencias dos seus actos.
  • O Concello non se fai responsable da desaparición de calquera obxecto (bolsos, teléfonos, pezas de roupa etc.) que se produza no faro durante a realización dunha actividade.
  • O Concello queda facultado para denegar a autorización de uso no caso de solicitantes que teñan antecedentes de incidentes no uso destes locais.
  • Igualmente o Concello poderá denegar a autorización de uso, ben porque precise o espazo para desenvolver unha actividade propia, ben pola natureza das actividades que se van desenvolver ou por motivos xustificados que así o aconsellen.
  • O Concello poderá anular unha reserva no caso de alerta meteorolóxica decretada polos servizos de emerxencias.

Duración da autorización de uso puntual

A duración da autorización será como MÍNIMO DUN DÍA (de 09:00 a 22:00 horas) e DOUS DÍAS MÁXIMO (de 09:00 a 22:00 horas) cando o tipo de actividades o precise. En casos puntuais, cando o interese da actividade o aconselle, o Concello poderá autorizar unha duración maior.

Solicitude de autorización de uso puntual

A solicitude de autorización de uso puntual presentarase por rexistro no Rexistro Xeral de María Pita, no Fórum Metropolitano, no Ágora ou a través da sede electrónica do Concello.

Poderán solicitarse datas dentro do mes en curso e ata dous meses máis como máximo, e cunha antelación mínima de 7 días naturais antes do día que se queira utilizar.

Resolución

As autorizacións outorgaranse por estrita orde de entrada no rexistro. A Concellaría de Participación e Innovación Democrática asinará un documento de autorización de uso puntual a nome da persoa que corresponda, especificando a actividade que se poderá desenvolver, segundo a solicitude presentada.

A Concellaría de Participación e Innovación Democrática comunicará previamente a concesión da autorización de uso puntual á conta de correo ou número de teléfono sinalados na solicitude, sen prexuízo da entrega da resolución na comparecencia que teña lugar no día e hora establecidos para a entrega das chaves

No caso de denegación da solicitude (non dispoñibilidade do faro, penalización por mal uso anterior da instalación, valoración negativa da actividade etc.) levarase a cabo unha comunicación previa nos mesmos termos indicados para a concesión (mediante teléfono ou correo electrónico), e enviarase a notificación por correo certificado, salvo que a persoa solicitante indicara na solicitude que autoriza o Concello a enviarlle notificacións á caixa de correos electrónica, accesible na sede electrónica.

Réxime de funcionamento

  1. Recollida das chaves: dende a Concellaría de Participación e Innovación Democrática contactarán coa persoa solicitante para concertar unha hora dentro do día da autorización de uso puntual, na que se entregarán as chaves no propio Faro de Oza xunto coa documentación correspondente, sempre a partir das 09:00 h. Só poderá recoller a chave a persoa solicitante, mostrando o DNI e a copia da solicitude. Non se poderán recoller as chaves antes da hora indicada.

    A persoa autorizada asinará o documento de rexistro de recollida das chaves e o compromiso de uso.

  2. Devolución das chaves: a persoa solicitante devolveralle as chaves no propio Faro de Oza á persoa encargada de recollelas, a unha hora previamente pactada, ata as 22:00 h do día da autorización.

  3. Limpeza do local: o Concello manterá un servizo de limpeza semanal do local, pero advertirá no documento de compromiso da normativa que é responsabilidade da persoa solicitante deixar o local e todo o mobiliario do Faro limpo e nas mesmas condicións en que o atopou. Ademais, deberá facerse cargo do lixo e residuos producidos na actividade realizada.

  4. Incidencias: no caso de atopar algunha incidencia, enviarase un correo electrónico a participacion@coruna.es acompañado de fotografías, a data do evento e os datos da persoa solicitante. De atopar algunha incidencia grave, contactarase directamente coa Policía Local no 092.

Preguntas frecuentes

QUEN O PODE SOLICITAR?

