Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xuño de 2021

A alumna da EASD Pablo Picasso, Andrea Cagiao, ilustrará unha campaña de seguridade viaria tras gañar o Concurso da Policía Local

O concelleiro Juan Ignacio Borrego outorgoulle esta mañá á estudante un galardón valorado en 300 euros por plasmar a actitude colaboradora do corpo nunha axente que colle no colo a un rapaz que non chega á altura recomendada para deixar de usar o Sistema de Retención Infantil no coche

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, outorgou este mediodía no salón de plenos o premio do Concurso de Seguridade Viaria organizado pola Policía Local, que recaeu na alumna Andrea Cagiao, da EASD Pablo Picasso, á que se dirixe este certame. A rapaza soubo sintetizar nunha ilustración amable e orixinal a importancia de que as nenas e nenos utilicen o SRI (Sistema de Retención Infantil) até alcanzaren unha constitución que garanta a súa seguridade. O edil destacou que o talento de Andrea servirá para difundir esta mensaxe a través de carteis, nos que se poderá apreciar a actitude colaboradora da muller policía que colle no colo a un neno que non chega aínda á altura recomendada para deixar de usar a cadeira.

A estudante recibiu un galardón valorado en 300 euros para gastar en material: "A túa arte sérvenos hoxe para concienciar e informar de forma visual dunha cuestión que moitas persoas descoñecen. Nesa aposta pola seguridade viaria, o SRI cumpre un labor importantísimo. A educación é fundamental para evitar os accidentes de tráfico e para promover as boas prácticas no coche". O tenente de alcaldesa recordou que o Goberno de Inés Rey procura unha mobilidade branda "fomos precisamente das primeiras cidades en establecer os 30 km/hora como velocidade máxima na meirande parte das rúas", en que se priorice o uso do transporte público e da bicicleta.

Ao acto tamén asistiron o vicedirector da escola, Mario García Herradón e a profesora Gloria María Rodríguez Simón, así como familiares da gañadora e o xefe de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión