Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

9 de outubro de 2017

O Pleno dá luz verde a un modificativo que posibilitará “facer realidade a conexión entre o mercado de San Agustín e a rúa Panadeiras, fundamental no plan de revitalización da zona”

A Cámara municipal tamén aprobou unha modificación da ordenanza de ruídos dirixida a reforzar a protección da veciñanza contra a contaminación acústica

O Pleno municipal aprobou esta tarde o inicio dun expediente de modificación do orzamento municipal deste ano por importe de 999.284 euros, necesario para que o goberno local poida consignar os fondos suficientes para a compra ou expropiación do inmoble número 19 da rúa Panadeiras, de cara a posibilitar a apertura dunha conexión peonil que facilite o acceso á contorna do mercado de San Agustín. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, manifestou que esta actuación "é fundamental para levar a cabo o plan para a revitalización deste ámbito urbano xa que permitirá mellorar a conectividade a pé do mercado, ademais de facilitar o estacionamento tanto para as persoas residentes como para os as usuarias da praza de abastos a través do acceso ao aparcadoiro do Papagaio".

A Cámara municipal, cos votos a favor do grupo de goberno, o PSOE e o BNG e a abstención do PP, deu luz verde a esta modificación do anexo de investimentos do presuposto municipal deste ano incorporando as alteracións que resultan da modificación de distintos créditos orzamentarios por valor total de 999.284 euros. Esta cantidade é resultado da modificación do estado de gastos do orzamento mediante a concesión de dous suplementos de crédito por importe de 220.000 euros -un por valor de 170.715 euros e outro de 49.284 euros-, que pasarán a sumarse á partida municipal destinada á adquisición de vivendas municipais. Do mesmo xeito, tamén se deu luz verde a unha transferencia de crédito por valor de 779.284 euros. Esta cantidade minorarase da partida destinada nos orzamentos municipais a 'Obras de Urbanización e Investimento Novo', para incrementar a que atinxe a 'Gastos en Bens Patrimoniais, Edificios e outras construcións', de cara a este novo proxecto, que pasa pola adquisición da citada parcela da rúa Panadeiras. Como avanza o responsable de Rexeneración Urbana, o seguinte paso será a redacción do proxecto técnico para definir esa conexión, na que os servizos técnicos municipais están xa traballando.

A futura conexión, destacou Varela, forma parte do plan deseñado polo goberno local para revitalizar San Agustín e a súa contorna, unha intervención en tres fases que se impulsa coas obras de reurbanización da rúa Juan XXIII, a través da renovación das beirarrúas, que pasarán a ser de pedra para dar continuidade á contorna da igrexa de San Jorge, e que se igualarán en altura co firme das beirarrúas no cruzamento con Pío XII, no lateral do mercado, para  mellorar a visibilidade nese punto e facela máis transitable. Estes traballos virán acompañados dun cambio para facilitar o acceso por autobús urbano á praza de abastos.

Execución orzamentaria

A segunda fase das actuacións para a revitalización de San Agustín supón a reurbanización do frontal do mercado, que pasará a ter plataforma única para ter continuidade coa praza do Humor. Será entón cando se acometa a terceira fase do plan, que supón a peonalización da rúa Pontejos -con acceso para vehículos de residentes e carga e descarga- e a apertura do acceso peonil dende a rúa Panadeiras ata San Agustín.

"Estamos a demostrar que as cousas, con garantías e con seguridade, se poden facer. O anterior goberno intentou facer moito, pero non deu feito. Nós non só damos un paso adiante moi importante con este proxecto para revitalizar a zona de San Agustín, senón que, por exemplo fomos capaces de derrubar a nave da Toxa, cousa que non se fixo en 17 anos, igual que fomos quen de desbloquear a situación do polígono de Náutica, así como executamos a zona de xogos da Praza da Tolerancia, que tanto tempo levaban demandando as nais da zona", indicou o edil de Rexeneración Urbana, que manifestou que, a estas alturas do ano, a data de execución global orzamentaria é do 54,51% sobre créditos totais, superior á do ano 2014 por estas estas e superior á de calquera dos anos do anterior mandato por estas datas", dixo.

Contaminación acústica

Por outro lado, tamén se aprobou, de forma inicial, a modificación da ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica. Este cambio ten como obxectivo axustar o prazo de resolución do procedemento ao trámite administrativo, evitando así a caducidade dos procedementos sancionadores por incumprimento da ordenanza e mantendo, ao tempo, todas as garantías para as persoas denunciadas. Así, o Concello ampliará de tres a seis meses o tempo máximo de resolución do expediente sancionador.

Isto, segundo explicou o concelleiro Varela responde á vontade, por parte do goberno local, de outorgar "o tempo suficiente para realizar os trámites fixados por esta lei que se lles requiren ás persoas denunciadas nun procedemento deste tipo para facer uso dos seus dereitos, trámites que son complexos e deben ser moi garantistas", e, ao tempo, evitar a caducidade por vencemento do prazo "e garantir a efectiva protección da veciñanza contra a contaminación de ruído que se prevé na ordenanza, a través dos instrumentos xurídicos adecuados". "Nunha cidade chea de actividade e de posibilidades de ocio e culturais, o Concello debe buscar as ferramentas que permitan facer compatible e promover esa riqueza co descanso da veciñanza e co seu dereito de vivir a cidade plenamente, ao igual que ocorre co procedemento de regularización das terrazas nas rúas co centro, que ademais de favorecer o equilibrio entre oferta hostaleira e respecto pola cidadanía garante o dereito dos e das veciñas á á asistencia de emerxencia nestas rúas", indica o concelleiro. Do mesmo xeito, incidiu en que a modificación na ordenanza non ten nin terá repercusións económicas para as arcas municipais.

CEIP Cidade Vella

Noutra orde de asuntos, o Pleno municipal parabenizou, por unanimidade, a decisión do Consello Escolar do CEIP Montel Touzet de mudar o nome do centro de ensinanza por CEIP Cidade Vella. A Cámara municipal tiña hoxe que decidir se apoiaba ou non a modificación nominativa que xa contaba con informe positivo do propio goberno local e que, ademais, foi aprobada tamén pola Comisión de Honras. Con todo, debe ser a Xunta de Galicia, como entidade con competencias en materia de Educación, a que autorice de forma definitiva o cambio.

"Montel Touzet eran os apelidos de tres militares que colaboraron coa sublevación franquista, e é evidente que os nomes non son imparciais, xa que constrúen a sociedade na que vivimos. Neste caso concreto, cremos que un espazo público onde se educa e onde se crea futuro, debe remitirnos a identidades de persoas que apostan pola vida, polo respecto, pola tolerancia e pola diferenza, non ao contrario. Hoxe, con este cambio de nome revertemos as palabras que no seu día pronunciou o golpista Millán Astray, dándolle un sentido oposto: viva á intelixencia e morte á violencia!", dixo a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán. "Hai quen poderá pensar que isto non é máis que un cambio de nome, pero é moito máis, falamos da devolución da dignidade e o recoñecemento a tantas persoas que loitaron por defender os dereitos, entre eles, a educación", comentou a concelleira, que salientou que se trata dun "feito moi relevante de cara á restitución da dignidade e a memoria de moitas persoas que foron vítimas da represión".

Ordenanza Reguladora do Viveiro Municipal de Empresas da Grela

Do mesmo modo, entre os asuntos aprobados en Pleno destaca tamén a aprobación inicial da ordenanza reguladora do viveiro municipal de empresas da Grela. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salientou que se trata dunha medida encamiñada a facilitar e garantir a permanencia das empresas instaladas neste centro. "Basicamente o que facemos é ampliar de tres a cinco anos o período máximo de estancia dunha empresa neste viveiro, tendo en conta que precisamente os estudos económicos indican que a vida das empresas conta o seu período máis comprometido nos primeiros cinco anos", dixo, á vez que recordou que a oferta municipal para fomentar a creación de novas empresas "medrou de forma exponencial coa posta en marcha do Viveiro de Empresas do Papagaio".

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?