Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de setembro de 2013

Transporte marítimo: un primeiro paso cara á redución das emisións

A Comisión Europea presentou recentemente as súas primeiras medidas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) procedentes do sector do transporte marítimo. Para iso propón unha normativa que obriga os propietarios dos grandes buques que utilizan os portos da UE a supervisar e notificar as emisións anuais de dióxido de carbono (CO2) dos seus buques. A Comisión tamén publicou unha Comunicación na que expón a súa estratexia para facer fronte a este tipo de emisións e reducilas, preferentemente a través de medidas de dimensión mundial.

Connie Hedegaard, comisaria europea de Acción polo Clima, declarou o seguinte: “Hoxe marcamos unha clara traxectoria cara á redución das emisións marítimas de gases de efecto invernadoiro. O sistema de seguimento da UE reportará beneficios ambientais e económicos ao sector do transporte marítimo, xa que aumentará a transparencia da información sobre as emisións e alentará os armadores a reducilas. Esta iniciativa coincide totalmente coas propostas máis recentes relativas ás normas de eficiencia enerxética a escala mundial e ás medidas baseadas no mercado que se están debatendo actualmente na Organización Marítima Internacional (OMI). Un sistema rigoroso de seguimento, notificación e verificación das emisións é unha condición esencial para poder examinar con coñecemento de causa a escala europea e mundial os obxectivos de redución para o sector.”

Siim Kallas, vicepresidente da Comisión e responsable da carteira de mobilidade e transporte, declarou o seguinte: “Recoñecemos que o transporte marítimo debe contribuír ao esforzo de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, preferentemente a través de medidas de alcance mundial, que son as máis eficaces dende o punto de vista do medio ambiente e as máis adecuadas dende o punto de vista económico. Nun sector de dimensión mundial como é o do transporte marítimo, a OMI é o foro máis idóneo para alcanzar o obxectivo previsto. A UE, baseándose na estratexia que hoxe se presenta, proseguirá os seus esforzos, xunto aos seus socios a escala mundial, para lograr unha solución global internacional. A proposta de hoxe constitúe unha significativa contribución ao empeño da OMI por reducir a utilización de combustible e incrementar a súa eficiencia nos buques, mercé a unha serie de instrumentos entre os que se contan medidas técnicas e medidas baseadas no mercado.”

As emisións dos grandes buques no punto de mira

A proposta establecerá o marco xurídico da UE para a recompilación e a publicación de datos anuais verificados sobre as emisións de CO2 de todos os buques de gran tamaño (máis de 5.000 toneladas de rexistro bruto) que utilizan os portos da UE, independentemente do lugar en que estean matriculados.

Os armadores deberán supervisar e notificar a cantidade verificada de CO2 emitida polos seus buques de gran tamaño que efectúen traxectos entre portos da UE ou teñan a súa orixe ou destino neles. Tamén se lles esixirá que proporcionen outros datos, como os destinados a determinar a eficiencia enerxética do buque.

Os buques deberán levar a bordo un documento de conformidade, que deberá estender un verificador independente e será obxecto de inspección por parte das autoridades dos Estados membros.

Proponse aplicar as normas a partir do 1 de xaneiro do 2018.

Cara a un sistema mundial

O sistema europeo pretende sentar as bases dun sistema mundial. As normas propostas apoian unha formulación por etapas cara ao establecemento de normas mundiais de eficiencia enerxética para os buques existentes, tal e como propoñen os Estados Unidos co apoio doutros membros da OMI. No caso de que se cree un sistema mundial, as normas da UE adaptaranse a el.

Carga administrativa mínima

A proposta da Comisión pretende reducir ao mínimo a carga administrativa das empresas e, para iso, as normas previstas baséanse en documentos e equipos que xa levan a bordo dos buques actualmente. As empresas poderán elixir os métodos de seguimento que prefiran.

Redución de emisións e custos

Segundo a avaliación de impacto da Comisión, co sistema de seguimento, notificación e verificación (SNV) proposto prevese reducir as emisións de CO2 dos traxectos cubertos ata un 2 % con respecto á situación actual. O sistema tamén reducirá os custos netos dos armadores arredor duns 1.200 millóns EUR anuais de aquí ao 2030.

Ademais, proporcionará información de grande utilidade para coñecer o rendemento de cada buque, os custos operativos conexos e o posible valor de revenda, o cal redundará en beneficio dos armadores, que estarán mellor preparados para tomar decisións sobre grandes investimentos e obter o financiamento correspondente.

Próximas etapas

O Parlamento Europeo e o Consello examinarán agora a proposta, pois é necesaria a súa aprobación para que poida converterse en acto xurídico.

Antecedentes

As emisións do sector do transporte marítimo internacional representan hoxe en día o 3% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro (GEI) e o 4% das emisións de GEI da UE. Se non se adoptan medidas, prevese que se incrementen considerablemente no futuro, dado o aumento que se estima rexistrarán os intercambios comerciais entre todos os continentes. Este crecemento minaría os esforzos que se están realizando noutros sectores para reducir as emisións globais de GEI da UE.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión