Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de maio de 2019

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07.00 horas do 22 de maio até as 07.00 horas do 28 de maio do 2019

DETIDOS POR UN DELITO DE ROUBO CON FORZA EN VEHÍCULOS ESTACIONADOS

- Ás 16.22 horas do 27 de maio, unha patrulla da Policía Local foi comisionada por medio da Sala 092 para que se trasladase ao Polígono da Grela onde se producira un roubo nun vehículo. Unha vez no lugar, a dotación foi requirida por dúas testemuñas que relataron como viran como unha persoa fracturaba o portelo dianteiro dun vehículo estacionado e manipulaba a guantera e unha bicicleta que estaba na parte traseira. Ao verse sorprendido por esta testemuña, esta persoa abandonou o lugar en compañía doutra persoa, que aínda que non entrou no interior do vehículo, atopábase con el. Coa descrición física facilitada e coa colaboración doutra dotación policial, localizaron a estas persoas xunto a unhas vivendas abandonadas no Lugar de San José. No lugar tamén detectaron outro vehículo aberto do que a súa propietaria botou en falta unha mochila que non se puido localizar. O autor dos feitos, un home de 42 anos, foi denunciado por un delito de roubo con forza, e o seu acompañante foi identificado nas dilixencias xudiciais aos efectos de comprobar a súa responsabilidade penal.

Ás 00.15 horas do 23 de maio, recibíronse varias chamadas na Sala do 092 informando de que un individuo rompera o portelo esquerdo dun taxi estacionado na rúa Pla y Cancela e subtraera obxectos do seu interior. Ao lugar desprazouse unha dotación da Policía Local e entrevistouse cunha testemuña que fixo unha descrición física do autor dos feitos e sinalou que vira como tirara algo nunha papeleira. O condutor do taxi, que se desprazou ao lugar, botou en falta un caxetín de carga de moedas e un teléfono móbil preparado para ser utilizado co aplicativo para taxi. A patrulla efectuou unha batida pola contorna e recuperou o caxetín de moedas nunha papeleira e localizou ao home descrito pola testemuña nun caixeiro. Esta persoa identificouse como un home de 32 anos sen domicilio fixo e localizouselle, nun cacheo superficial, o terminal móbil que foi recoñecido polo condutor do taxi. O home foi detido e traslado a dependencias policiais.

CONTROIS PREVENTIVOS DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 12.10 horas do 22 de maio, unha dotación policial, que estaba a realizar un control de documentación e drogas no Paseo Martítimo, detectou como un vehículo que circulaba na súa dirección, ao velos, daba marcha atrás e estacionaba. A patrulla aproximouse ao lugar e comprobou que o seu condutor, un home de 34 anos, non obtivera nunca o permiso de condución, polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria. O vehículo, da marca e modelo Seat Ibiza, foi inmobilizado e retirado ao Depósito municipal.

- Ás 03.30 horas do 23 de maio, unha patrulla deu o alto a un vehículo cuxo condutor, un home de 43 anos, arroxou uns resultados positivos (0,85 e 0,87 mg/l) nas probas de alcoholemia ás que foi sometido, polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado. O vehículo, da marca e modelo Renault Megane, foi inmobilizado e trasladado ao Depósito municipal.

- Ás 23.30 horas do 28 de maio, produciuse un accidente da clase `raspado´ na rúa Pla y Cancela, no que estiveron implica dous vehículos: un Seat León e un BMW X3. O condutor do Seat León arroxou uns resultados positivos (0,64 e 0,70 mg/l) nas probas de bebidas alcohólicas ás que foi sometido. Este home de 59 anos tiña pendente de realizar o curso de reeducación viaria por unha suspensión superior a dous anos, motivo polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado de garda como autor de dous delitos contra a seguridade viaria. O vehículo foi inmobilizado e retirado ao Depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 00.45 horas do 29 de maio, produciuse un accidente da clase `contra obtáculo fixo´ no Paseo Rolda, á altura das Escravas, cando un Toyota Auris chocou contra a mediana de formigón. O condutor, de 49 anos, arroxou uns resultados positivos (1,08 e 1,10 mg/l) nas probas de bebidas alcohólicas, polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado de garda como autor dun delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi inmobilizado e retirado ao Depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión