Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de outubro de 2019

O goberno local presenta unha campaña especial de vixilancia e control de estacionamentos incorrectos de vehículos

O obxectivo, apuntou a alcaldesa, é previr e corrixir os malos hábitos que provocan “serios trastornos na mobilidade urbana, así como na seguridade das persoas usuarias das vías” Reforzaranse as patrullas da Policía Local de Tráfico para poder vixiar estas condutas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o máximo responsable de seguridade do Concello, Carlos García Touriñán, presentaron esta mañá a campaña especial de vixilancia e control de estacionamentos incorrectos de vehículos que poñerá en marcha o goberno local a partir da vindeira semana.

O obxectivo, apuntou Rey, é previr e corrixir os malos hábitos que provocan "serios trastornos na mobilidade urbana, así como na seguridade das e dos usuarios das vías". Esta campaña trata de poñer o foco naqueles estacionamentos incorrectos que persisten no tempo e que gozan de certa impunidade. Asegura que estes malos hábitos das/os condutoras/es persisten no tempo "ante a inexistencia dunha política correctora, continuada, sistemática e educadora, debido á propia dimensión dos recursos humanos policiais e ao volume de servizos xerados e demandados pola cidadanía". "Non se trata só da dobre fila, senón de todos os estacionamentos  incorrectos, como poden ser os dos pasos de peóns, contedores, encima das beirarrúas ou impedindo a saída e entrada aos portais".

Nesta campaña especial participarán todas as dotacións e persoal de servizo, nas súas respectivas zonas de intervención e atendendo igualmente aos criterios de prioridades e especificidades establecidas desde as súas respectivas xefaturas de

unidade. De maneira directa e específica, en función do persoal dispoñible no servizo diario, asignaráselles como labor exclusivo a aquelas patrullas e dotacións establecidas a través da planificación semanal que se levará a cabo por parte das xefaturas das unidades de distritos diúrna e de tráfico. Igualmente na quenda de noite estableceranse dispositivos individualizados para a vixilancia e o control de infraccións nas zonas delimitadas neles. Inés Rey adiantou que se sumarán a tráfico varias patrullas motorizadas que ata o de agora realizaban unicamente tarefas de seguridade cidadá. "Fago un chamamento a todos e todas as condutoras para que fagan un uso cívico das vías públicas. Non queremos sancionar, non é o obxectivo, pero farase se é necesario", apuntou Rey.

As infraccións prioritarias para vixiar serán os estacionamentos nas esquinas das rúas, que restan visibilidade e dificultan ou impiden o xiro; a dobre fila/carril de circulación; dobre fila preto de pasos de peóns, ciclistas ou cruzamentos que restan visibilidade; vehículos estacionados diante dos contedores de lixo que obstaculizan parte do carril de circulación; vehículos estacionados nos illotes, refuxios, medianas, dificultando a visibilidade doutros vehículos ou de peóns; vehículos estacionados sobre as beirarrúas, paseos, pasos de peóns e pasos rebaixados e zonas axardinadas (total ou parcialmente); paradas de bus e de carga e descarga; reservados para persoas con diversidade funcional; vehículos estacionados fóra dos límites da ORA ou vehículos estacionados en lugar prohibido.

A alcaldesa asegurou que esta campaña será permanente e espera que as sancións non se eleven, posto que isto significaría que os condutores e as condutoras se concienciaron deste problema endémico da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión