Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de decembro de 2018

O goberno local consolida os Orzamentos Participativos de 2019, que na cuarta edición "pretenden favorecer unha implicación máis plural e diversa da veciñanza"

A Concello licita a coordinación do programa para o ano que vén. A iniciativa supuxo o investimento, desde a súa posta en marcha, de sete millóns de euros en proxectos, escollidos directamente pola cidadanía a través da plataforma A Porta Aberta

O goberno local da Coruña impulsará o ano que vén a cuarta edición do programa de Orzamentos Participativos, iniciativa posta en marcha no 2016 e que ten como obxectivo fundamental implicar á veciñanza na elaboración dos presupostos municipais a través da decisión directa sobre o destino dunha parte do orzamento do Concello.

A Concellería de Participación e Innovación Democrática vén de publicar na plataforma de contratación pública do Estado os pregos da licitación do servizo para a organización, desenvolvemento e comunicación da nova edición do programa, que no 2019 "buscará ampliar a participación da veciñanza, para que sexa o máis plural posible, a través da creación de novos espazos formativos e de debate para e con entidades", e dun importante incremento das horas de apoio presencial en espazos municipais", apunta a edil Claudia Delso. Así, este ano o programa incrementará tanto as horas de apoio como o número de lugares presenciais nos que se preste, particularmente tanto en equipamentos municipais como no espazo público. "Orzamentos Participativos é un programa estrutural para este Concello, pero o obxectivo da administración debe ser manter viva unha ferramenta que facilite as relacións e abra novos espazos que favorezan unha participación máis ampla e activa da veciñanza, na que estean representados todos os sectores dunha cidade diversa e plural", explica a concelleira.

O contrato, ao que se destinarán un total de 81.818,18 euros --30.000 euros máis que no presente exercicio--, supón, por unha banda, a coordinación da execución do programa do 2019 así como de todas as accións e iniciativas que se celebren ao longo das catro fases --informativa, apoio, avaliación e votación final-- nas que se desenvolven os Orzamentos Participativos. A adxudicataria da licitación deberá garantir a posibilidade de participación de toda a cidadanía neste proceso a través da organización, mediación e produción de diversos encontros presenciais; ademais de prestar o apoio sobre o proceso telemático que precise á veciñanza, en equipamentos municipais, para que esta poida participar nas distintas fases do programa. Entre os servizos que se deberán prestar, inclúese tamén a dinamización en momentos puntuais a través da organización de eventos que permitan tanto visibilizar as propostas da cidadanía como facilitar a participación telemática da veciñanza ao longo de todo o proceso; ademais de planificar e producir a campaña xeral de comunicación da coa idea de ampliar a participación en termos de idade, xénero ou territorio. O prazo de presentación de propostas, que se inicia hoxe, manterase aberto até o 14 de xaneiro de 2019 contra ás 14.00 horas.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2016, a cidadanía decidiu, a través da plataforma dixital A Porta Aberta, o destino de sete millóns de euros do capítulo de investimentos do Orzamento Xeral do Concello da Coruña. Mentres que no primeiro ano de desenvolvemento o presuposto para o programa ascendeu a 1 millón de euros, nas seguintes edicións Orzamentos Participativos incrementouse até os 3 millóns de euros por ano, co obxectivo de destinar 1 millón para investimentos dirixidos ao conxunto da cidade, e 2 millóns para seren distribuídos, equitativamente, entre os 10 distritos que conforman o termo municipal. Así, ao longo destes tres anos, executáronse propostas vinculadas á mellora da calidade de vida da veciñanza, entre as que se inclúen, por exemplo, cuestións de accesibilidade e rexeneración do espazo público ou naturalización da cidade, ademais de solucións aplicadas á mobilidade peonil e ciclista ou para a realización de trámites e xestións a través de dispositivos móbiles. Entre os proxectos escollidos pola veciñanza, que se poden consultar tamén na plataforma, sitúanse o aumento de arborado na cidade, a renovación da sinalización horizontal e vertical do carril bici no Paseo Marítimo, o aumento da infraestrutura ciclable no termo municipal, a recuperación do conxunto escultórico dos xardíns de Méndez Núñez, a creación de hortas urbanas ou o deseño dunha aplicación móbil para o pago e recarga da Tarxeta Millennium, entre outras.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión