Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

20 de maio de 2017

A Concellería de Xustiza Social acometeu obras de mantemento nunha quincena de colexios no primeiro cuadrimestre do ano

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán

A concelleira Silvia Cameán, responsable da área municipal de Educación, salienta o esforzo do Goberno local “para contribuír a que a educación pública teña as condicións que merece”

A Concellería de Xustiza Social e Coidados, da que depende a área municipal de Educación, realizou entre os meses de xaneiro e abril obras de reparación nun total de 15 colexios públicos da cidade, seguindo coa liña iniciada durante o pasado mandato, no que o Concello realizou un investimento histórico, superior ao millón de euros, para enfrontar as deficiencias dos centros da cidade. Neste caso, os traballos acometidos desde o inicio do ano correspóndense a actuacións de mantemento inmediato, cun importe global que roza os 53.000 euros, "para contribuír a que a educación pública teña as condicións que merece, tanto o alumnado como toda a comunidade educativa", indica a concelleira responsable desta área, Silvia Cameán. En concreto, os traballos desenvolvidos nos meses de marzo e abril no Centro de Educación Especial Nuestra Señora del Rosario serviron para arranxar as fendas do muro exterior do centro e as pozas á entrada do colexio, ademais da cimentación, e tamén melloraron e sanearon a rampla de emerxencias. No CEIP Alborada, actuouse no muro exterior de peche, para arranxar a parte traseira do patio de recreo. Pola súa parte, o CEIP Anxo da Garda someteuse a revisión para a reparación da instalación eléctrica da aula de informática e, igualmente, procedeuse ao pintado das paredes do patio grande exterior. No CEIP Concepción Arenal arranxáronse as plaquetas do primeiro andar, mentres que no Curros Enriquez, as obras desenvolvidas en abril serviron para adaptar a zona de patio interior para horto escolar e incluíron tamén melloras no chan e as paredes do patio cuberto da zona do comedor.

No CEIP Emilia Pardo Bazán, as intervencións tiveron lugar en marzo e en abril e consistiron na reparación das fendas e as columnas do edificio de actividades extraescolares, na mellora do pavimento na entrada ao colexio e no arranxo dos paneis metálicos oxidados das barandas de acceso ás pistas. De igual xeito, o Eusebio da Garda someteuse  á renovación da fontanería das cisternas do patio, así como a obras de mellora nun treito de parede danada na entrada e no lateral do centro, mentres que no colexio Labaca, procedeuse o pasado mes de marzo a reparar o teito da aula da planta superior do edificio de Infantil. No María Barbeito, entre xaneiro e abril acometéronse traballos para o pintado das aulas de Infantil de tres anos, da secretaría, do comedor, da cociña, do pavillón de Educación Infantil e tamén o pintado de paredes do pavillón de  Primaria, aulas e corredores afectados polas humidades, e, do mesmo xeito, arranxouse unha cornixa do patio cuberto. Neste sentido, a concelleira de Xustiza Social recorda as "graves deficiencias" sufridas por este centro, e salienta que actuacións como as desenvolvidas nos primeiros meses de ano, que continuarán ao longo deste exercicio, teñen como obxectivo que colexios coma este "non cheguen á situación que se viviu no María Barbeito, por mor da desatención prolongada durante anos". Durante o pasado verán, o Concello acometeu a reparación da cuberta do aulario do centro, despois de realizar durante o curso intervencións de urxencia ante os problemas de filtracións que se sucederon.

Os traballos de reparación desenvolvidos neste ano polo Concello serviron tamén para mellorar as luces de emerxencia do colexio Sal Lence, así como para poñer a punto as paredes, teitos e ventás dos baños. Do mesmo modo, o pasado mes de abril procedeuse a actuar nas columnas que arrodean o CEIP San Francisco Javier, que sufrían danos. No CEIP San Pedro de Visma, as obras desenvolvidas en xaneiro serviron para arranxar unha deficiencia do sistema antiincendios e, no mesmo mes, acometeuse no CEIP Sanjurjo de Carricarte unha intervención para substituír as pechaduras do centro, mentres que no Víctor López Seoane os traballos foron dirixidos a reparar uralitas en mal estado. Por último, no Wenceslao Fernández Flórez actuouse para cambiar unha tubaxe rota no almacén do edificio principal.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?