Uso de cookies en las páginas web del Ayuntamiento de A Coruña

En las páginas web municipales utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o conocer como cambiar la configuración, en nuestra página de "Normas de uso".

Ayuntamiento de A Coruña

  • Compartir
  • Añadir a mi móvil | 
  • Imprimir

Cuándo:

11 de marzo de 2019

O Pleno aproba de forma inicial un modificativo de 14 millóns de euros sobre o orzamento prorrogado, que permitirá facer fronte a gastos obrigatorios, convenios con entidades e proxectos demandados polos barrios

Na sesión plenaria deuse luz verde por unanimidade a unha declaración institucional na que a Corporación municipal manifesta a súa vontade de impulsar de xeito decidido a súa acción exterior e sumarse ao compromiso universal da Axenda 2030 das Nacións Unidas

O Pleno municipal aprobou este luns de forma inicial un modificativo por valor conxunto de algo máis de 14 millóns de euros proposto polo goberno local sobre o orzamento prorrogado de 2018 e cos que poderá facer fronte a diversos investimentos como gastos obrigatorios para atender ás necesidades do persoal e para poñer fin ao conflito relativo ao edificio Conde de Fenosa, os convenios con entidades da cidade do ámbito social, veciñal, deportivo e cultural e para poder acometer diversas actuacións demandadas historicamente pola veciñanza dos barrios. O modificativo saíu adiante cos votos do grupo de goberno e o PSOE, que presentou unha emenda de cambio de destino de partidas orzamentadas para incrementar en 133.000 euros as aportacións a distintas entidades dentro do anexo de subvencións. A mesma foi aprobada e incluída no expediente do modificativo cos votos a favor do grupo de goberno e a formación que a impulsou. Non ocorreu así coas tres emendas presentadas polo Partido Popular, que foron rexeitadas polo Pleno.

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, quixo destacar que todos os gastos que se poderán acometer grazas a este modificativo estaban xa contemplados no proxecto de orzamento municipal para 2019, elaborado polo executivo municipal e que foi tombado no Pleno cos votos conxuntos do PSOE e o PP sen que presentasen emendas ou achegas ao mesmo. A responsable municipal salientou "o forte esforzo realizado polo goberno local e todo o departamento de Facenda tendo en conta a dificultade que supuxo buscar financiamento dentro dun orzamento prorrogado con 30 millóns de euros menos dos que tiña o presuposto rexeitado polo Pleno". O modificativo de 14 millóns de euros finánciase a través de baixas en partidas do orzamento prorrogado por valor de 6 millóns de euros e en base a un incremento na estimación de ingresos por importe de 8 millóns de euros. Destes, 6,5 millóns correspóndense coa subscrición dun préstamo bancario, mentres que 1,5 proceden dos ingresos adicionais que este ano percibirá o Concello grazas ao novo arrendamento do antigo Hotel Atlántico.

Investimentos

Entre os gastos a financiar, de forma total ou parcial, con este modificativo destacan aqueles que son de obrigado cumprimento "e, polo, tanto, os primeiros que debía acometer o Concello". Neste apartado figuran gastos de persoal non previstos no orzamento prorrogado por importe de 3,8 millóns de euros. Esta cantidade inclúe o incremento das retribucións do funcionariado aprobado polo goberno estatal, a cotización adicional á seguridade social derivada da xubilación anticipada da Policía Local, novos trienios do persoal municipal, aumento de gastos derivados da Oferta Pública de Emprego (OPE) adicional e outras necesidades de persoal non previstas no orzamento de 2018, agora prorrogado. A edil indicou, ademais, que no capítulo de gastos de obrigado cumprimento "tamén hai que ter en conta a necesidade de que o orzamento en vigor teña os fondos precisos para poder dar cumprimento ao acordo homologado polo TSXG que dá cumprimento á sentenza e evita o derrubo do edificio Conde de Fenosa". Deste xeito, o modificativo aprobado servirá para facer fronte ao pago de indemnizacións, para o que se reserva unha cantidade de 2.975.000 euros.

Por outro lado, e a través deste modificativo, o goberno local incrementará o crédito prorrogado nos capítulos 4 e 7, de modo que se inclúan todos os convenios nominativos con entidades e asociacións que estaban recollidas no proxecto de orzamentos para 2019 por importe de algo máis de 7,9 millóns de euros (tendo en conta as altas incorporadas na emenda aprobada do PSOE).

Ademais, e grazas aos fondos que se conseguirán mediante préstamo bancario sumados ao aumento de ingresos adicionais por causa do novo arrendamento do Hotel Atlántico, o goberno local poderá abordar distintos investimentos necesarios para sacar adiante tanto proxectos demandados nos barrios da cidade e que estaban previstos no orzamento de 2019 como programas en colaboración con outras institucións públicas. "Así, mediante este modificativo, contaremos cos fondos necesarios para poder afrontar a achega municipal comprometida para realizar as actuacións incluídas este ano dentro da estratexia EidusCoruña e que suman algo máis de 1,2 millóns de euros", apuntou Vieito, que recorda que estes proxectos fináncianse ao 80% con fondos europeos FEDER. "Tamén temos que ter disposición de 150.000 euros para as achegas municipais relacionadas coas axudas á rehabilitación do Plan estatal de Vivenda, polas que se subvencionarán actuacións de rehabilitación integral no grupo de vivendas María Pita, en Labañou, no Ventorillo e nas denominadas Casas de Franco, así como na Cidade Vella e Pescaría", apuntou. O modificativo tamén servirá para financiar "as aportacións municipais previstas en actuacións recollidas no protocolo asinado coa Deputación provincial da Coruña e no que, entre outras actuacións, figuraba a remodelación do cruce das rúas Ramón y Cajal e Avenida do Exército, así como a reforma do COF (Centro de Orientación Familiar) de Orillamar". "Con esta actuación tamén asumiremos a achega municipal para poder acometer, xunto coas contribucións especiais, os proxectos de ampliación e mellora do Servizo de Extinción de Incendios, e actuacións seleccionadas pola cidadanía no proceso de Orzamentos Participativos para o ano 2019, ademais da anualidade correspondente a este exercicio que o Concello aporta a EMVSA para rematar a construción e equipamentos necesarios para a piscina e polideportivo do Castrillón", salientou.

"Nesta planificación de actuacións queda garantido o crédito necesario para a licitación da obra de eliminación do viaduto entre a rolda de Nelle e a avenida de Fisterra, así como as cantidades correspondentes á anualidade deste ano en proxectos plurianuais como as obras dos mercados de Monte Alto e Santa Lucía ou no colector da EDAR de Bens", dixo.

Modificativo no IMCE

Por outro lado, o Pleno tamén deu luz verde a un modificativo no presuposto do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) polo cal se engade ao seu orzamento un suplemento de 950.000 euros con cargo á incorporación do seu propio remanente do pasado ano. A proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e do PSOE, a abstención do BNG e o único voto en contra do PP. Este suplemento servirá para compensar a baixa nas contas deste ente dependente do Concello, baixada que é empregada para financiar parte do modificativo sobre o orzamento prorrogado. "Este suplemento é necesario para compensar o axuste á baixa, por importe de máis de 900.000 euros, realizado no orzamento do IMCE con motivo da prórroga orzamentaria, para axustalo ás previsións do proxecto de orzamento e para evitar que a minoración da transferencia municipal ao IMCE, por importe de 650.000 euros, incorporada no modificativo sobre o orzamento prorrogado, afecte ás actividades deste organismo, especialmente no que ten que ver cos créditos destinados ás festas", explicou a responsable municipal. Segundo advertiu Vieito, "este suplemento se financia con aforros do propio IMCE sen afectar a ningunha outra partida e con cargo ao remanente líquido de tesourería que nin sequera se utiliza na súa totalidade, xa que ascende a 1,5 millóns de euros de remanente".

"A realidade é que nunca en anos anteriores se gastou neste apartado por debaixo dos 1,5 millóns de euros e, neste momento, o crédito dispoñible para levar a cabo as festas de San Xoán e de María Pita atópase moi por debaixo. De feito, atopámonos cuns créditos iniciais de 701.808 euros, que resultan claramente insuficientes para asumir a programación de festas", dixo a concelleira, que recordou "nos últimos 10 anos a aplicación nunca baixou do millón de euros e, en moitos casos, superou os dous millóns". Ao fío, a edil lembrou que os créditos finais para festas tiveron o seu pico no pasado mandado municipal, sendo de 2,5 millóns en 2011, de 2,8 millóns en 2012, 3,6 en 213 e 2,9 en 2014. A partir de aí, os créditos pasaron a 1,8 millóns no ano 2015, 1,9 en 2016 e 2,2 en 2017, cifras, todas, menores que as contabilizadas, por exemplo, en 2010, cando os créditos chegaron aos 2,7 millóns.

Declaración institucional

Por outra, banda, na sesión deste luns deuse lectura a unha declaración institucional do pleno, pola que a Corporación municipal manifesta de xeito unánime a súa vontade "de impulsar de xeito decidido a súa acción exterior e sumarse, en cooperación co Estado e a Xunta de Galicia no contexto da Estratexia Galega de Acción Exterior, ao compromiso universal da Axenda 2030 aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2015". A declaración, presentada baixo o título 'A Coruña global no mundo do século XXI', busca deixar patente "a vontade da corporación de institucionalizar a dimensión global do Concello, agregando e coordinando as actividades e programas que vinculan A Coruña co internacional, dotándoas dunha estratexia específica que promova un relato coral e coherente de cidade", o que abrangue aspectos como o fondos europeos de captación de investimentos, irmandamentos, redes de cidades, promoción económica, turística, educativa, cultural ou cooperación internacional. "Todo este capital relacional debe artellarse polo Concello como un plan de cidade, impulsado en colaboración e complicidade co conxunto de axentes centrais da visibilidade internacional da cidade e a súa área metropolitana", expón.

A este respecto, o centro Ágora celebra o vindeiro día 21 a xornada Acción Exterior e Imaxe Global de Cidades, que organiza o Consorcio de Turismo e na que se analizará o papel das estratexias de acción exterior para a proxección global das cidades. O programa parte da situación en Galicia, no contexto aberto pola Estratexia Galega de Acción Exterior impulsada pola Xunta de Galicia e o estudo elaborado polo IGADI para o Concello da Coruña, e incorpora a voz de axentes da sociedade civil da Coruña relevantes na súa internacionalización, docentes de distintas universidades estatais e internacionais, e a experiencia das cidades de Bilbao, Xixón e Barcelona.

Mocións

Por outro lado, e no capítulo de mocións, o Pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción presentada de forma conxunta polo BNG e o grupo de goberno na que se insta ao Concello a adherirse á campaña internacional para abolir as armas nucleares, á que se están a sumar máis cidades do mundo e que se remite ao Trata sobre a Prohibición das Armas Nucleares aprobado por Nacións Unidas en 2017.

Documentos:

Declaracións Institucional 'A Coruña global no mundo do século XXI' (197 KB)

Buscar más noticias

Webs municipales

Encuentre todas las webs y perfiles oficiales del Ayuntamiento de A Coruña.

  • Ayuntamiento de A Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Plaza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 o desde dentro del término municipal al teléfono de atención 010
¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari y Microsoft Internet Explorer 10 o superior. Instalar ahora un navegador compatible

?