Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de outubro de 2019

O Concello aposta por un proxecto pioneiro en España que instala gratuitamente detectores de incendio nos fogares con persoas maiores

Inés Rey explicou en que consiste este proxecto impulsado por Seguridade Cidadá e Benestar Social no contexto da inauguración da 14.ª Semana da Prevención de Incendios da Coruña

Esta mañá inaugurouse a 14.ª Semana da Prevención de Incendios da Coruña coa realización das Xornadas de Emerxencias na sede da Afundación. Ao acto asistiron a alcaldesa da cidade, Inés Rey, o director de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director de Seguridade Viaria da Fundación MAPFRE, Antonio García Infanzón.

O obxectivo desta campaña é inculcar na poboación a formación, prevención, autoprotección e actuación ante os incendios tanto nos fogares como fóra deles, na contorna empresarial; prestando tamén especial atención na protección de incendios nas edificacións e nos incendios industriais que son "un risco importante na nosa cidade ao ter unha planta petroquímica", detallou Touriñán.

O director de Seguridade Cidadá explicou que son "unhas xornadas cunha gran variedade de persoas relatoras para tratar temas de actualidade no mundo das emerxencias como o coordinador dos incendios de Gran Canaria que por desgraza foron actualidade este verán, ou do rescate dun menor en Totalán, que por primeira vez veñen expoñer fóra de Málaga". Touriñán tamén lle agradeceu á alcaldesa o seu compromiso "por apostar desde un inicio polas emerxencias e porque esta cidade sexa cada vez máis segura, non só coa realización deste tipo de actos senón polo seu compromiso de primeira man por levar ela a Área de Seguridade Cidadá".

Pola súa banda, Inés Rey asegurou que A Coruña "é unha cidade que sempre apostou pola prevención e seguridade da súa veciñanza" e agradeceu a participación de todos os organismos e áreas colaboradoras para que a "décimo cuarta edición da Semana da Prevención de Incendios sexa posible".

A rexedora quixo recordar que "o concello non só fai prevención unha vez ao ano, senón que traballa durante todo o ano realizando actividades de prevención para as súas veciñas e veciños" como o proxecto "pioneiro en España" entre Seguridade Cidadá e Benestar Social para "levar de forma gratuíta detectores de incendio conectados directamente co parque de bombeiros aos fogares de persoas maiores que vivan soas e que poidan ser un factor de risco de incendio". Sen dúbida, asegurou, "unha aposta polas nosas e nosos maiores".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión