24 de maio de 2024
O Concello incorporou 40 novos e novas axentes dende o pasado mes de outubro e a OPE deste ano conta con preto de 20 prazas de Policía Local
A alcaldesa presidiu o acto de homenaxe aos e ás axentes do servizo, con recoñecemento a civís e outras forzas e corpos de seguridade e destacou as 242 detencións realizadas no último ano como exemplo da colaboración da Policía Local coa Policía Nacional, xunto coas 608 persoas auxiliadas
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá o acto polo Día da Policía Local no Salón de Sesións de María Pita, en homenaxe aos e ás axentes do servizo. Rey reivindicou a necesidade de recoñecer o traballo diario da Policía Local: "Como servizo esencial que sodes, o voso traballo diario, silente e discreto é tamén invisible para moitas persoas. Con todo, non hai un día no que un coruñés ou unha coruñesa desenvolva algunha acción cotiá sen contar co apoio ou colaboración da Policía Local" sinalou.
Durante o acto concedéronse medallas á permanencia no servizo a aqueles e aquelas axentes que estiveron en activo 20, 30 e 35 anos xunto co recoñecemento aos axentes xubilados o pasado ano 2023. Tamén a civís como persoal traballador doutros servizos municipais e outras forzas e corpos de seguridade. A alcaldesa destacou a vocación de servizo público de todos eles e elas que definiu como "condición que non entende nin de horarios ou quendas" porque vai implícita na propia personalidade de cada unha das persoas recoñecidas e engadiu que "non hai maior orgullo que saber que contamos con vós".
Lembrou que nos 179 anos da historia da Policía Local foron moitas xeracións as que pasaron polo corpo demostrando dedicación e colaboración. Destacou as 608 persoas auxiliadas neste último ano, como mostra da entrega do corpo policial xunto coa colaboración doutros servizos de seguridade e emerxencias. E tamén as 242 detencións realizadas como exemplo da colaboración entre a Policía Local e a Policía Nacional. "Dous corpos que, como saben, teñen competencias diferentes, mais cuxa coordinación e acción conxunta beneficia a vida da nosa cidadanía" apostilou.
Rey lembrou a incorporación de 40 novos e novas axentes de Policía dende o mes de outubro, 10 a finais de 2023 e 30 máis a comezos deste ano, co que foi a maior incorporación dende 1992 e completou o cadro de persoal máis numeroso de Galicia. "Fai unhas semanas aprobabamos tamén a OPE deste ano, con preto de 20 prazas para Policía Local seguindo o obxectivo de ampliar e reforzar o servizo de referencia en Galicia", sinalou. A alcaldesa tamén destacou os recoñecementos recibidos nos Premios Nacionais do Programa Axente Titor, onde cinco axentes coruñeses recibiron a Cruz ao Mérito Policial como referentes a nivel galego pola iniciativa; xunto co Premio Nacional ás Boas Prácticas na Educación Viaria, outorgado o pasado ano 2023.
Ao acto asistiron a concelleira de Atención e Seguridade Cidadá, Montserrat Paz; xunto con outros membros do Goberno local e da corporación. Tamén asistiron o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz Castroverde; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López; o delegado de Defensa en Galicia, Antonio Bernal Martín; e o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva Álvarez.
Nómina de persoas distinguidas no acto
Concesión da medalla e diploma á permanencia no servizo
20 anos de servizo activo
30 anos de servizo activo
35 anos de servizo activo
Homenaxe aos policías locais xubilados no ano 2023
Concesión da medalla e diploma de felicitacións públicas
Concesión da medalla e diploma pola traxectoria profesional exemplar, a axentes do corpo da Policía Local da Coruña
Concesión da medalla e diploma ao mérito extraordinario, a axentes do corpo da policía local da coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible