Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de maio de 2018

O túnel do Parrote permanecerá pechado ao tráfico durante catro días a vindeira semana por obras no seu pavimento

O edil de Rexeneración Urbana indica que a afección á circulación “será mínima” e os ramais da Mariña e María Pita permanecerán abertos para canalizar o tráfico. A actuación, encamiñada a atallar os problemas de filtracións de auga na infraestrutura, comeza mañá sábado e ten unha duración prevista de 18 días. Varela celebra que a Autoridade Portuaria, responsable da obra, acometa unha actuación demandada pola cidadanía e polo Goberno local, que sinalou deficiencias no túnel dende a súa posta en funcionamento.

A Concellería de Mobilidade Sostible informa dos cortes que se producirán no túnel do Parrote a vindeira semana como consecuencia das obras de reforma sobre a pavimentación que se acometerán desde mañá e ao longo de 18 días, e que suporán o peche completo deste ramal durante catro xornadas (dende as 08.00 horas do xoves día 10 e ata as 07.00 horas do luns 14). Durante o resto destas xornadas de traballo, a circulación manterase aberta en todo momento en sentido Mariña ao castelo de San Antón. As obras, que como indica o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, están promovidas pola Autoridade Portuaria e serán acometidas por Copasa, só afectarán ao ramal do Parrote, polo que non se restrinxirá ou pechará o tráfico de vehículos nos tramos da Mariña e María Pita, "e a afección ao tráfico será mínima", sinala.

Esta actuación está encamiñada a solventar os problemas de filtracións de auga do mar e os abombamentos no pavimento que causa a presión do mar nesta sección do túnel. "Temos reclamado á Autoridade Portuaria, como responsable que é da obra, que actúe e acometa os traballos necesarios para atallar uns problemas de filtracións no pavimento que teñen a súa orixe na mesma construción do túnel", indica o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. Neste sentido, o edil celebra que "a Autoridade Portuaria acometa unhas obras demandadas pola cidadanía e polo Concello, que aceptou poñer en marcha a opción que considera máis viable de entre as que propuxo a Autoridade Portuaria e sobre a que mantén a condición de que o pavimento debe manterse seco tras a actuación".

A intervención desenvolverase en tres fases e afectarán a todo o ramal, coa excepción da rampla de acceso. A primeira comeza xa mañá sábado, 5 de maio ás 08.00 horas, e consistirá na elevación das beirarrúas para adaptalas ao novo pavimento. Durante o tempo que está previsto que dure esta fase, na que se traballará de forma continuada ata as 07.00 horas do mércores 9, só se producirá o corte dun carril de circulación, polo que se manterá sempre a circulación en sentido A Mariña-Castelo de San Antón. O xoves as 08.00 horas comezará a segunda fase, na que o ramal permanecerá completamente pechado ata as 07.00 horas do luns. Durante estes días realizaranse actuacións na calzada, que buscan diminuír a presión que exerce a auga do mar e mellorar a súa evacuación antes de que suba ata o pavimento. Durante as horas diúrnas do luns o viario subterráneo estará aberto, pero volverá pecharse entre as 22.00 e as 07.00 horas do martes día 15 para acometer a sinalización horizontal do ramal. Na última fase abordarase a adaptación de sumidoiros e outros elementos ao novo pavimento e levaranse a cabo tarefas de limpeza, traballos que se realizarán en horario nocturno, das 22.00 ás 07.00 horas, entre os días 15 e 22 de maio.

Tanto o sentido único que manterá o ramal do Parrote durante as obras como o corte total por catro días estarán sinalizados tanto na rotonda de Veramar, para que o tráfico en sentido A Mariña poida desviarse polo túnel de María Pita, como na praza de Ourense e en Linares Rivas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión