Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

16 de abril de 2018

O goberno local trasladará ao Consello Consultivo o expediente completo do Concurso de Adquisición de Vivenda e iniciará a revisión de oficio da compra dos inmobles que solicitou o Pleno, “para que a ninguén lle queden dúbidas da transparencia deste procedemento”

A Xunta de Goberno Local celebrada o pasado día 11 xa aprobou, á vista dun informe da Asesoría Xurídica municipal, o inicio da revisión de oficio da compravenda de dous inmobles deste concurso, posto en marcha coa finalidade de facilitar o acceso a unha vivenda a colectivos con especial dificultade e contribuír a rexenerar os barrios

A Xunta de goberno local dará luz verde na súa vindeira reunión ao inicio do procedemento de revisión de oficio, a instancia do solicitado polo Pleno municipal na sesión celebrada o pasado 11 de abril, das resolucións de autorización dos contratos de compravenda de dous inmobles sitos nas rúas Joaquín Martín Martínez e Santander, e que forman parte dos seis pisos que o Concello adquiriu dentro do Concurso de Adquisición de Vivenda, que ten como obxectivo facilitar o acceso a unha vivenda a colectivos con especial dificultade, así como contribuír á rexeneración dos barrios da cidade. O alcalde, Xulio Ferreiro, indicou este luns que esta decisión se toma "en base ao compromiso coa transparencia do goberno local, que non ten nada que ocultar sobre este proceso". Como reafirmou, o executivo municipal trasladará ao Consello Consultivo o expediente completo do concurso de adquisición de vivenda impulsado polo Concello coas propostas de revisión derivadas, tanto do acordo da Xunta de goberno local celebrada o pasado 11 de abril e relativas ás vivendas das rúas Joaquín Martín Martínez e Barreira, como do Pleno extraordinario celebrado nesa mesma xornada, que inclúen o citado piso de Joaquín Martín Martínez e unha vivenda na rúa Santander.

Desta forma, o goberno local incoará un novo expediente de revisión en cumprimento do acordo plenario. "Con este feito damos cumprimento ao acordo plenario", explicou Ferreiro que, non obstante, fixo notar que o acordo da Cámara municipal acadado a pasada semana "non concreta as causas de nulidade" polas que se insta á revisión dos inmobles da rúa Joaquín Martín Martínez e Santander, trámite necesario para elevar a proposta ao Consultivo.  

Precisamente por ese motivo, a vindeira Xunta de Goberno Local non só aprobará a incoación dos expedientes propostos no Pleno (a pesar de estar xa a aprobada a incoación de dous expedientes atendendo aos informes da Asesoría Xurídica do Concello), senón que tamén dará traslado dos acordos acadados aos e ás interesadas, así como ao resto de grupos da corporación, a fin de que poidan "alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes" nun prazo de 15 días hábiles. Unha vez recibidas as alegacións será cando se remita ao Consultivo tanto o expediente completo do Concurso de Vivenda como os informes proposta elaborados.

Ferreiro incidiu, durante unha comparecencia este luns ante os medios, en que "o Concello da Coruña toma esta determinación, e asume o falado no Pleno, polo seu total compromiso coa transparencia, e porque non ten absolutamente nada que ocultar neste tema". "Imos remitir todo aquelo que poida causar dúbida, aínda que, legalmente, non estamos obrigados a instar á nulidade que o outro día acordou o Pleno, xa que esa é unha competencia da Xunta de Goberno", indicou o primeiro edil. "A documentación do expediente será remitida completa, pero ao Consello Consultivo hai que presentarlle as posibles causas de nulidade. O Concello xa se manifestou ao respecto, amparado no informe da Asesoría Xurídica municipal, que detecta posibles causas de nulidade en dous pisos. Como en todo este procedemento non temos ningún interese en que pareza que estamos a remitir unha información parcial, estamos tamén dispostos a enviar todo aquelo que determinou o Pleno, aínda que esperamos que no trámite de audiencia, os grupos presenten alegacións nas que concreten as causas de nulidade ás que aludiron no Pleno", resolveu.

"O goberno local non ten nada que ocultar con respecto a este proceso, cuxo obxectivo principal e último é facilitar o acceso a unha vivenda a colectivos con maiores dificultades. A estas alturas parece claro que existiron erros a nivel técnico; non obstante, o que hai que ver agora é se eses erros poden, ou non, ser causa de nulidade. O executivo municipal xa se manifestou ao respecto, amparado polos documentos da Asesoría Xurídica, pero tamén imos dar a posibilidade de que os grupos presenten as súas alegacións en base ao aprobado no Pleno. Imos facer todo o que estea na nosa man para que a ninguén lle poida quedar ningunha dúbida sobre a total transparencia coa que está a actuar o goberno local con este tema", comentou.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?