Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

9 de abril de 2018

O Pleno da Coruña aproba de forma definitiva unha ordenanza contra incendios pioneira en Galicia, así como o estudo de detalle da ordenación de volumes do CEIP San Francisco Xavier, “paso fundamental para a construción do seu demandado patio cuberto”

A Cámara tamén aprobou unha moción para a creación dun Consorcio de Transporte, que será impulsado pola Mesa de Alcaldes e Alcaldesa e que se integrará, con posterioridade, na Área Metropolitana da Coruña, algo que Díaz Grandío saudou por significar “o respaldo maioritario do pleno á constitución dunha verdadeira área metropolitana”

O Pleno ordinario aprobou esta tarde de forma definitiva a ordenanza municipal de protección contra incendios do Concello da Coruña co voto a favor do grupo de goberno, o PSOE e o BNG, así como a abstención do PP, un texto de carácter pioneiro que serve para "adecuar as actuacións das forzas de seguridade municipais a moitos dos traballos que xa estaban a levar a cabo e, sobre todo, afondar no fomento da protección". Do mesmo xeito, tamén foi aprobado por unanimidade o estudo de detalle para a ordenación de volumes do CEIP San Francisco Javier, o que supón "un importante impulso de cara á execución da demandada cuberta para o patio do colexio", unha infraestrutura que o Concello ten previsto levar a cabo, aínda a pesar de non ser unha obra da súa competencia.

No que atinxe á nova ordenanza municipal de protección contra incendios, a concelleira de Igualdade e Diversidade, con competencias en materia de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, indicou que esta nova normativa "é fundamental dentro da aposta pola prevención que está a facer este Concello, que necesita adaptar as súas ordenanzas ás necesidades da nosa cidade". "Desta necesidade, de afondar na prevención e potenciar a autoprotección, evitando que se produzan os incendios, parte esta ordenanza, a primeira do Concello e tamén da comunidade autónoma nesta materia", sinalou a concelleira, que expuxo que a nova ordenanza ten aplicación sobre distintos ámbitos como son "a edificación, a industria, e as instalacións e actividades de espectáculos públicos e recreativos". Dentro destes campos, ademais, a nova ordenanza contempla un apartado especial no que se expoñen as formas de actuación en lugares significativos, como edificios de grande altura ou lugares de lecer infantil con percorridos intrincados, e onde se especifican tamén as actuacións en terreos ou parcelas sen edificar e ante plans de emerxencia e autoprotección, así como a obriga da asistencia dun retén preventivo en determinados eventos con diferentes riscos. A ordenanza tamén prevé a creación dun catálogo municipal de plans de autoprotección que, como advertíu a edil, dará especial singularidade "a todos aqueles edificios que alberguen a persoas non sexan capaces de evacuar polos seus propios medios, como é o caso de hospitais, xeriátricos, escolas infantís, centros de día, etc, así como grandes eventos con especial afluencia de xente e establecementos con carga de lume elevada, como gasolineiras, centro de transformación e determinadas industrias".

Centros educativos

A respecto da ordenación de volumes do CEIP San Francisco Xabier, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, destacou "o traballo levado a cabo dende 2015 polos servizos técnicos municipais para poder levar a cabo este proxecto, cuxa especial problemática radica no feito de que o cauce subterráneo do río Monelos atravesa o recinto do centro educativo e linda coa zona na que se prevé a construción do patio cuberto". Esta circunstancia obrigou a que, antes de pasar polo Pleno, o estudo de detalle tivo que conseguir o visto e prace de Augas de Galicia, que o pasado marzo remitiu á administración local un informe favorable, necesario para continuar coa tramitación deste expediente, que se iniciou xa no 2015. A este respecto, o concelleiro lamentou "a absoluta falta de colaboración na tramitación deste expediente que amosou a Xunta de Galicia, que unha vez máis, dificultou enormemente a acción do goberno local, unha actitude que o único que consegue é lastimar á cidade".

"O estudo de detalle para a ordenación de volumes permítenos fixar a nova edificabilidade deste equipamento público, que se verá ampliado ao contar agora cun patio cuberto. Coa luz verde a este trámite, resta agora a aprobación do proxecto de obra", explicou Varela, quen manifestou que, para o mesmo, "o Concello xa está en contacto permanente con Augas de Galicia, que tamén debe dar o visto e prace ao mesmo pola afección que supón a proximidade do río Monelos, e igualmente coa propia comunidade educativa".

"O empeño do Concello é dotar dunha parte cuberta a zona de xogos deste centro educativo para mellorar así a calidade educativa dos e das nenas é tal que non só levamos dende finais de 2015 traballando e pelexando por sacar adiante este proxecto, senón que o facemos, aínda sendo conscientes de que se trata dunha obra que non é competencia municipal, senón autonómica, por tratarse dunha obra maior", apuntou tamén a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, que aludiu ao convenio firmado entre administración local e Xunta en 2006 para cubrir os patios dos centros públicos. "A día de hoxe, o Concello ten practicamente cumpridos todos os seus compromisos. Da Xunta non podemos dicir o mesmo", explicou.

Máis de 30 obras en colexios en 2017

A respecto do compromiso do executivo municipal coa mellora dos centros educativos públicos, a concelleira Cameán recordou que o grao de execución o pasado ano do servizo de educación foi do 86%. "Ao longo do ano pasado abordáronse un total de 32 obras, entre as que destaca o cambio de cuberta do Emilia Pardo Bazán, o valado do CEIP de Prácticas, a reparación de cubertas do María Barbeito, a adaptación dos aseos de Nosa Señora do Rosario ou a das ramplas de Manuel Murguía, entre outras", explicou a edil, que indicou que, no que vai de ano 2018, "xa están en marcha outras actuacións importantes, como é o caso da reforma do comedor de Labaca, o muro de Os Cativos ou a adaptación dos aseos do Emilia Pardo Bazán". "Ademais disto, este Concello conta agora cun novo contrato de mantemento, que está a adoptar medidas proactivas, e non reactivas", dixo Cameán, que manifestou que o goberno local destina 487.000 a créditos iniciais de mantemento de centros educativos "fronte aos 395.00 que se destinaban en 2011, por exemplo".

Academia Galega de Seguridade Pública

Noutra orde de asuntos, o Pleno tamén deu o visto e prace, por unanimidade, á delegación de competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso á categoría de Policía Local en favor da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), organismo autonómico que centraliza os procesos selectivos de distintas policías locais da comunidade e que, ademais, asume a formación e o período de prácticas das persoas seleccionadas daqueles concellos que así o soliciten. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, informou de que esta delegación, que non afectará aos procesos de promoción interna, senón tan só á selección de novas prazas, "facilitará todo o proceso tanto ao Concello como ás persoas escollidas para formar parte deste corpo municipal de seguridade".

Como indicou  a titular de Facenda, a estas alturas do ano, o Concello dispón de cinco prazas de novo acceso para o corpo de Policía Local "que poderían ser convocadas pola Agasp no caso de que finalmente se leve a cabo a delegación de competencia". "Se non se pode, polo momento, optar a máis prazas é pola incapacidade que está a amosar o Goberno central para poder sacar adiante a súa Lei de Orzamentos Xerais. A pesar de existir un acordo xa entre o goberno local e os sindicatos, non podemos iniciar os procesos selectivos ligados á oferta pública de emprego deste 2018 debido á situación estatal", comentou a responsable municipal.

Na sesión deste luns, a Cámara municipal tamén deu luz verde, por unanimidade, á entrega de distincións policiais poa traxectoria profesional exemplar.

Mocións

Entre as mocións aprobadas no Pleno municipal destaca a iniciativa conxunta presentada polo grupo de goberno, o PSOE e o BNG para declarar A Coruña como Cidade Libre de Desafiuzamentos, "algo que o goberno local xa está facendo dende a súa chegada ao goberno en 2015, que estaba dentro dos seus compromisos programáticos e que agora vén a Pleno por petición do colectivo Stop Desafiuzamentos", comentou o concelleiro Varela. A mesma foi aprobada co apoio de todos os grupos con representación na Cámara a excepción do PP, que se abstivo.

A iniciativa aprobada solicita que, no marco das competencias que lle corresponden, o Concello da Coruña non facilite, "salvo orde xudicial expresa", medios humanos ou materiais para apoiar accións de desafiuzamento. Ademais, o texto propón que a administración local se comprometa a poñer os recursos municipais dos que dispoña "ao servizo da resolución satisfactoria das familias afectadas por estes procesos". O Concello elaborará, para tal fin, un protocolo de actuacións en caso de desamparo para unidades familiares que garanta a cobertura das súas necesidades básicas e preste especial atención a situación de menores, persoas con diversidades, vítimas de violencias machistas ou familias en risco de exclusión social. Por outro lado, a moción, que manifesta o compromiso do Concello co dereito a unha vivenda e a necesidade de promover actuacións que garantan o seu cumprimento, propón instar ao Parlamento galego e ás Cortes a adoptar "medidas legais dirixidas a loitar contra a desocupación permanente de vivendas". Do mesmo xeito, o texto insta ao Parlamento galego, ás Cortes Xerais, á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado "a adoptar accións de protección, seguridade e amparo" das familias afectadas por procedementos de execución hipotecaria que afecten ás súas vivendas habituais.

Tamén foi aprobada a segunda moción presentada polo grupo de goberno en apoio das reivindicacións das nais e pais do IES Elviña, que solicitan á Xunta de Galicia, como organismo con competencia na materia, que manteña o horario que viña sendo habitual até o pasado febreiro na cafetería do centro educativo. A moción, que só tivo o voto en contra do PP, cualifica de "inexplicable" que o pasado febreiro "se anunciase, a través da web do centro, o peche do servizo de comedor, unha decisión levada a cabo sen someterse a un debate do consello escolar". "A Consellería de Educación di que non pecha ningún comedor porque non existe, pero dende o Concello temos a constancia de que a cafetería do instituto de Elviña daba de comer a unha media de 40 alumnos e alumnas cada día lectivo, unha maioría, ademais, beneficiarias das bolsas comedor municipais", defendeu a concelleira, que insistiu en que "a obriga das institucións é reverter as inxustizas que poden xurdir en calquera ámbito, especialmente no da Educación". "Neste sentido este goberno incrementou o investimento no programa de bolsas comedor, pasando o número de persoas beneficiarias de 955 no ano 2015 a 1.560 no ano 2017. Do mesmo xeito puxemos en marcha un programa de alimentación a menores en períodos non lectivos que pasou de cubrir a 74 persoas no ano 2015 a 425 persoas no ano 2017", comentou Cameán. "Queda acreditado que a nosa vontade política pasa por garantir o Dereito á Educación. Por iso, se a Xunta de Galicia non rectifica nesta decisión, a comunidade educativa seguirá contando co noso apoio para ofrecer alternativas que garantan os seus dereitos sociais", insistiu.

Transporte metropolitano

Por outro lado, o Pleno tamén aprobou unha moción presentada polo grupo municipal do PSOE de acordo co grupo de goberno para impulsar a creación unha autoridade única de transporte metropolitano, baixo a fórmula dun consorcio presidido polo Concello da Coruña, cuxa misión será a de "planificar, coordinar e xestionar o servizo de transporte de viaxeiros na cidade e no conxunto da área metropolitana que se defina". O citado órgano será impulsado pola actual Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da Área Metropolitana e, de feito, se integrará, con posterioridade, na estrutura da futura Área. A iniciativa contou cos votos favorables do grupo socialista, o BNG e o executivo municipal, e o único voto en contra do PP.

Sobre a citada moción, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, considerou "unha boa noticia que o PSOE rectifique e suba, por fin, ao tren que conduce ao futuro da Coruña, o tren da Área Metropolitana". "Até o de agora, por desgraza, e malia aos esforzos do goberno municipal e ao enorme consenso na comarca, a posición do PSOE da Coruña supuxo un freo a este proceso e un balón de osíxeno para o PP, unha coartada para quen ve no progreso da Coruña un obstáculo para o exercicio partidista do poder dende a Xunta, para quen non cre nin na Coruña nin na Galicia das cidades".

"Pensar que un Consorcio de Transporte pode substituír a unha Área Metropolitana plena, con competencias suficientes e capacidade para exercelas, dende a promoción económica e o emprego ao medio ambiente ou a planificación de infrastruturas, é non entender nada; é pensar exclusivamente no curto prazo e ter pouca ambición á hora de imaxinar o futuro do motor económico e social de Galicia", indicou o titular de Mobilidade Sostible. "Constituír unha Área Metropolitana con competencias en transporte significa constituír un poder compartido polos concellos con plenas competencias sobre o transporte no seu territorio. Ou sexa, decidir na área metropolitana o que lle afecta á veciñanza da área metropolitana. Constituír un consorcio significa algo moi diferente: crear un instrumento de xestión intermedio pero manter a competencia sobre o transporte urbano na Coruña e as competencias sobre o interurbano en mans da Xunta", explicou.

O concelleiro de Mobilidade recordou como "a finais do ano pasado, o goberno local iniciou unha rolda de conversas coa dirección provincial do PSOE e algunhas das alcaldías máis importantes do PSOE na comarca para darlle un novo impulso ao proxecto irrenunciable da área metropolitana, priorizando o transporte". "Esta moción, tal e como se presenta hoxe, é o resultado dese esforzo extraordinario", sinalou o edil, que, a este respecto, quixo agradecer "a implicación que amosou neste proceso de diálogo o presidente da Deputación da Coruña".

"A negociación destes últimos días permitiunos, ademais de garantir o respaldo maioritario deste Pleno á constitución dunha verdadeira área metropolitana, mellorar os termos da moción presentada inicialmente, deixando claro que o Consorcio Metropolitano de Transporte sera unha fórmula transitoria, que se integrará posteriormente na Área Metropolitana, que será o Concello da Coruña quen presida este consorcio e que o impulso do mesmo pasa pola modificación do Plan de Transporte de Galicia que está a elaborar, fóra de prazo e con escasa transparencia, a Xunta de Galicia", resumiu, á vez que agradeceu que "con esta moción, a Mesa de Alcaldes e Alcaldesa sexa recoñecida como o foro dende o que impulsar este proceso, así como calquera ampliación do ámbito".

Condolencias

Por outra banda, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, informou esta tarde no Pleno de que, a falta das confirmacións definitivas, todo parece indicar que o corpo rescatado esta mañá polos servizos municipais na enseada do Orzán é o da moza desaparecida hai 10 días na praia. Segundo sinalou, tras comunicarse o Concello coa familia da vítima, as probas realizadas durante a xornada semellan indicar que se trata da rapaza que desapareceu. O goberno local traslada as súas condolencias á familia e persoas achegadas, e dá por finalizado o dispositivo de busca. Do mesmo xeito, quere agradecer especialmente aos servizos municipais de seguridade e ao resto de corpos implicados no dispositivo de búsqueda, así como entidades que colaboraron, o traballo das últimas xornadas. Ferreiro, que tamén quixo destacar o labor levado a cabo por todos os corpos de seguridade municipais implicados, así como pola concelleira Rocío Fraga, reiterou "o apoio e á solidariedade para coa familia da desaparecida", e insistiu en que "os medios do Concello seguen á súa disposición".

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?