Calquera persoa maior de idade empadroada na Coruña pode solicitalo para unha actividade privada ou en representación dunha asociación ou entidade con sede social na cidade.

PARA QUE O PODO SOLICITAR?

Para unha actividade de ámbito privado (reunión familiar, festa de aniversario, xuntanza de traballo...) ou para actividades de asociacións, entidades ou colectivos informais (formación, coloquios, charlas, talleres ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade).

CANTO TEMPO PODO USALO?

Dende un día ata dous días consecutivos, de 09:00 a 22:00 h.

COMO É O ESPAZO?

O faro ten dúas salas comunicadas por un vestíbulo, unha de 40 m2 e outra de 30m2. 

CON QUE EQUIPAMENTO CONTA?

As salas están equipadas con catro mesas pregables de 140x70cm, 40 cadeiras amoreables, un taboleiro, un percheiro, dous radiadores eléctricos, un armario con utensilios e produtos de limpeza e unha caixa de primeiros auxilios.

CAL É A CAPACIDADE?

No recinto pode haber como máximo 50 persoas.

COMO O SOLICITO?

Hai que cubrir un formulario de solicitude que podes ver aquí e entregalo:

  • De forma presencial, nos seguintes rexistros:
    • Rexistro Xeral do concello (Concello da Coruña. Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña).
    • Fórum Metropolitano (Rúa Río de Monelos, 1. 15006 A Coruña).
    • Centro Sociocultural Ágora (Lugar da Gramela, 17, 15010 A Coruña).
  • Por correo dirixido ao Rexistro Xeral do concello.
  • A través do rexistro telemático identificándote con DNI electrónico ou certificado dixital avanzado e recoñecido: https://sede.coruna.gob.es/opensiac/action/tramitesinfo?method=enter&id=822 

QUE PRAZO TEÑO PARA SOLICITALO?

Podes solicitalo durante todo o ano. Como mínimo debes presentar a solicitude 7 DÍAS NATURAIS antes da data elixida e, como máximo, a data debe pertencer ao mes en curso ou aos dous meses posteriores.

O faro non estará dispoñible os días 24, 25 e 31 de decembro, nin os días 1 e 6 de xaneiro.

Para saber se a data que queres está dispoñible, consulta o calendario de ocupación.

É ACCESIBLE?

O acceso peonil ao faro, pola súa configuración, o ano de construción e a súa protección patrimonial, ten un tramo de escaleiras que presenta dificultades para persoas con mobilidade reducida.

TEÑO QUE AVISAR SE AO FINAL NON O PODO USAR?

Si. Se tes o faro reservado para un día e ao final non podes facer uso del, débesllo notificar á Concellaría de Participación e Innovación Democrática, a través do correo participacion@coruna.es, cunha antelación mínima de 48 h.

Eventos

  • Dillo ti

    Cartel evento

    Cando:

    03/11/2018

    Horario:

    Ás 12.00 h

    Enderezo:

    Espazo Veciñal O Birloque. Avda. Glasgow 5. 15008 A Coruña

    Conversas co alcalde e o goberno municipal

  • Proceso participativo Naves do Metrosidero

    cartel

    Cando:

    06/10/2018

    Inscricións:

    Confirmación de asistencia en xuventude@coruna.es

    Horario:

    Ás 10.30 h

    Enderezo:

    Centro Cívico Cidade Vella. Rúa Veeduría 2. 15001 A Coruña

    Prezo:

    Gratuíto

    Encontro aberto á cidadanía

  • Reabre o Faro de Oza

    Reabre o Faro de Oza

    Cando:

    Dende o 06/10/2018 ata o 07/10/2018

    Inscricións:

    Entrada libre ata completar a capacidade (50 persoas)

    Horario:

    De 13:00 h a 21:00 h do día 6 e de 12:00 h a 20:00 h do día 7

    Enderezo:

    Faro de Oza. Lugar Playa de Oza 1. 15006 A Coruña

    Primeiro espazo TEU de uso puntual

Eventos Faro de Oza

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?