Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Participación e Innovación Democrática

Cando:

8 de xuño de 2018

A Coruña acollerá do 4 ao 6 de xullo o IV Encontro Ibérico de Democracia e Orzamentos Participativos, "un espazo de reflexión e intercambio de experiencias que quere marcar unha axenda común para profundar na democracia participativa"

A concelleira Claudia Delso presentou o programa do foro, aberto á cidadanía e que contará con 40 persoas relatoras de distintas administración ou equipos de investigación

A concelleira de Participación e Innovación Democrática presentou esta mañá o programa do IV Encontro Ibérico de Democracia e Orzamentos Participativos, iniciativa que se celebrará entre os días 4 e 6 de xullo no Centro Ágora da Coruña. O foro, que tivo a súa última edición en Azores, dá continuidade aos xa celebrados desde 2012 e busca, segundo explica a edil, "ser un espazo de intercambio e reflexión sobre as diversas experiencias de orzamentos participativos que se están a levar a cabo en toda a península e illas, de cara a marcar unha axenda común para seguir profundando na democracia participativa".  O encontro, aberto á veciñanza, articularase a través de mesas de traballo e talleres, "que permitirán pór en común outras formas de practicar a democracia en diferentes territorios iberoamericanos", explicou Delso, quen apuntou que as xornadas teñen unha vocación aberta. "Haberá espazo para as conversas abertas e espazos de traballo colectivo, de forma que ademais das persoas convidadas a realizar relatorías, todas as e os participantes poderán facer as súas achegas", expuxo.

O encontro buscará o intercambio de experiencias de España e Portugal, pero tamén permitirá coñecer o desenvolvemento da democracia participativa en cidades como La Paz (Bolivia), Quito (Ecuador), San José  (Costa Rica), Buenos Aires ou Rosario (Arxentina), da man dos seus e as súas protagonistas. "Nestas xornadas debaterase o sentido das novas formas de democracia que estamos a poñer en práctica nas cidades, autonomías e estados iberoamericanos, iniciativas que están a transformar as posibilidades de participación da cidadanía, para que as veciñas e veciños poidan incidir directamente nas políticas públicas e na transformación das súas cidades e, por extensión, na súa corresponsabilidade á hora de soñar, activar e transformar os territorios", expuxo a concelleira.

A través de mesas de traballo, abordarase a diversidade da participación e a accesibilidade da mesma, con especial atención a colectivos como a infancia, a mocidade ou as persoas que non teñen autonomía dixital, e presentaranse tamén outras fórmulas de democracia participativa "que están a destacar polo seu carácter innovador, como as que están a poñer en marcha o Concello de Barcelona ou a Câmara Municipal de Cascais, en Portugal",  aseverou Delso. As xornadas están dirixidas a todas as persoas que están a traballar en procesos de democracia participativa ou que teñen interese en abordalos no futuro, nomeadamente persoal técnico e responsables a nivel político das Administracións públicas, "pero tamén a profesionais, persoal investigador, estudantes e cidadanía en xeral interesada nas novas formas de afondar na democracia", sinalou.

Programación

O IV Encontro Ibérico comezará o día 4 de xullo, con catro actividades dirixidas a distintos públicos. A primeira delas, unha conversa coa Directora Xeral de Economía co Concello de Zaragoza, Ana Sanromán, comezará ás 10.00 horas, está destinada de forma específica a persoal técnico municipal e abordará as cuestións de procedemento e legais que implican os procesos participativos, así como a súa conveniencia para a mellora do funcionamento da Administración e das políticas públicas en relación ás prácticas democráticas. A segunda, Que son os orzamentos participativos e como poñelos en marcha, ten un carácter formativo e diríxese a aquelas persoas que queiran aproximarse a estas prácticas, cunha visión ampla das diferentes fases e os diferentes modelos para levalas a cabo. A terceira actividade, que comezará ás 16.00 horas, é unha reunión de traballo do Observatorio Internacional da Democracia Participativa (OIDP), que se formula con carácter aberto para recoller as achegas doutras persoas interesadas en abordar o proxecto de axenda local de participación. Finalmente, a cuarta será unha conferencia aberta ao público en xeral, "na que se proporá abrir a reflexión sobre o sentido da democracia hoxe e os procesos de participación para a vida das persoas", informou a concelleira. Nesta conversa, nomeada Democracia, como e para que?, participarán o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o Gobernador de Nariño (Colombia), Camilo Romero, e a ex-directora Xeral de Igualdade na Deputación Foral de Gipuzkoa Laura Gómez.

Ao longo dos días 5 e 6 sucederanse as diversas mesas de traballo e conversas, nas que participarán máis de 40 persoas relatoras. A meirande parte das mesmas representarán a municipios e outros niveis da Administración que xa están a desenvolver programas de orzamentos participativos. Así, no Ágora daranse a coñecer as experiencias de grandes capitais, como Lisboa ou Madrid, até as de pequenos municipios, como Lourinhã (Portugal), incluíndo tamén aqueles programas estatais, como a posta en marcha polo Goberno de Portugal, ou a da comunidade autónoma de Murcia. Un dos casos convidados tamén é singular no mundo, como o programa de orzamentos participativos transfronteirizos que está a levarse a cabo nos concellos de Tomiño e Vila Nova da Cerveira, na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Tamén participarán profesionais do ámbito da investigación, como Janina Welp, Directora Rexional para América Latina no Centro de Estudos de  Democracia Directa (C2D) da Universidade de Zurich, quen ofrecerá a conferencia inaugural A democracia e os orzamentos participativos para un novo modelo de cidade: co-xestión das cidades sustentables.

O IV Encontro Ibérico de Democracia e Orzamentos Participativos conta co apoio da Deputación da Coruña, así como coa colaboración colaboración  da Rede de Cidades Participativas e a Rede de Autarquías Participativas, co apoio técnico do Observatorio Internacional de Democracia Participativa, a Unión de Cidades Capitais Iberoamericanas e as asociacións In Loco e Coglobal. Para máis información sobre o mesmo, así como para formalizar a inscrición, pódese visitar o seu web, www.coruna.gal/encontro-iberico.

Antigo cárcere provincial

Por outra banda, e ante preguntas dos medios de comunicación, a concelleira de Participación saudou este venres "a recuperación para a cidadanía dun espazo simbólico", como é o antigo cárcere provincial, "dando así cumprimento a unha demanda histórica". A responsable municipal asinou onte o convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a entidade sen ánimo de lucro Proxecto Cárcere para a cesión e xestión do espazo coa finalidade de realizar de actividades, inicialmente puntuais e periódicas, de carácter sociocultural e que incidan na memoria histórica.

A concelleira referiuse tamén ás intervencións de accesibilidade e seguridade realizadas por parte do Concello --que, tal e como lembrou Delso, non é o titular da infraestrutura--, así como as que seguirán acometendo estes días para evitar o deterioro do inmoble. A este respecto, a edil sinalou que, "debido ao estado do inmoble, que non estaba nas condicións propicias", a área para o desenvolvemento das actividades será menor do previsto, polo que a entidade procedeu a reprogramar o seu proxecto para adaptalo o novo espazo. Por último, a concelleira tamén avanzou que nos vindeiros días se constituirá a comisión de seguimento sobre a execución do proxecto, da que formarán parte tanto o Concello como a entidade.

Documentos:

Programa do IV Encontro Ibérico (690 KB)

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?