Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xaneiro de 2020

A Xunta de Goberno Local aproba a declaración dos Xardíns de Méndez Núñez como Zona de Especial Protección

O Goberno dá luz verde ao proxecto para estabilizar o noiro lindeiro ao Pazo da Ópera, que garantirá a seguridade dos peóns

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a declaración dos xardíns de Méndez Núñez como Zona de Especial Protección. Con esta medida, o Goberno local busca protexer o patrimonio histórico e ambiental desta zona e velar pola saúde pública, en especial das mozas e mozos que se reúnen para faceren botellón. A declaración publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia e desde mañá estará prohibido beber nos xardíns. O Goberno local ten previsto incrementar a vixilancia policial cun dispositivo especial e colocaranse carteis para informar da prohibición.

Esta iniciativa responde ao traballo realizado desde distintas concellerías para poder sacar adiante esta declaración, en especial Medio Ambiente, que presentou numerosas propostas e que está a realizar un inventario de especies como paso previo á posta en marcha dun plan integral de mellora e rehabilitación que levará o Goberno local a lle solicitar á Xunta a declaración da zona como Ben de Interese Cultural (BIC).

Por outra banda, a Xunta deulle luz verde ao proxecto presentado pola Área de Urbanismo para estabilizar o noiro rochoso situado na avenida de Arteixo lindeira co Pazo da Ópera, que permitirá evitar desprendementos e garantir a seguridade das e dos peóns. O orzamento de licitación ascende a 661.983 euros e conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, debido a que as obras afectan a un ben (Casa das Ciencias, muíño de vento e mural da avenida de Arteixo) que dispón dunha protección de grao 2.

Tamén se aprobou concederlle á empresa Abdullah 1 SL dúas licenzas urbanísticas por un importe de máis de 1,2 millóns para construír 47 vivendas en dous inmobles nos números 19 e 21-23 da rúa Rey Abdullah, que forman parte da área de desenvolvemento de "Praza Porticada". Unha das licenzas é para realizar un edificio de 16 vivendas, local comercial na planta baixa e garaxes, e a segunda para un edificio de 31 vivendas, tres locais comerciais e garaxes.

Doutra banda, en resposta a unha sentenza xudicial do 8 de outubro da sección segunda da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, déuselle o visto e prace  a unha das modificacións do Plan Xeral que afecta ao ámbito de acción QG-49 "equipamento en Oza" (unha parcela de equipamento educativo-sanitario) que pasa a ser catalogada como chan urbano consolidado e mantén o seu uso. O documento deberá ser enviado á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta para a súa avaliación ambiental estratéxica. A inmobiliaria Masar SL presentou un recurso contra a aprobación do PXOM de 2013 que clasificaba o chan como equipamento non consolidado, mentres que no plan de 1998 aparecía como chan consolidado de uso residencial. O tribunal deulle parcialmente a razón á inmobiliaria e recoñece a natureza de chan urbano consolidado. De forma adicional, cualifícase como local dotacional de uso relixioso privado a parcela obxecto da licenza.

Ademais, o Concello comparecerá no recurso presentado pola empresa UTE Albada contra os acordos adoptados pola Xunta de Goberno os días 27 de  novembro e 17 e 26 de decembro de 2019 sobre o procedemento de intervención temporal da planta de tratamento e eliminación de residuos da planta de Nostián.

Outros dos asuntos da orde do día foi a adxudicación do contrato do servizo de vixilancia dos Museos Científicos coruñeses por un importe de 168.620 euros á UTE Patrimonios, SA-Imán Seguridade SA. O prazo de duración do contrato será de tres anos, prorrogables por dous anos máis, ata un máximo de 5 anos.

Tamén se aprobou a prórroga do contrato realizado entre o Concello e a empresa Cenador Cátering SL (inicialmente Mascatering SL) para a explotación en réxime de concesión do restaurante-cafetería da Casa do Home. A prórroga finalizará o día 5 de xullo de 2021.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión