Uso de cookies en las páginas web del Ayuntamiento de A Coruña

En las páginas web municipales utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o conocer como cambiar la configuración, en nuestra página de "Normas de uso".

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

11 de febrero de 2019

Os votos de PSOE e PP impiden a aprobación inicial do orzamento municipal, que ascende a 252 millóns e contempla proxectos historicamente demandados nos barrios, así como un aumento en gasto social e emprego

O Pleno tamén rexeitou, co voto negativo de socialistas e populares, a emenda do goberno destinada incorporar no presuposto os fondos necesarios para poñer fin ao conflito do antigo edificio de Fenosa

Os votos de PP e PSOE no Pleno tombaron a posibilidade de que o goberno local puidese sacar adiante de forma inicial o seu proxecto de orzamentos municipais para este 2019, unhas contas de 252 millóns de euros, un 2,11% máis que en 2018, e que supoñen "o maior orzamento municipal dos últimos dez anos, excluíndo o exercicio 2011". Antes da votación, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, apelou á responsabilidade de todos os grupos da oposición, xa que "a non aprobación do orzamento pon en risco proxectos históricos demandados pola cidadanía así como outros servizos". "Tombar a aprobación inicial deste orzamento é un erro difícil de xustificar ante a veciñanza, que é quen vai pagar as consecuencias", lamentou. O ditame desfavorable da Comisión de Facenda ao proxecto de orzamentos municipais foi ratificado cos votos dos e as concelleiras de PSOE e PP, a abstención do BNG e o posicionamento en contra do grupo de goberno. Do mesmo xeito, e antes desta votación, socialistas e populares tamén rexeitaron unha emenda do grupo de goberno destinada a que o orzamento incluíse os fondos necesarios para dar cumprimento ao acordo acadado no proceso de mediación intraxudicial impulsado polo goberno local e validado a semana pasada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que permitirá pechar o conflito do antigo edificio de Fenosa.

Ao longo das súas intervencións, a edil chamou a atención sobre o feito de que as contas elaboradas polo executivo local (abertas logo á introdución de cambios e alegacións até  formalizarse a súa aprobación definitiva) "son as máis expansivas dende o inicio da crise económica, feito que vén motivado en que, por primeira vez na última década, o gasto non financeiro, o gasto real en bens e servizos para toda a cidadanía, sobrepasa os 245 millóns de euros". "Estas contas son unha aposta por continuar transformando A Coruña nunha cidade máis xusta e igualitaria, así como polo fomento do emprego e a promoción económica e a mellora do espazo público, os equipamentos e os servizos que a administración ofrece á cidadanía", explicou a edil, quen destacou a presenza no Pleno de representantes de asociacións veciñais do Concello que solicitaban ao conxunto da Corporación que facilitase a aprobación inicial do orzamento para favorecer a execución de proxectos que mellorarán a calidade de vida dos barrios da cidade.

Vieito tamén lamentou a determinación de PSOE e PP de deixar caer a emenda presentada polo grupo de goberno ao ditame da Comisión Informativa de Facenda, xa que tiña como obxectivo modificar o estado de gastos do proxecto de orzamentos xerais do Concello, de forma que o presuposto municipal tivese crédito suficiente para facer fronte ao pago de indemnizacións derivadas da homologación do convenio de mediación sobre o edificio do antigo Conde de Fenosa, que evita o seu derrubo e as consecuencias que o mesmo tería para o equilibrio económico do Concello. O modificativo presentado propuña incrementar o crédito inicial previsto na aplicación destinada a indemnizacións urbanísticas do Estado de Gastos en 2.650.000 euros. A partida quedaría en 3.025.000 euros, dos que 2.975.000 "irían especificamente destinados ao pago da indemnización derivada da execución da sentenza citada". Vieito recordou que a homologación do acordo acadado mediante o procedemento de mediación intraxudicial derivará "nun auto xudicial que terá valor de título executivo, polo que é preciso garantir a existencia de crédito adecuado e suficiente na conta municipal". "A homologación da sentenza do edificio Conde de Fenosa evitou un grave prexuízo ás arcas municipais que tería derivado en consecuencias para a cidadanía xa que só os custos da execución da sentenza de derrubo estimábanse en aproximadamente 60 millóns de euros. Evitada esa situación, todas as formacións temos que contribuír a pechar, dunha vez por todas, o conflito con este edificio, que deriva da concesión dunha licenza urbanística ilegal concedida polo PSOE, naquel momento á fronte de María Pita", subliñou a concelleira, quen advertiu ao Pleno dos problemas de terá o Concello "para poder asumir unha cantidade tan alta nun orzamento prorrogado".

Proxectos e servizos en xogo

Ademais de chamar a atención sobre as consecuencias da non aprobación da emenda para asumir o custe das indemnizacións contidas dentro do acordo de mediación homologado sobre o antigo edificio de Fenosa, a titular de Facenda recordou distintos proxectos "necesarios e demandados nos barrios" que corren o risco de non poder executarse cun orzamento prorrogado. "Non chegamos a entender que proxectos son os que a oposición non está disposta a aprobar neste orzamento. Non comparten que se destinen máis recursos para o gasto social chegando aos 34,6 millóns de euros ou que practicamente se dupliquen os recursos para políticas de emprego?", preguntouse a concelleira, que tamén recordou que as contas municipais aumentarían un 40% os recursos para a Renda Social Municipal (RSM) e incrementan as axudas de emerxencia social, que por primeira vez sobrepasarían o millón de euros, así como os fondos destinados a becas-comedor e aos programas de Igualdade.

Neste punto, a concelleira aludiu a outros dous proxectos demandados polos barrios da cidade que quedan en cuestión cun orzamento prorrogado e entre os que se atopan a demolición do viaduto da Rolda de Nelle, o remate do polideportivo e piscina climatizada do Castrillón, a rehabilitación do antigo edificio do Remanso, a reurbanización da rúa San Xosé (Monte Alto), a área de xogos da praza da Concordia, así como a reforma do mercado de Durmideiras e a contorna do de San Agustín. Actuacións de mellora integral nas rúas Cortaduría e Rosario na Cidade Vella, así como a mellora dos cruces entre Ramón y Cajal e a avenida do Exército eran outros dos investimentos contemplados no proxecto de orzamentos municipais para este 2019, que tamén incluían outros investimentos ligados a obras do programa de Orzamentos Participativos así como numerosas actuacións vinculadas aos fondos FEDER europeos conseguidos co programa EidusCoruña. "Entre estas actuacións cóntase, por exemplo, a posta en valor do patrimonio cultural dos cemiterios da cidade (San Amaro, Oza e Feáns), a mellora dos xardíns históricos, o avance da expansión de arborado mediante o programa Bosques da Coruña, a expansión do carril bici e a inclusión de novos tramos, como na contorna do polígono da Grela entre outras", apuntou.

Incremento do gasto de persoal

A respecto da posibilidade de que o goberno local poida afrontar determinados pagos aplicando modificativos sobre o orzamento prorrogado de 2018, Vieito convidou a oposición "a facer números". "Insisten nun modificativo para xustificar a negativa a un orzamento ao que non fixeron propostas nin emendas, aínda cando saben que non é viable un sobre o orzamento prorrogado que cubra todos os gastos obrigatorios, incluído, como xa dixemos, o financiamento do auto que dá, por fin, solución ao contencioso do edificio Conde de Fenosa ou os incrementos nos gastos de persoal", dixo.

A edil lembrou que o proxecto de orzamentos municipais inclúe xa as partidas precisas para aplicar "medidas de obrigado cumprimento no Capítulo 1". É o caso do incremento salarial pactado entre os sindicatos e o goberno central a finais do pasado ano, e que se concreta nunha suba de 1.716.762 euros nas contas para 2019, ou as compensacións, mediante un aumento da cotización á Seguridade Social, dos salarios dos e das policías locais que se acollan á xubilación anticipada mentres están en activo, un fin para o que o executivo local ten reservado algo máis un millón de euros na súa proposta orzamentaria. O Concello tamén debe aplicar este ano un incremento das cotizacións á Seguridade Social de 120 traballadores e traballadoras municipais debido ao aumento das bases máximas no 7%, para o que as contas municipais reservan un total de 116.942 euros. A actualización dos trienios que se cumpran neste exercicio, así como os incrementos adicionais de persoal sobre a taxa de reposición tamén están contabilizados no proxecto orzamentario cunha aplicación de case 170.000 euros.

"A non aprobación do proxecto de orzamentos obrigaría a manter o presuposto de 2018 prorrogado. Ao non ter recursos suficientes para poder asumir os gastos de persoal sinalados, o goberno local tería que recorrer a un modificativo para conseguir facerlles fronte xa que, recordemos, son de obrigado cumprimento", insistiu a concelleira. "Así pois, ademais dos prexuízos e atrasos na aplicación destas medidas que se lle causar ao persoal municipal, os gastos deberían sufragarse a costa doutros gastos correntes na administración local", evidenciou.

Buscar más noticias

Webs municipales

Encuentre todas las webs y perfiles oficiales del Ayuntamiento de A Coruña.

  • Ayuntamiento de A Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Plaza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 o desde dentro del término municipal al teléfono de atención 010
¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari y Microsoft Internet Explorer 10 o superior. Instalar ahora un navegador compatible

?