20 de setembro de 2022
Este sábado terá lugar no Coliseum un espectáculo de exhibición policial, de acceso libre ata completar capacidade, durante o cal levaranse a cabo demostracións operativas coa participación de medios aéreos e os TEDAX
O programa comeza esta semana cunha exposición de ‘Medios y Museo de la Policía’, que estará aberta ao público ata o vindeiro mércores 28 na Mariña e O Parrote
A Coruña foi a cidade escollida este ano polo Ministerio de Interior para a celebración dos actos centrais polo Día da Policía, que terán lugar desde este xoves 22 e prolongaranse ata o vindeiro día 28, achegando á cidadanía ao traballo diario dos profesionais que integran a Policía Nacional, e, ademais, facendo partícipes ás coruñesas e coruñeses en diversas actividades formativas, divulgativas e tamén de carácter deportivo.
A alcaldesa, Inés Rey, tomará parte este xoves 22 no primeiro dos actos previstos, coa posta en marcha da 'Exposición de Medios y Museo de la Policía', que estará situada na contorna da Mariña e o paseo do Parrote. A mostra, que será ao aire libre, exhibirá distintas unidades da Policía Nacional e, entre elas, as persoas asistentes poderán contemplar unha colección de autómobiles policiais históricos, así como un helicóptero e camións da Policía Científica, entre outros vehículos.
Esta exposición estará aberta ao público ata o vindeiro mércores 28, en horario de mañá (de 11.00 a 14.00 horas) e de tarde (de 17.00 a 20.00 horas), coa excepción da xornada de peche, cando se poderá visitar ata as 14.00 horas.
A programación de actos continuará o venres 23, co concerto didáctico infantil 'Música y Policía', que interpretará a Banda Sinfónica da Policía Nacional no Palacio da Ópera a partir das 11.00 horas.
Xa durante a fin de semana, o sábado 24, o Coliseum da Coruña acollerá un espectáculo de exhibición policial durante o cal levaranse a cabo demostracións operativas coa participación de medios aéreos, guías caninos, cabalería, TEDAX-NRBQ, os GEO e tamén unidades de Seguridade Cidadá. Será un dos actos principais no contexto da programación polo Día da Policía. Esta exhibición, que comezará ás 11.00 horas, será de acceso libre ata completar capacidade. Tamén o sábado, ás 22.00 horas, a Coiraza do Orzán será o punto de saída da carreira nocturna 'Ruta 091, polos heroes do Orzán', en homenaxe aos policías nacionais Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor, falecidos nas augas da praia do Orzán hai dez anos ao intentar salvar ao estudante eslovaco Tomas Velicky, que tamén perdeu a vida. A carreira 'Ruta 091, polos heroes do Orzán', de 5,6 quilómetros de percorrido, rematará na praza do Parrote.
Ciclo de conferencias informativas
Xa o luns 26, e en sesións de mañá e tarde, o paraninfo da Universidade da Coruña acollerá un ciclo de conferencias que achegará ao público os avances experimentados polo corpo policial na loita contra a ciberdelincuencia, así como as emerxencias a nivel autonómico en Galicia e tamén ás relacións diarias da Policía Nacional cos medios de comunicación.
Os horarios e participantes nas conferencias son os seguintes:
O acto central polo Día da Policía, o mércores 28
A programación de actos polo Día da Policía enfilará a recta final o martes 27, coa gala de premios da Policía Nacional, que terá lugar no Palexco desde as 19.00 horas coa intervención da alcaldesa, Inés Rey. Durante a celebración da mesma, outorgaranse os Premios Valores Humanos y de Periodismo de la Fundación Policía Española nas categorías de prensa escrita e dixital, radio e televisión.
Xa o mércores 28, a praza de María Pita acollerá o acto institucional central polo Día da Policía. Desde as 11.30 horas, e coa intervención da alcaldesa, Inés Rey, efectuarase unha entrega de condecoracións, seguida dunha homenaxe aos policías falecidos en acto de servicio. O acto concluirá coas formacións estética e dinámica das unidades da Policía Nacional presentes na xornada.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible